Número total de visualizações de página

sexta-feira, janeiro 29, 2010

Aló, no fondal de todo

Foto Xebe d´Afrei


Ás veces na mirada dos outros atopo profundidades que me fan perder o equilibrio. Ás veces acontece, pero case nunca. O normal é cruzar miradas que son paxaros fuxidíos. Miradas que seleccionan e centran e afirman, pero que non queren ver máis. É normal, eu tamén o fago: mirar sen querer ver demasiado, unha rápida pasada sen importunar e xa o cerebro se encargará de completar a información e escollerá o ton no que se debe falar, se é que se fala, a calor coa que se choca unha man, se é que se choca, o chasquido dos beizos sobre a pel da cara ou simplemente no aire –plis, plas– se é que se bica.

O peor son as emocións capaces de levar ao fracaso calquera plan comunicativo previamente artellado. As emocións obrigan a buscar ao outro nas profundidades e atopar sorpresas desagradábeis, cousas que meten medo mais tamén oasis con auga, dátiles e sombra que convidan a descansar. Aí as están, difícilmente domesticábeis, profundamente animais, digan o que digan, sen palabras, con bágoas, tremores, carcalladas, suspiros. Emocións animais e mamíferas: pelo, dentes, uñas, leite e lingua.

quarta-feira, janeiro 27, 2010

Mirar detrás


Non, por favor, non descorras a cortina, non quero ver os barrotes que me encerran neste paraíso. Déixao así: a luz do amencer podo imaxinala; a ausencia de barrotes, unha vez que os vexa, non.

domingo, janeiro 24, 2010

Tres historias


Percorrer unha praia no inverno en completa soidade é moi entretido. Non digo que non o sexa no verán, cando, en disfraz de camuflaxe, quero dicir espid@ con taparrabos e gafas de sol, se pode participar pasivamente de varias conversacións de descoñecidos ao mesmo tempo. Pero no inverno os contos tróuxoos o mar, deitounos sobre a area en aparente desorde, e retirouse ata a próxima marea.

Este sostén tróuxoo o mar. Non sei a quen llo quitou, pero podo imaxinalo. Foi a unha muller de pel suave e peito fermoso. Unha muller madura. Si, este tipo de prendas úsanas as mulleres maduras; a certa idade a comodidade anteponse a calquera outra consideración: branco, sobrio, para levar debaixo sen ensinar, para traballar sen que che escapen as tetas o se che descoloquen as tiras, contundente para erguelas e presentalas orgullosas e desafiantes. Que vos podo dicir eu? Cando vexo un sostén no mostrador dunha tenda xa sei como me vai facer sentir.

Mais o mar non sabe desabrochar sosténs... sigamos, pois, coa historia da nosa muller madura paseando pola beiramar. Esperaba un amante? Poida que si e que fose este quen llo quitase, entre bicos e caricias apaixonadas arrolando na area mentres saía a lúa. Ben doado é de esquecer un sostén en tales circunstancias. Ou poida que non, e que fose ela a que o pousase nunha peneda da praia e, mentres se bañaba e se secaba ao sol, non se decatase de que a marea subía e lambía a súa roupa e cando espertou, coa auga enfriándolle os pés, o sostén sobrenadaba xa moi lonxe e desistiu de ir buscalo. Se cadra tampouco foi así. A muller, despois dunha desagradábel discusión co seu marido, foi dar un paseo á praia. A brisa despeiteábaa, facía un pouco de frío pero non lle importaba: espiuse na praia solitaria e decidiu deixar alí todo o que a oprimía, todo o que lle sobraba. Logo marchou descalza.

O mar tragouno todo e cuspiu os restos da dixestión noutra praia, nunha calquera, a unha hora en que aínda non había pegadas de ninguén.

sexta-feira, janeiro 22, 2010

Enguedello

Foto de Xebe d´Afrei

Gañarían as eleccións, quen o dubida?, pero iso non quita que sexan torpes. Por riba do que cada un pense acerca do tema da normalización, é unha torpeza darlle categoría de oficialidade ao inglés e outra torpeza non menor meter aos pais nos colexios a decidir sobre o curriculum cada catro anos (alguén me pode explicar por que non cada curso?).
E ese rapaz, o Anxo Lorenzo, tan listo tan listo que ía para catedrático e acabou de secreatario xeral, non tardou nin dous meses en falarnos de "maiorías silenciosas". Un profesor da universidade galega falando todo cheo de razón da "maioría silenciosa". Debería informarse de onde vén tal expresión, de onde a sacaron os seus actuais amigos, como fai hoxe Manuel Rivas en EL PAÍS. Pero non o fixo, xa se lle pegou a empanada ideolóxica da FAES, xa tanto ten.
Cheira a franquismo e a salazarismo e a fascismo á italiana, cheira a autoritarismo latinoide, que noxo, que falta de cultura. Para facer o que fixo el valía calquera, un tonton macute anónimo, un que soubera cortar e pegotear, un que non tivera falta ningunha de pensar.

