Número total de visualizações de páginas

sábado, julho 23, 2011

Oración xacobea

Santo da barba dourada
Santiago, meu patrón,
leva o códice ao seu sitio
por segredo de confesión.

O vintecinco é bo día
para a devolución:
nin políticos nin xuíz
pedirán explicación.

De noite, coa luz da lúa
ou guiándose cun fachón
pisadas moi velaíñas
movéndose baixo un faldón...

deben poñer o furtado
no seu propio almofadón,
logo, por carta lacrada,
pedir a todos perdón.

Botafumeiro imperioso
botaralles a beizón
ás pecadoras conciencias
libertas da desazón.

domingo, julho 17, 2011

Vía nova

Foto SW

Non rematei a viaxe, nin moito menos, pero cheguei a unha cidade importante e vou descargar a equipaxe uns días. Aproveitarei para facer unha análise minuciosa e liberarme, unha vez máis, de todo o inútil que fun acumulando por tantísimas razóns que xa non teñen importancia.

Pendentes quedan aínda moitas cousas que seguirei buscando, vía nova adiante, en canto recupere o alento e alixeire as pesadas valixas de paisaxes, lembranzas e signos xa descifrados.

quarta-feira, julho 13, 2011

Só o necesario

Foto SW

Resume 400 folios nunha páxina. Saíuche páxina e media. Agora vólveo resumir en 200 palabras. Sobran 56. Ti verás de onde quitas, ti mellor ca ninguén.
De verdade levarías o móbil e as tarxetas de crédito ao deserto? É mellor que esquezas iso e collas a barra de labios e un espelliño, acórdate do que che digo. A encarnada, claro: a cor non pesa, pero levanta o ánimo.