Número total de visualizações de páginas

sexta-feira, janeiro 18, 2008

Top Secret

Un curioso comentario anónimo apareceu neste blog facendo referencia á recente polémica no mundo literario galego. Eu nin quito nin poño, como dicía unha famosa pitonisa na radio no te digo ni que si ni que no, las cosas vienen y van, só recorto e pego porque iso si, a polémica é o meu medio natural:

Está ben, Suroeste, está ben. Revelarei o segredo. Hai meses uns operarios que derrubaban unha casa en X atoparon un manuscrito. Entregáronllo a un erudito local que pasaba por alí quen, despois de varias pescudas, descubriu que aquel feixe de papeis posuía varias características extraordinarias: a) Non correspondía con ningunha obra publicada. b) Tiña unha data posterior a 1967. c) Non estaba asinado por Franco Grande. d) Colocábanse os pronomes segundo as gramáticas e e) Sorprendentemente, era unha peza literaria BOA??? Inmediatamente, o investigador púxose en contacto co xornal citado por vostede para venderlle o manuscrito. Déronlle un bo mangado de reás, puxéronse en contacto con varios especialistas en crítica literaria (que logo desapareceron misteriosamente) e comezaron a deseñar unha estratexia, xa que a publicación desa obra BOA??? ía facer que o número de lectores en galego aumentase de forma vertixinosa. Primeiro, claro, a versión en galego na rede (seica se preocupan pola nosa lingua) e logo a polémica sobre a literatura galega escrita despois de 1967 (para logo eles poderen presentar unha obra BOA?? escrita en data posterior). Pero non acaba aí o sarillo: por que desapareceron os críticos literarios en condicións non aclaradas? Estes especialistas déronse conta de que a obra estaba asinada por unha persoa que procedía, non podía ser doutra maneira, da dinastía merovinxia. Por que, Suroeste, se nomea a un sobriño de Rouco para o bispado de Lugo? Por que? Creo que xa o sabe.

21 comentários:

Anónimo disse...

Suroeste, por favor. Se o post que comenta parece a obra do gracioso de turno! A historia é simpática, é un falar, pero ten un erro que calquera pode ver. Analicemos: a) O do manuscrito: pode ser pois todos sabemos que autores tan importantes como Cervantes ou Potocki atoparon as súas obras escritas por outros en manuscritos. b) O da dinastía merovinxia, o sangue real. Estraño pero non descartable porque é certo que hai certos críticos literarios que xa non escriben nos nosos xornais. Por que "el" ou "ela" xa non publican os seus acertados comentarios na prensa? Non fai falla que aclare os pronomes, todos sabemos quen son. Que foi deles? Desapareceron, evidentemente. Algo hai, algo pasa.
Concedo que a historia contada podería sosterse nestes dous piares pero hai algo que a fai totalmente inverosímil. Como se pode afirmar, como pode afirmar alguén, con coñecementos teóricos sobre literatura, ou mesmo coa súa única experiencia como lector/a, que se puido escribir unha obra en galego, boa, despois de 1967, que non estivese asinada por Franco Grande? Por favor, Suroeste, non ve que lle están metendo un calote? É indignante.

SurOeste disse...

Eu xa me perdín: insinúa vostede que Rouco Varela ten algo que ver na desaparición dos críticos? E a NOVELA que todos agardamos como auga de maio que nos ía salvar da empanada mental ou impasse cultural após 1967? Está involucrada a Inquisición tamén e por iso o Papa xa non dá a cara?

Anónimo disse...

Suroeste, véxome de novo obrigado a intervir despois de ler estes dous posts. Revelarei algo máis do asunto, arriscándome a ser localizado pola irmandade HG (a que protexe o manuscrito HG, designado así polo nome da empresa de construción que o atopou "Hermanos Gómez S.A."). Descubriuse que o autor do ms. era un parente afastado de Ruíz Gallardón. O Vaticano non podía permitir que o sangue "real" chegase a un hipotético goberno amigo nin que se soubese (de aí a desaparición dos reputados críticos). Non direi máir nada. Se quere saber máis, podemos vernos nalgunha cafetária discreta dunha remota vila dunha remota provincia (válelle Vigo?).

SurOeste disse...

Oh Deusa! queren destruír todo o NOVO!

Anónimo disse...