Por que acaban gobernándonos sempre os máis mediocres? Sería bon pensarmos seriamente nisto.

segunda-feira, janeiro 18, 2010

Prender o imprendíbel

Imaxe de Xebe d´Afrei

Hoxe os meus pensamentos son un rabaño de cabras salvaxes, choutando polas penedas da serra. Hoxe parte de min, famenta, intervén nunha manda de lobos que saiu a asexalas, rodealas, regañarlles os dentes e buscarlles o pescozo. O éxito das cabras radica na súa diseminación e os lobos pregúntanse a cal delas atender, cal está máis nerviosa e fallará o salto. Penso en cabras e lobos nun abrazo de sangue e pálpitos entolecidos.

Pero os depredadores empezan a perder a esperanza ao ver o abismo polo que as cabras se despenan sen perderen o equilibrio. Recúan coa lingua de fóra e resígnanse pensando nunha carroña.
Hai días así. Algo atoparei.

domingo, janeiro 10, 2010

Efecto "remember"

Cursiva

Onte fomos ver uns amig@s o drama Urtain, posto en escena pola compañía Animalario no Auditorio de Narón. Todos quedamos impresionados pola calidade do texto, interpretación e posta en escena, pero non todos dixerimos de igual maneira a intensidade da historia que se conta. Unha historia moi dura que todos coñecíamos de oídas, pero na que apenas reparáramos, un titular pequeniño entre a marea das noticias diarias.

Uns días antes do comezo das Olimpiadas de Barcelona do 92, un home tírase do balcón da súa casa no barrio madrileño do Pilar. Trátase de Urtain, José Manuel Ibar, o home máis forte de Cestona, de Euskadi e de España, o boxeador que non sabía boxear e gañaba todas as pelexas por K.O., símbolo do tardo franquismo e dun país onde "al corazón se le llama cojones".

A representación produciu no grupo curioso un efecto remember que puxemos en escena na seguinte parada colectiva, compartindo unhas cervexas. Todos eramos nenos ou adolescentes nos anos en que Urtain era a gloria "nacional". Unha das bebedoras de cervexa non entendía por que cando neva un pouco todo se paralizaba agora, mentres que, lembrábao vivamente, ela ía á escola calzada con zocas no medio dunha gran nevada. Esta lembranza foi o inicio dunha reflexión acerca das condicións materiais nas que se criara, nunha aldea sen luz eléctrica a 6 quilómetros da maior central térmica de España: aqueles abismos sociais entre o rural e o urbano... Outro bebedor de cervexa confesou que puidera ir á praia e ver o mar porque o seu pai garda civil era mobilizado, como sucedía coa mitade dos efectivos de toda Galicia, para atender os veraneos de Franco na Coruña, e contou unha graciosa anécdota de como fora ásperamente reprendido por "un señor de paisano" cando lle botou man a unha caracola de mar na praia: unha caracola do patrimonio nacional, posta alí para solaz do ditador e familia. Pola contra, e xa contaxiados todos polos alegres vapores cervexís, houbo quen confesou que se criara coas patacas fritidas e as cocacolas do Azor, sen ver nunca na vida a Franco en persoa, e que os colgadores do barco eran caveiros de cachalote moi feitucos. O Azor... aquel barquiño no que a Felipe González lle apeteceu dar unha volta, ai, ai...

E os colexios de monxas, e as faixas pantalón, e os grises, e os fachas armados? E os embalses? E os plans de desarrollo? E os 1º de maio? E os cardados de sábado das señoras?

Cando rematou, en realidade, o franquismo? En 1992?

Un, dos, tres, responda otra vez: segue vostede a ter medo?

quarta-feira, janeiro 06, 2010

Lecturas e conversas enguedelladas


Espíritos, espectros, simulacros... "The time is out of joint" (Hamlet). Xunguir é poñer baixo o mesmo xugo, xunguir o tempo, tanto o que se foi coma o que vén, vencellando o pasado e o futuro: "o presente é o que pasa, o presente pasa, reside nesa pasaxe transitoria, no ir- e- vir, entre o que vai e o que vén, no punto medio entre o que se vai e o que chega, na articulación entre o que se ausenta e o que se presenta" (Derrida). Este "out of joint", esta disxunción no tempo, desvinculación entre o pasado e o futuro, fálanos da inxustiza do presente, da deuda, da culpabilidade, do dereito a que o don sexa restituído. Marx fala de espectros, coma Sheakespeare: Marx era sheakesperiano, segundo Derrida. De Rubén Ruibal non me cabe a menor dúbida de que tamén o é. En ¿Onde andas Karl? os espectros envíanlle postais ao espírito de Marx e fan un simulacro de actuación circense. En Delimvois todo anda "out of joint" e a perspectiva está totalmente trastocada, coma na Satire on false perspective de William Hogarth, mesmo o real e o non-real xógannos unha boa pasada.
Enfín, se quedastes con curiosidade, podedes escoitar aquí a conversa que tiven onte con R.R.

domingo, janeiro 03, 2010

Don Dije Digo Digodiego ábrenos o seu corazón. Entrevista inclusiva.

