Número total de visualizações de páginas

terça-feira, maio 26, 2009

Sobrevivir ao aceiro


Sobrevivir ao aceiro frío do escalpelo
á castración cirúrxica

Contravir se é preciso todas as leis
da bioloxía

Sobrevivir ao aceiro frío das amarras
co humilde orgullo do lique

Vivir no aceiro frío

Morrer

Que os nosos fillos morran
falando cos seus fillos
dicíndolles tamén as súas últimas palabras
en galego

Foto e textos de Xebe d´Afrei

quinta-feira, maio 21, 2009

A censura na era pijocrática


Mándanme un correo con dous arquivos adxuntos con este título: A censura comeza!!! A imaxe do principio estivo apenas 10 minutos na páxina da Consellería de Educación e logo foi elocuentemente sustituída pola de abaixo.
Sobran as palabras pero non me resisto a suliñar que as alusións á lingua galega e á feroz persecución de que foi obxecto, moi significativamente na escola, son profundamente incómodas para a pijocracia que ve a necesidade urxente de maquillar esta verdade, se fai falta cunha operación cirúrxica, amputando o que faga falta.
Esteamos moi atentos ao que vén e non permitamos a manipulación. Os exemplos históricos deste tipo de campañas propagandísticas non deixan lugar a dúbidas dos perigos que asexan.

quarta-feira, maio 20, 2009

A pijocracia

A pijocracia ao final nin era bilingüe nin trilingüe, teñen a lingua plana e a duras penas dan enfiado un discurso que diga algo, cunha certa coherencia e corrección lingüística. E iso que foron a colexios moi bos, de pago e todo iso.
A pijocracia non é amábel; é arroutada e tremendamente extremista.
A pijocracia sabe o que valen uns zapatos de marca e cando se poden conseguir con desconto, pero non ten nin puñetera idea do que pode custar contentar cunha educación á carta aos seus amigos pijos, o sea, la ciudadanía, no?.
A pijocracia en realidade non sabe o que vai facer, nin se se pode facer o que dicían que ían facer, de momento, pelotas contra a parede. Sigamos atentos á pantalla.
Eu riríame, de verdade, se non fose porque son consciente do que algúns, cun estrepitoso acompañamento de coros y danzas, poden chegar a facer co poder

sexta-feira, maio 15, 2009

Política macha


Ai! Que home este, que poderío! Se arde, arremángase de mangueira e apaga o lume. Se hai conflito, arrebólalles dúas ordes e catro contraordes aos subordinados e deixa aos alborotadores desorientados.
E como manda! E con que naturalidade impón a súa violencia simbólica... se ata nos fai ver como intelixente e calculado o que parecía que non tiña nin pés nin cabeza ou eran paus de cego!
Quen ía pensar que tan axiña ía reinstaurar a amabilidade e a cordialidade lingüística? Por iso foi buscar a un independente, claro, por iso volveu poñer a SXPL subordinada á Consellería de Educación, cada cousiña no seu sitio, para o caso que se lle vai facer ao conselleiro... Que sabe o conselleiro de política lingüística? Nada! E de política? Nada. Pois logo... Cada un para o que é. Guapiño si que é. Xa o pensara desde o principio. Para amolar aos desconfiados.
Se prende lume xa o apagará, será por mangueira! E seique vai facer unha Lei de Normalización nova á carta moi enrollada. Estou desexando vela, porque vai ser cousa bonita de verdade, coas súas excepcións e todo. Cada un poderá elixir o topónimo que máis lle guste (cunha cláusula válida só nas cidades pijas e lugares de veraneo).
Por fin alguén que ten claro o que é a liberdade e para que vale a democracia. Non vedes como sabe? Alá os radicais que se escornen.

