Número total de visualizações de página

quarta-feira, fevereiro 27, 2008

Carrefour e os nativos

Unha semana despois de estar pacientemente intentando enviar unha suxerencia ao Departamento de Atención ao Cliente de Carrefour leo en Vieiros que o xefe do establecemento do Carrefour da Avenida de Alfonso Molina na Coruña pide disculpas publicamente e vai recibir a representantes da Mesa para aclarar o asunto.
A miña suxerencia finalmente non puido ser enviada por moito que insistín. Lástima, estaba segura de que obrigaría a quen a lese a rir de medio lado e a recoñecer un certo inxenio mesmo nunha nativa galego falante, ou se cadra espertaría a súa secreta solidariedade e provocaría un revulsivo na súa conciencia de desertor, unha bágoa asomando... quen sabe? Vai quedar en misterio. Hoxe quero pensar que habería unha avalancha delas, todas moi convincentes, e que os Conselleiros de Caqrrefour-España decidiron sabiamente que os cartos dos nativos galegos valen o mesmo cós dos demais e mesmo recoñeceron unha tendencia, comprobada, nese sector da poboación a pagar ao contado, toc, toc.
Celebremos, pois, que se imos ao Carrefour con cartiños no peto, non nos dean paus por burros e, que, se cadra, aínda nos poidan dar unha fala en galego.

terça-feira, fevereiro 19, 2008

Galleguitos cubanos



Fidel vaise para quedar sempre como gran líder da revolución: vaise porque a morte chama á súa porta, non porque o boten os seus enemigos nin porque lla xoguen os seus amigos. Vaise con dignidade, avisando, preparando, nunha longa despedida ao século, oh saecula, oh mores!, que xa rematou.
E un avión (ou dous, esperemos que se aclare isto) de galegos na Habana, hoxe centro do interese mundial, alí observando o que acontece en primeira liña. Espero que estes días excepcionais de historia e paixón revolucionaria dean para unha novela (ou dúas) e se son boas mellor. Supoño que foi unha casualidade, ou non, invitar a Galicia, terra do seu pae, á despedida.
Están na Habana, non imos dicir todos porque a min tampouco non me convidaron, moitos dos que tiñan que estar representándonos. Hoxe lin, reseso, un artigo delicioso de Antón R. López en Galicia Hoxe sobre a inexistencia de reloxos na illa. A crónica de El País, era de Daniel Salgado?, lina ao seu tempo o venres e tamén me pareceu interesante.
La Voz non se dignou enviar correspondente no que hai que interpretar como un xesto de menosprezo non sei se cara á conselleira Bugallo ou cara á cultura galega. Limitouse a ofrecer o degradante espectáculo das amargas queixas dos do PP polo desbalde de cartos públicos da expedición (eles poden falar de cartos malgastos) e en advertir que, segundo o ranking do Instituto Cervantes, a verdadeira vara de medir, a da Habana é unha feira de 3ª división B, e ademais nada elegante, sen príncipes de Asturias nin nada. A Voz quixo ignorar o que pasaba na Habana por puro sectarismo e velaí que momento histórico acaban de perder para os seus sufridos lectores. Que pena, La Voz, que pena! Cando foi Fraga, cun tamén longo séquito, a Cuba mandaron de correspondente a Manuel Rivas que nos escribía fermosas cartas contando o que vía. Aínda lembro unha moi fermosa que se titulaba así: As mans de Fidel.

domingo, fevereiro 17, 2008

Ámote, miña sombra!




-Sabía que volverías.
-Suroestiña, querida e nebulosa Suroeste, topábate de menos!
-Fixéchesme sufrir.
-Era inevitábel.
-A traizón, inevitábel, ou o sufrimento?
-As dúas cousas: primeiro a traizón e logo o sufrimento.
-Todas as fillas-de-puta descansades moito con iso do fatum, non é Iseo?
-Non lle deas máis voltas, Suroeste, ti non crerás nel, pero habelo haino. Agora mírate nos meus ollos e adiviña o futuro.
-Estás feita unha boa meigha, ti. Non me traerás pezoña...ou filtros ou o que demo sexa o licor este.
-Ambrosía.
-Iseo, levo uns días que non ando moi ben.
-Tes mala cara, tes. O mellor é que me deas dunha vez o manuscrito e que te liberes desa carga que vai acabar contigo.
-Non podo.
-Suroeste, non terquees.
-Non terqueo. O manuscrito xa non existe.
-Destruíchelo?
-Non exactamente.
-E loho?
-Comino, Iseo. Cada día unha folliña en anacos á sobremesa, ás veces tamén de merenda, misturado co xamón.
-Será posíbel?
-Podo demostralo: últimamente, con perdón da túa cara, cago boliñas de papel mouro.
-Arredemo!
-E iso non é o peor. Oio voces.
-Como que oes voces?
-Moitas, falando de cousas diversas, ás veces semellan ecos e atrapállanse unhas ás outras. Xa case non durmo.
-A cousa ponse fea.
-Coido que estou metabolizando o manuscrito.
-Ai mimadriña!
-E acabarei por ser eu mesma o manuscrito.
-Suroeste, a sombra!
-Que lle pasa?
-Parece que se pode ler!!!!

