Número total de visualizações de página

quinta-feira, janeiro 03, 2008

Aprenderlle galego a La Voz



Ten razón R.R o blogmillo anda de resaca, por iso acudo a La Voz (non sei se de Galicia) e percorro sen présa as novas todas da súa páxina traducida ao galego, nobreza obriga. Deste xeito decátome que Francisco Váquez é o embajador de España perante a Santa Se. É normal, dígome, este home é intraducíbel. Continúo deleitándome co cruce de declaracións emponzoñadas entre o kaiser Antonio e a conselleira Bugallo. Que cruz ten esta señora con La Voz, penso, e mira que lles parecía a todos tan encantadora e elegante no principio do seu mandarinato. Cómpre a punta dos tacóns ben afiada para lidar coa burguesía coruñesista, e moito tino coas linguas bífidas-esgalladas que confían a súa edición dixital a un tradutor automático. Recórtelles un algo de subvención xa verá como rebrincan.
E o que me chegou á alma, este titular: Ponche no mapa (?) Vouno explicar porque...o demo me coma se non pensan que somos parvos ou, peor aínda!, que tanto nos ten: seique queren con este simpático chamamento pangalego que os emigrantes se vaian colocando nun fermoso mapamundi que eles facilitan, e non, como en principio se puidese pensar, que lle dean ao ponche mentres miran o mapa.
http://www.lavozdegalicia.es/lavozdelaemigracion/index.htm?idioma=galego

14 comentários:

FraVernero disse...

tsk, tsk... agardabas outra cousa da Coz, lo? Dela sempre se pode dicir aquela frase de Max Estrella: 'Qué dirá de nosotros mañana esa prensa canalla?'.

Prensa canalla coa que, malgre lui, parece que rematan por acomodarse os Bloqueiros. Se é que a necesidade...

Gabriel disse...

Pois hai un correo electrónico onde lle podes pór as correccións: tradutor@lavoz.es. É o malo de que en galego sexa unha tradución automática, con motor opentrad (sli.uvigo.es)

SurOeste disse...

Non, non, aquí gratis nada. Que me contraten se queren que paguei finos cartos por formarme.
O que quero deixar claro é que resulta vergoñento e intolerábel que actúen con ese desleixamento con respecto aos textos en lingua galega (total en galego ou total para quen os le....)Polo demais xa sabemos todos as limitacións dun tradutor automático, único medio que parece que usan algúns cando teñen que escribir en galego.

peke disse...

Hai un banco que ofrece o seu produto do seguinte xeito: Lévache esta oportunidade. E aquí non se trata de tradutores automáticos, supoño.

Mr Tichborne disse...

Por riba, copiaron a idea dos de Galiciaglobal.

O mellor do tradutor é que se o texto é dos escasísimos que están en galego en orixinal, os "retraduce". Así, trocan "o" (artigo)por "ou" (conxunción) etcétera.

centroeuropa disse...

* Santa Se > Santa Sé

* porque a min o Presidente de Francia váiseme > o pronome debe ser proclítico

* en que, (...), acabou dándolle - o mesmo

* Que oe meu mozo insísteme - outra vez o mesmo

* reloxio?

Realmente para escribir ben en galego non abonda cun tradutor automático, senón que cómpre tamén coñecer a gramática.

SurOeste disse...

Señor Centroeuropa: non tiña eu pensado dar unha clase de colocación do pronome a estas horas, pero enfín, ilusionoume tanto que me estiveses seguindo en silencio tanto tempo e consultando a gramática que ...
O pronome persoal átono o pobre é átono e anda buscando un grupo fónico desesperadamente. Normalmente asóciase ao verbo e vai detrás pegadiño, é tan forte e tan rotundo que tira del, pero ás veces o contexto fónico circundante gaña máis tonicidade có propio verbo. Os casos que vostede comenta, que pensa que están mal, están perfectamente no contexto en que están, no tipo de texto que eu quería escribir próximo ou imitante á lingua oral.
Señor Centroeuropa, poida que eu non tecolee moi ben pero, asegúrolle que coñezo a miña lingua
e o meu sistema pronominal é óptimo. O señor Bragado, ao que me parece que os dous admiramos, podería contratarme como correctora de textos e non se arrepentiría, asegúrollo.

Anónimo disse...

Para escribir ben galego, e falalo, hai que ter o que agora chaman o "xenio da lingua", que tristemente non se aprende nas gramáticas, nin nos cursos de galego da Xunta. Onde logo poñen escola diso? Na casiña, dende pequeniños. A min paréceme que Suroeste foi a esa escola que non está situada, por certo, en Centroeuropa.
Apoio totalmente a tradución automática da Voz porque enxergo, dependendo do éxito desta versión (é dicir, da cantidade de xente que lea en galego a edición electrónica), que poida que veña unha edición en papel na nosa lingua. Lástima de non termos un grupo de comunicación verdadeiramente galego para lle facer sa competencia á Voz. "Galicia _hoxe", meu/miña pobre?
Non quéixome de o que temoschellevos-o/a.

SurOeste disse...

Eu, estimado anónimo, apoio as edicións en galego, pero non as trapalladas. Estou segura que a intención de La Voz non é un pasiño cara unha edición en galego, que eu (insisto) apoiaría, senón unha argucia trapalleira e hipócrita para cobrar unha subvención (ou mamar da teta outro pouquiño). Se non fose así, estou segura que contratarían a alguén (coma min) para que lles adecentaran ese escándalo pronominal que están provocando: recolocárchellelosvos ben recolocados!!

Anónimo disse...

Estimada Suroeste:
O da Voz non lle é trapallada ningunha non: todo ten a súa explicación que non acaba na subvención. Hai outros intereses, moito importantes, que non podo revelar xa que afectan a persoas senlleiras deste noso país. Aquí non se dá puntada sen fío (fágame caso, que son can vello e levo moitos anos a osmar). Haille unha ola ó lume pero moito garavanzo a cocer. Se eu puider falar ceibemente... pero non. Non insista por favor, non insista, non podo, non debo. Marcho: hai zocas por baixo da cama.

SurOeste disse...

Señor anónimo, bote a lingua a pacer sen medo home, que o anonimato disimúlao todo e neste blog estamos un pouco aburridos e formais en demasía, ou non lle parece? en tódalas casas se cocen fabas, é cousa sabida, e nalgunhas garavanzos... veña logo unha garavanzada!

Anónimo disse...
Este comentário foi removido por um gestor do blogue.
SurOeste disse...

Señor anónimo
A información que vostede nos achega pode revolucionar o curso dun importante debate a capa e espada, como non se viu outro, que ten fendido o corazón do noso mundo literario. Unha obra literaria BOA??? Está vostede seguro? Quen a analizou? Será a NOVELA longamente agardada que lle abra os ollos á burguesía barbarizada? Seguirán sentíndose os deputados/as que elexiremos por Pontevedra de Zamora ou a iso xa non vai afectar?
Profundamente conmocionada
Suroeste.

O disse...

Moi interessante.

Algum exemplo mais:
Banco Banesto, publicidade se metes quartos: "Levache este DVD" por "Leva este DVD".
Exemplos piores, na rádio galega a publicidade da doaçom de sangue: Durante dous anos ou mais:
"-Doa sangue!
-A minha já a tes.
-E a minha."
Corrigírom-no hai pouco, "O meu já o tes."

Outras publicidades:
"TGM Toldos Gomez. Ofrecímos-che o tempo"
por "Ofrecémos-che o tempo". Levam com esta cortinilha mais de três anos.

Inconveniências de viver num país traduzido, inclusive por lei.