Si, a conspiración é mundial e agora, Ruíz deiecto, o obxectivo é destruír o manuscrito que contén o texto máis innovador da literatura galega. Atrévome, unha vez máis, a revelar as primeiras liñas desa grande novela escrita polo noso Xoice: "Un edificio baixo e gris de só trinta e catro plantas. Por riba da entrada principal as palabras: CENTRAL DE INCUBACIÓN E CONDICIONAMENTO DE VIANA-CENTRO e nunha placa, o lema do Estado Mundial: COMUNIDADE, IDENTIDADE, ESTABILIDADE". Supoño, Suroeste, que estará impresionada. Nunca antes lera nada igual, nada tan orixinal na nosa lingua. Cóntolle isto para que entenda o que podería pasar se The Rouco's acaban co manuscrito. Menos mal que está ben protexido pola LVDG. E da nosa cita que?

SurOeste disse...

Un momento...LVGD????

Anónimo disse...

Suroeste fun un imprudente. Perseguido, asemade, polos HG e polos Rouco´s vinme na obriga de marchar ó Brasil, un bar que abriu un paisano meu esperando os millóns de visitantes do Gaiás. Aquí estou, alimentándome unicamente de higos predilectos da provincia da Coruña. Estou só. Na miña desesperación chamei á academia e dixéronme que só me podían ofrecer un curso de mecanografía e outro de guitarra por correspondencia (?); chamei a unha universidade e contestáronme que "sólo estaban interesados en la implantación de los nuevos granos" (?); chamei a Cultura pero como o ms. non se atopara no Gaiás que non era competencia deles, que chamara a Vivenda (?); chamei a Zapatero pero resulta que estaba na provincia de Zamora buscando madeira (?). Repito estou só. Onde están os intelectuais galegos, o pobo galego, que non se pronuncian nestes momentos tan difíciles para a nosa cultura? Suroeste, non me podería acoller na súa casa? Asegúrolle que as miñas necesidades fisiolóxicas son incluso menores cás filolóxicas. Se morro, sei que o meu fillo, de dous meses, me vingará, que conseguín que o coidaran uns bos amigos e xa lle están aprendendo a da-la pata. Fáleme, Suroeste.

Anónimo disse...

Aínda que teño a impresión de meterme nunha conversa privada e cómplice, só quería apuntar que esa polémica xurdida a raíz dos comentarios do señor Franco paréceme absurda. Non hai máis que mirar todo o que se publicou a partir da data que el cita para botar por terra o que di. Por favor, nunca se publicou tanto, bo, malo e regular coma nos últimos corenta anos. A esmorga hai temopo que deixou de ser a marabilla das marabillas, porque hai outras obras tan boas ou mellores.
A min, Suroeste, non me gusta a polémica, pero, carafio, non podo quedar muda ante tanta insensatez.

SurOeste disse...

A min encántame a polémica, a discusión, a diversidade de pareceres, a loita pola arte, a loita polo poder, os asaltos ao pazo de inverno, a toma da bastilla, a guerrilla en Sierra Madre, a reacción dos consagrados...iso é vida do campo.
Para coller as troitas hai que mollar as bragas, non lle parece querida Peke? Que se mollen! Mollémonos!

SurOeste disse...

Entretanto, estou pensando que con todo este material ben poderiamos escribir unha novela.

SurOeste disse...

A ....NOVELA???

Anónimo disse...

Outra teima que non acabo de comprender. Escribir a NOVELA, a gran novela. Digo eu que será mellor escribir as NOVELAS, as grandes novelas, e para iso cómpre escribir moito, de todo, para que saian as que destaquen.

Anónimo disse...

Porque sobre gustos non hai nada escrito, e o que auns lles parece a décima marabilla, a outros pode deixarnos fríos e indiferentes. Que clase de elixido é ninguén para dicir que por fin se escribiu a gran novela? Entendidos hai moitos, o caso é facerlles caso. ;)

Mr Tichborne disse...

Non dubido a veracidade ou falsidade do enriba escrito. Como dicía Arsenio Iglesias, fecundo vate, "por un lado non sei, e polo outro, que queres que che diga?"
Só tiña unha pregunta: Que pasou no 1967??

SurOeste disse...

Pois, segundo Franco Grande hai 40 anos que non se escribe nada de mérito en galego. De Toro, furioso, ironiza que efectivamente, en 1967 publicouse unha obra poética de Franco grande da que ninguén se acorda e... atopará referencias a toda esta polémica no Brétemas (enlaces co Luzes do País). E xa a temos armada.