terça-feira, fevereiro 12, 2008

Suroeste desolée



Despois da traizón de Iseo, entrei nun profundo abatemento: asexada polos R e os servizos segredos de intelixencia de non sei cantos países xa non son quen de confiar en máis ninguén. A Mr. Church nin o fun recoller ao aeroporto nin o quixen ver diante. un americano apelidado Church dá para moito que desconfiar!
A paisaxe desde a alta torre que é aínda o meu refuxio paréceme desolada. A aparición do misterioso manuscrito cambiou tantas cousas na miña traxectoria que xa non lembro nin de onde viña nin sei moi ben xa a onde debo dirixirme: pau viradoiro que onde queira que vaia troncho que troncho.
O manuscrito que debería alumar os destinos da Terra Nosa semella máis ben que me acabará adentrando nos incertos camiños da confusión, da néboa, da non razón e rezo, non sei a quen, para que non caia nas mans do Inimigo que inza a escuridade.
Non vou permitir que caia nas súas suxas mans, non, antes destruirei o Manuscrito: metereino nun barco lixeiro e botareino ao Océano, ou reducireino a cinza para aventalo despois coma a semente do futuro, ou comereino folla a folla na sobremesa de todos os días, ata que o tonner velenoso acabe comigo. Eu aínda non sei como rematar con isto, só teño a certeza moi fonda de que nunca, nunca caerá nas mans mercenarias da nosa autodestrución.
Que así mesmo sexa.

terça-feira, fevereiro 05, 2008

As dúbidas de Isolda



Isolda está rara. Levaba uns días sen falar, sen querer nin ver diante o Manuscrito, deixándome a min con todo o embolado, sen mover palla. Eu xa sabía que era moi señorita, mais na súa actitude parecíame enxergar algo máis, como un profundo malestar.
Hoxe por fin aveuse a falarme.
-Moi je suis très desolée -empezou- ninguén de importancia se interesou pola nosa aventura. Estamos sen financiación. Non poderei mudar o manto para a próxima tempada, e ti ben ves que de tanto durmir a la belle étoile foi roxeando e está de mal ver. Nunca poderemos reconstruír o manuscrito e aínda que puidésemos non poderemos estar seguras de que sexa bo. Leva trazas de que non.
-Pero, e Mr. Church? Esta a piques de chegar. El axudaranos.
-Só vén pimpar marisco, parva, así que se vexa cheo, voltará por onde veu, se cadra para irlle meter aos R o Manuscrito nos fuciños. A única solución é manipular un chisco o Manuscrito, así sen que se note, ir enredando anaquiños dos grandes hits do sionismo, darlles antigüidade, poñer David onde dicía Breogán, Moisés no canto do Bardo das Idades e así, facer unha boa campaña na rede e nos xornais da Nosa Terra e xa verás que logo aparece financiación a esgalla.
-Isolda, nunca me falaches así. Non sei que pensar, trátase de cambiar radicalmente a nosa postura de tantos anos. Xa non sei de que parte estás. Antes pensaba que estabamos xuntas nesta Misión contra os R.
-E estou.
-Non! O obxectivo da nosa Misión non era a financiación, era a Reconstrución do Manuscrito, a Memoria de Nós outros.
-Ta, ta, ta, ta... vai calando lorito real e déixame o manuscrito!
-Xamais! Atrévete a quitarmo, lurpia... vente, que aínda che tronzo o pescozo co fouciño! Traidora!
-O teu blog está acabado, Suroeste. Ti estás acabada. E o Manuscrito, nunca verá a luz. Eu escribirei a Historia... a Novela!!! que todos agardaban porque me van dar unha bolsa im-pre-sio-nan-te e van poñer escribas ao meu dispor especialistas en estrutura novelesca, estilo e intriga. Un equipo coma o que a túa cabeciña cativa nunca soñou. Estou farta de tanta precariedade, de comer verzas con unto e nabizas con aceite. Agora vou vivir a todo trapo porque eu o merezo!! Terás novas miñas nos xornais. Agora ti tes un fouciño, mais eu vou ter mísiles atómicos.

domingo, fevereiro 03, 2008

Mr. Church, a nosa derradeira esperanza

Anonymous professor Church said...

Dear Dr. Suroeste

Yo soy muy feliz de recibir la invitación de usted para intentar reconstruir el manuscrito. Sere en su pais proximo jueves. Le ruego venga a cogerme para arriba en el aeropuerto pues soy un persona con edad. Por su reporto estoy pensando que se poder tratar de un manuscript facticio o poder ser que venir de multiples arquetipos (remarkable!). Estoy investigando esta posibilidad realmente oustanding pero por mi edad avanzada soy un poquito retrasado en el trabajo (prostate problems,you know). No sea preocupada por las manchas; las he visto mucho peores (I can`t describe them, as I am a new born Catholic, I hope you'll understand me). Ansiando para la encontrar, se despide de usted.


Professor. A. Church.
University of Port
OHIO


Unha fantasma percorre a nosa terra



Desde que estamos en posesión do Manuscrito, Iseo e máis eu, non temos acougo. Por unha parte mantelo a salvo dos R, por outra tentar conseguir axuda para a súa reconstrución e interpretación. Axuda que, sorprendentemente, non fomos quen de atopar na Nosa Terra e ten que vir de lonxe. Digo sorprendentemente, aínda que mellor sería dicir evidentemente. Si, amigos si, eu tamén coidaba que era unha paranoia do desaparecido (defunto?) anónimo que nos puxo na pista do Manuscrito, pero despois de ver o que vin...non me queda outra que admitir que Eles están aí. Sinto o seu alento na culixa. Ducias de secuaces asexan por todos os furados e presinto que que Mr. Church está en perigo, quen sabe se dará chegado, meu pobre.
Mentres tanto eu sigo nesta alta torre, polo momento a salvo, tentando darlle un pouco de xeito a este desbaraxuste.