quinta-feira, maio 14, 2009

Búscase verdugo; soldo alto, coche oficial


Os animadores da guerra lingüística andan á desesperada buscando un tecnócrata competente e considerado que llela aplique. Moita xente dando voltas en zapatillas agardando unha chamada. Moita xente coa orella atenta captando cada mínimo rumor, máis ou menos fundado. Estamos na cacería de La escopeta nacional, onde todos van ao que van, e polo medio unhas perdices.
E esta incertidume vólvenos tolos de pracer: a quen lle deron o toque?, que lles respondeu?, houbo negociación?, e, sobre todo, hai algo que negociar? A diplomacia feijoniana está, a toda máquina, buscando un golpe de efecto para desmobilizar as masas convocadas para a manifestación do domingo.
E a cousa non está fácil: o coherente sería que nomearan a Gloria Lago, ou calquera desas mentes tan lúcidas que ten detrás, ideólogos das FAES que non teñen nin idea de que cousa será iso da planificación lingüística, porque non foron capaces de pasar do caso particular de “mi niño, el pobre, no entiende las matemáticas en gallego”, ao xeral. Pero claro, iso sería a rechifla universal, polo tanto buscan alguén que polo menos saiba o que di e a que xoga, un pelele que lles salve a cara e que lles faga a política.
Ou xa están dando marcha atrás antes de dar o primeiro paso. Era todo unha coña? O Conselleiro de Educación terá que comer e calar en asunto de lingua? Corina Porro vaise dar de baixa no partido?
Ai, Berlanga, que grande es, sen saír da túa filmografía xa temos outro título para este argumento: El verdugo.

sábado, maio 09, 2009

Maio longo


Preguntábame o outro día un amigo se lle podía buscar un texto adecuado para animar a un grupo de adolescentes ao uso da lingua. Hai moitos. Desde 1853, ano de A gaita gallega de Xoán Manuel Pintos, o tema da lingua proe na literatura galega coma unha comechón sen fin. Será que ninguén lle puxo remedio á cuestión ou que os patufos desleigados teñen a virtude de multiplicárense por si mesmos. Aos imbéciles e escuros ímolos deixar, que andan moi subidos de ton.
Un par de minutos de reflexión chegaron para decatarme que xa estaba ben de discursos esencialistas, descoloridos de tan recorridos. Outra cousa: construtivismo. Erín Moure, a muller que aprendeu en Vigo a pronunciar o seu apelido á galega e non á francesa. A muller que quixo aprender o noso/seu vello latín, porque si, porque lle petou e deulle a gana.

POEMAS DE ERÍN MOURE (Teatriños ou aturuxos calados
, Ed. Galaxia, 2007)



Mergullada

To me your language is so like Latin,
you have ombro and sombra
how similar

in my latin it´s shoulder and shadow
can you see it´s working?

I´m soon going to learn your language
miolo and ollo
marrow and eye

Ho! I´d better learn it quickly
before it moves on like water

ollomol moi mollado
oficio fío dos fieis
afiador




Mergullada (versión traducida de María Reimóndez)

Para min a vosa lingua parécese moito ao Latín
tedes ombro e sombra
que semellantes

no meu latín é shoulder e shadow
vedes como funciona?

Axiña vou aprender a vosa lingua
miolo e ollo
marrow e eye

Ho! Mellor aprender axiña
antes de que pase coma auga

ollomol moi mollado
oficio fío dos fieis
afiador


sexta-feira, maio 08, 2009

Nome, nome...ada

A Organización dos V Premios RdL’09 da Facultade de CC.SS. e da Comunicación da Universidade de Vigo selecciónou este blog para competir nunha das sete categorías establecidas nesta edición, a de blogs e páxinas literarias.

As votacións en liña estarán abertas a todos os internautas no blog resacadasletras.blogspot.com ata as doce da medianoite do día 10 de maio.