Anónimo disse...

Pensan vostedes que é unha novela? Localizaron o bar Brasil en Google Earth, alí no monte Gaiás. Si, sinto o frenético fru-fru das vestiduras talares achegándose polo corredor. Suroeste, déixolle na consigna (39) da estación de tren da Coruña unha copia do manuscrito. Son 2500 páxinas. Vostede é agora a única responsable de publicalo (fágao por entregas, no seu blog, cobrando un euro por descarga). Xa abren a a porta... Non me esqueza, lembre que o máis importante de todo isto é o feito de qu

Anónimo disse...

Sra. Suroeste: Son o "R". O seu patético confidente xace ós meus pés, corpore insepulto. Os nosos axentes xa están na estación da Coruña. Cando se achegue vostede a recoller o manuscrito, pillarémola. Cando nos vexa, non tente atordarnos coa lectura de longas pasaxes de Bourdieu ou Casanova. Nós lemos a Odisea. Non imos permitir que se difunda un texto que demostra o evolucionismo na literatura galega, dende a época medieval, fronte ó creacionismo: a literatura galega foi creada en 1967, non antes nin despois, por un ser superior. Estas teorías heréticas que andan circulando pola rede, concretamente no seu blog, terán cumprido castigo. Gárdese do X die ante kalendas Ianuariis.
The "R".

SurOeste disse...

Ohhh Deusa! e eu agora que fago? Arriscareime? Menos mal que ninguén sabe quen son e podo moverme nas sombras e enfrontarme aos "R".
Teño que pensar algo rápido.

Anónimo disse...

Recoñezo Suroeste que non contaba coa súa lendaria astucia. Hoxe, na Coruña, estabamos á espreita por se alguén, con pinta de lectora, se achegaba á consigna e, aborrecidos, non os fixamos naquela muller vestida de lagarterana que fuxía cun paquete no refaixo. Era vostede. Cando nos decatamos xa fuxía pola avda de Alfonso Molina, no seu Ferrari, a 300 por hora con rumbo descoñecido. Dinme que conducía outra muller, loira, que os meus servizos de "intelixencia" identificaron inmediatamente: era a súa compinche Iseo la Blonde, afamada pola súa raposería. Agora teño que ir a Roma a evacuar (consultas) con Susan pero volverei para continuar a miña caza. Iseo la Blonde, cometiches o erro da túa vida no momento en que decidiches axudar a Suroeste e agora non os vas enganar como fixeches cando o de Tristán.

SurOeste disse...

Dálle Iseo, dálle, que non vai ser doado desfacernos dos R e a súa recua de secuaces. Velaí veñen dous camións atrás no papamóbil fungados. Desvíate á esquerda, á dereita non, cabrona, que por aí sempre levan eles as de gañar. Procuraremos levalos ata a cámara dos manequíns, que o Tristán hoxe hache ir de cacería e sempre deixa as chaves postas. Si, iso é! os carcundias han de pensar que entran nun antro de pecado: os espellos, as luces, as sedas e os tapices voluptuosos, os manequíns inmóbiles como agardando, como recibindo... e alá van todos, camiño da súa perdición a afogar na súa reprimida concupiscencia. Estalles ben! Logo nós pechamos con chave e imos tomar unhas cañas, que ven as levamos merecidas e xa pensaremos que facer co manuscrito.
Dálle Iseo, arremecaghoná, que inda nos han coller e dar tormento inquisitorial estes capullos!

Anónimo disse...

Que carácter ten Susan! Cando lle expliquei a fuxida de Suroeste con Iseo (a súa intima consiliis eorum) chamoume, ad pedem litterae, "stulte" "equus asinus" e mandoume ó Castel Sant'Angelo ad memoriam rei perpetuam. Entende que o tema do manuscrito é un casus belli e así o proclamará o domingo coram populo. Vai nomear un legatus in partibus infidelium para levar este asunto. Indocti discant et ament meminissi periti: seguirá a caza destas novas "Thelma et Ludovica". Quo usque tandem abutere, Suroeste, patienta nostra? Quam diu etiam furor iste tuus nos eludet? Non, non, Suroeste, non teñas esperanzas: velis nolis, Roma locuta, causa finita. Prepárese: cando poida saír deste mausoleo, viran as acta, non verba. A súa política de "ad captadum vulgus" non triunfará e non teño animus iocandi. Lembre que delictum iteratum gravius est.
Vae Victis!
R.