Número total de visualizações de páginas

sexta-feira, setembro 28, 2007

Enguedellos

Foto de X.B. Arias

Hoxe permitinme o luxazo de deitarme pola tarde co meu último Bourdieu. Lin e lin e... adormecín seguramente con babas. A tarde foi pasando docemente entre imaxes e enguedellos subconscientes dos que só me arrincou unha inoportuna chamada telefónica. Non era ninguén que eu quixera escoitar, non, era que querían venderme un seguro de calquera cousa. Horror! non era quen de desenguedellarme dela, as miñas defensas estaban ao mínimo.
Non haberá seguros para ter dereito a que non te molesten os feirantes na túa casa?

segunda-feira, setembro 24, 2007

Bourdieu arredor de si



A semana pasada atopei un novo libro de Bourdieu na estantería dunha librería: Autoanálisis de un sociólogo. O libro vén sendo unha explicación de si mesmo e do seu traballo onde intenta explicar as razóns que o levaron a decantarse pola socioloxía, ao tempo unha disciplina de terceira categoría, cando podería (en principio, logo xa comprenderemos que non) adicarse e brillar no ámbito da filosofía, a disciplina raíña do sistema escolar francés, e mirarse no espello dun Sartre, por exemplo.
O libro cautivoume desde o primeiro momento (dígovos que a foto da portada remexeume as entrañas, como quedou patente no anterior post) a maneira en que nos conta de que familia vén, a súa durísima experiencia nos sucesivos internados, o acceso, pola porta dos desherdados, ás máis prestixiosas institucións educativas da Francia dos anos 40, a relación ambigua que sempre lle produciu o sistema escolar, de pertenza e repulsa ao mesmo tempo, e, sobre todo, a feliz intuición de que para explicar o mundo social tiña que facer primeiro unha viaxe de volta á súa propia orixe, o seu Bearne natal, un esforzo por obxectivar o seu propio mundo que lle dará as claves para chegar, por exemplo, á noción de habitus ou das estratexias sociais:
"La transformación de mi visión del mundo, que ha ido pareja con mi paso de la filosofía a la sociología, y de la que mi vivencia argelina representa, sin duda, el momento crítico, no es, ya lo he dicho fácil de describir, sin duda porque se compone de la acumulación insensible de los cambios que paulatinamente me han sido impuestos por las experiencias de la vida o que he llevado a cabo a costa de toda una labor sobre mi mismo, inseparable de la labor que estaba efectuando sobre el mundo social. Para dar una idea aproximada de este aprendizaje, que he descrito a menudo como una iniciación (...) me gustaría volver sobre la investigación que llevé a cabo , en paralelo con la que estaba realizando en el mismo momento en Argelia, a propósito del celibato de los primogénitos en el Bearne, (...). Tal vez no esté del todo fuera de lugar considerar como una especie de Bildungsroman intelectual la historia de esta investigación, que, centrándose en los sufrimientos y los dramas que van unidos a las relaciones entre los sexos en la sociedad campesina, (...), constituyó la ocasión y fue el operador de una auténtica converrsión. (...)
Pero, prueba de que el trayecto heurístico tambien tiene algo de recorrido iniciático, a través de la inmersión total y de la dicha del reencuentro que lo acompaña, es que se lleva a cabo una reconciliación con cosas y personas de las que el ingreso en otra vida me había insensiblemente alejado y que la postura etnográfica obliga naturalmente a respetar: los amigos de la infancia, los padres, su comportamiento, sus hábitos, sus rutinas, su acento. Toda una parte de mi mismo es lo que se me devuelve, aquella misma que hacía que les tuviera afecto y que alejaba de ellos, porque sólo podía negarla en mi renegando de ellos, sumido en la vergüenza de ellos y de mi mismo. La vuelta a los orígenes va pareja con una vuelta, pero controlada, de lo reprimido."
Dicídeme se non vos resulta familiar toda esta reflexión.