Votádelle a Suroestiña, ho, que lle fai moita ilusión.

segunda-feira, maio 04, 2009

A era de internet


Lía hai uns días nun xornal, o nome do cal non quero lembrar, unhas declaracións de Francis Pisani para quen a revolución da web é meirande cá da imprenta. En principio parece unha afirmación dura de asimilar, mais pensando un pouco e comparando o mundo antes de internet e o mundo despois de internet decatámonos de que, aínda que en principio poida parecer esaxerado, non lle falta razón. Pensemos a cara de aburrimento que debemos poñer ao ver a portada dos xornais da mañá cando estivemos navegando ata tarde o día antes. Ou pensemos no tremendamente cómico e fóra de época que nos resultan situacións como esta que recolle o conto popular recollido por Xosé Miranda e Antonio Reigosa (2003) Contos de parvos e pillos I, Colección Cabalo Buligán,Vigo, Xerais:

Este era un estudiante que lle escribiu ó pai unha carta que dicía:
Querido padre:
Escríboche o luns para que, recibíndoa o martes, esteas sabedor o mércores de que non vou ter cartos o xoves, e que se non mos mandas o venres collerei a bicicleta o sábado e presentareime aí o domingo.
O teu fillo

E contéstalle o pai.
Querido fillo:
a túa carta do luns recibida o martes, estando avisado o mércores de que non tes cartos o xoves e que non chos mando o venres, se colles a bicicleta o sábado agárdate unha boa malleira o domingo.
O teu pai


Desesperante, verdade? Pois hai nada era así, contádellelo aos vosos fillos.

sexta-feira, maio 01, 2009

Adeus ao mundo perfeito

No ciberespazo ao novas sucédense vertixinosamente. Aparecen, difúndense e producen reaccións nunhas horas. Así foi que antonte entrei n´O mundo perfeito a ver que nos contaba Isabela e lin algo que me deixou desacougada: Isabela denunciaba que un post seu fora utilizado con fins perversos nunha páxina neonaci e racista; pedía apoio e axuda xurídica porque ela rexeitaba que os seus textos puidesen utilizarse para difundir unha ideoloxía que lle resulta repugnante. As respostas coincidían en que pouco ou nada se podía facer unha vez que se publica un texto, sempre que non sexa usurpándolle a autoría. Quedei pensando no asunto e ao día seguinte volvín a ver se alguén achegara outras opcións.
Había un post de despedida: Isabela decidira pechar o blog para non seguir facendo textos que poidan ser utilizados e manipulados sen pedirlle permiso.
Naturalmente estou triste, O mundo perfeito era un gran blog que seguía desde hai catro anos, cando abrín o meu propio espazo. Xa non podemos acceder aos posts que foron creando un universo particularmente luminoso. Isabela é a única dona dos seus textos, non llelos quere regalar a catro descerebrados que non son quen de pensar por eles mesmos e andan roubando e distorsionando. En internet é así, atopamos o máis excelso e o máis abxecto nun só clik. Tamén é posíbel opoñer a grandes males grandes remedios nun só clik, como fixo Isabela. E convocar miles de persoas para unha causa xusta nun só clik. E... nós enganchados facendo clik, clik, pendentes da última da última, reaccionando a ela, provocando a seguinte, clik!
En contraposición ao que acabo de contar vemos que o mundo da prensa tradicional vai a un ritmo desesperantemente lento: pasa algo, ao día seguinte agardamos unha valoración do que pasou, que se cadra xa non chega ao peche, haberá que deixalo ata o próximo día, logo, ao outro máis, se cadra unha reacción a esa primeira valoración... ou non, porque xa se ve tan remoto que non paga a pena, co cal só sobreviven os asuntos que interesan ás empresas comunicativas. Falando deste tema sorprendeume que no informe sobre a situación lingüística en Galicia da FAES se cite como autoridade un artigo de Suso de Toro en El País, e tamén que pasen os días e que Suso de Toro non reaccione. Non se decatou de que ten admiradores na FAES que se valen do que escribe para os seus fins? Sóuboo tarde e os responsábeis do xornal onde publica aconselláronlle que ignorase o asunto, que o tema xa non daba máis de si? Non lle importa? Non pode facer nada? Outro artigo no mesmo xornal delimitando os espazos de cada un? Buscar a través das redes sociais apoios de repulsa?
Eu clik coma Isabela, se fai falta clik, non o dubido, queimo todo, clik.