Foto de ANT dispoñíbel en google imaxes

–Don Dije, non lle tremeu a man cando asinou o proxecto de Decreto?
–No, le soy manco de nacimiento. Como le dije, no tengo extremidades, ni cabeza.

–Iso que me conta, vostede comprenderá que é imposíbel...
Algunha extremidade terá, algo de cabeza... Ademais, se non tivese cabeza non se podería vostede peitear!
–Sempre huí de los extremismos. Fui un hombre de izquierdas, o quizás no, y ahora de derechas o quizás sí.

–Xa, e o da cabeza como o solucionamos?
–Don Feijoó comparte la suya conmigo, porque es cabezón.

–O de compartir é moi bonito, pero, francamente nin todo se pode compartir...
–Puede, puede, o no.

– Un Hamlet no goberno?
–Soy, yo (c´est moi?). Cuál era la pregunta?

–Non me será comunista? Mire que lle anda o espectro de Marx por aí ceibo!
–Le fui comunista de nuevo y se lo sigo siendo. Me dijo el Feijoo, “Haz un decreto cumunista, donde todos puedan decidir si eliminan el gallego”. Y aquí está. Libertá, sin ira, pero libertá.

–Pois vostede ben que provoca a ira de amplos sectores da súa administración: reitores, directores de centro, ANPAS, sindicatos verticais e dos outros...
–Pero es que no leyeron el decreto. Lo pone bien clarito, en la página 3, “Quien quiera gallego que lo estudie por su cuenta”. Una cosa tan importante no la vamos dejar en manos del gobierno. ¿No es?Una cosa tan importante no la vamos dejar en manos del gobierno. ¿No es?

–Non lle sei, porque se as cousas importantes non deben deixarse en mans do goberno... para que queremos goberno?
Vostede sabe para que está o goberno?
Que fai vostede no goberno?
Como chegou aí?
–Eso mismo me pregunto yo, mujeriña. Pues no le sé. Don Feijoo me dijo: coje uno de tus conflitos interiores y se lo das a las escuelas. Y mi dicho mi hecho. Hay conflito. Lo hay, ¿no? Pues eso es lo que hay, el vivo reflejo de lo que había. ¿Cómo que no lo había? ¿Y luego a mi de dónde me vino? Y por lo demás... a mi lo de consejero ni fu ni fa, pero ya le estaba harto de la Universidá y de Orense, que le es muy pueblerino. Y ahora le estoy muy bien de consejero y me llevo muy bien con Ángel, que es un chico muy salado.

sábado, janeiro 02, 2010

Rober Varela, a parodia do dandy

Foto de tele5 dispoñible en google imaxes

Tiven un soño:
"O decadente melómano de Morte en Venecia paseando por Santiago nunha góndola con rodas, alguén entre a multitude de pasmados pelingrís ponse a berrar, "Rober, Roberrr!!!!!", e el mira sen sorpresa e responde, "c´est moi!".
Ti: Seguro que pon un tren chu chu deses con forma de góndola para o Xacobeo e contrata uns gondolieri para que puxen Franco arriba e Franco abaixo do Obradoiro á Porta Faxeira.
Eu: A min contáronme que ía montar os Nibelungos na Quintana con Corina Porro de Walquiria.
Ti: De extra ou cantando?
Eu: Cantando. Ten a ta 3º de solfexo aprobado no conservatorio. Ti que pensas? Aforran as dietas, que ela ten onde quedar en Santiago. Á crise hai que facerlle fronte con pequenos xestos.

Ti: Eu tamén tiven un soño....

"Rober Varela introducindo chourizas de contrabando en EUA e coméndoas nun banco de Central Park mentres le as esquelas do LVG. Cando acaba lustra os zapatos coas páxinas de contactos".
Eu: Exportando cultura?
Ti: Poida que si... non se me ocurrira!
Eu: E se as góndolas van provistas dun pipotiño de viño e dunha grella para asar os chourizos?
Ti: Chourizos ou chourizas?
Eu: Mmmmm... poñeríamos góndolas de chourizos e góndolas de chourizas. Iso si, todas con cadanseu exemplar de LVG e un especial Xacobeo cos manifestos vangardistas de Santiago Rey.
Ti: Xenial! Vai ser un éxito.
Eu:
"E logo din que a cultura galega non vale para nada"

sexta-feira, janeiro 01, 2010

Aninovo



Como non saín, nin bebín, nin farreei a noite pasada e como non lle desexei bo ano a case ninguén, aproveito que me erguín fresca e me apeteceu poñer o meu vestido máis bonito e bailar para felicitarvos o 2010.