terça-feira, setembro 18, 2007

Coincidencias


Pierre Bourdieu parécese asombrosamente ao meu avó especialmente nos ollos, pero tamén na boca, no nariz, no pelo e ata nas engurras de expresión. Asegúrovolo, só lle falta a boina. Máis coincidencias: teño entendido que Bourdieu era un home falangueiro e especialmente accesíbel que nunca acabou de perder as súas trazas de campesiño, coma o meu avó quen, por outra parte nunca deixou de selo. Bourdieu revolucionou o campo intelectual de la France nos anos sesenta, setenta e ata que a morte o levou; meu avó tamén revolucionou o campo agricola-gandeiro con innovacións que deixaban aos veciños coa boca aberta e suscitaban burlas e desconfianza no seu campo.
Poderían ser irmáns ou curmáns e beber unha copa de guinda despois de matar o porco, e se cadra remotamente...

domingo, setembro 16, 2007

Memoria da fame


Estoutro día fun á presentación do último libro do estudoso eumés Xosé Paz Fernández, Xebras do Eume. Neste, coma nos dous anteriores, se ben con menor ambición, recóllese a memoria musical de Pontedeume através da prensa local, fotografías, partituras, letras recuperadas... Foi moi emocionante ver ao nutrido auditorio facerse un e cantar as melodías de sempre, as que os identifican sen lugar a dúbidas como parte dun colectivo.
De entre elas escollín unha que nos lembra con incríbel contundencia a fame que se pasou na posguerra. Ten a forza machacona dun himno, pero, en vez de armas e loita fera ofrece como alternativa o humor negro dunha cantiga burlesca. É o anti No-Do.
Paréceme que é raro que se conserve esta cantiga porque da fame todo o mundo arrenega e a ninguén lle gusta lembrarse dela. Á miña avoa paterna non lle parecía nada ben que o meu pai mentara a fame e a pobreza daqueles anos e nunca se mostrou disposta a recoñecer que, efectivamente, ela e a súa familia, coma a maioría, pasaran fame e frío e necesidades na longa posguerra.

sexta-feira, setembro 07, 2007

Alegre mocidade




O outro día remexendo nos caixóns da vella cómoda topeime con esta preciosa imaxe. Nela está a miña avoa, no centro e abaixo, na leda compaña das súas amigas de xuventude. Non ten data, pero pódese deducir que foi nos anos felices da súa primeira mocidade antes do 36. Logo para ela, como para tanta xente, a vida cambiou dramaticamente. No momento que recolle a foto vémolas formando unha simpática composición escénica onde nos amosan a harmonía que reinaba no grupo, procurando entre elas o contacto corporal e o equilibrio máis ou menos simétrico. Dúas gardan loito e dúas locen as súas mellores galas á moda: vestidos vaporosos con godés na saia, lazada no peito, combinacións de dúas teas e mangas "abullonadas", peiteados á garçon da miña avoa e da compañeira da dereita fronte a moño baixo das outras dúas, zapatos de salón... as zocas escondidas nunha silveira, seguro. Polo corte de pelo tivo que ir refuxiarse á casa da madriña para evitar que a nai a cotease, eran audacias que costaban caro. Anos despois, que tristes paradoxos, quixeron raparlle o pelo, á maneira de estigma visíbel e humillante.
Pero que pensa niso agora? Témolas listas e radiantes para causar sensación no baile: "eu sempre fun así, non era moi guapa, pero era simpática e tiña moitos amigos, armaba cada unha..." tenme dito. Simpática era, dou fe, e guapa? a min nesta foto paréceme guapísima. Casou xa moza callada despois da guerra, nun día de San Andrés, vestida de azul marino. Ao outro día caeulle un dente, "aínda bon foi que me deu tempo a casar!", dicía ela con aquela retranca que te podía facer mexar de risa.

segunda-feira, setembro 03, 2007

Íntimas ruínas



As ruínas sempre me deron moito que ver. Cada unha ten a súa propia lóxica da decadencia e o abandono: as fendas nas paredes, a vexetación invasiva, a podremia das madeiras, a falta de cristais ou tellas... e un día, por fin esbandállase todo e mostra sen recato a intimidade dos derradeiros habitantes. Isto que vedes é o resultado sobrecolledor.

sábado, setembro 01, 2007