Número total de visualizações de páginas

sábado, setembro 27, 2008

Carta aberta a Xavier Lama

Estimado Xavier Lama

En primeiro lugar quero que saiba que asisto absolutamente alucinada a todo o que está pasando arredor do Premio de Poesía González Garcés. Penso que ten vostede toda a razón, que fixo o que tería que facer calquera persoa decente e, ademais, sabendo como é a mentalidade dominante neste país, demostra ser moi valente en dar un paso adiante.
O lobby de editores está a darnos unha lección de hipocresía dificilmente superábel e o resto de opinadores anónimos, ou non, non fai máis que confundir o cu coas témporas, a amizade co dereito, a elegancia co libre exercicio dos dereitos e deberes cidadáns.
Nada me parece máis elegante que expoñer polas canles legalmente previstas nas bases dun premio o desacordo coa decisión do tribunal argumentando as razóns. E esta elección súa choca co que faría calquera dos seus detractores: falar mal do gañador, minimizar a súa obra, sementar a dúbida e a sospeita con respecto ao proceder do tribunal e todo isto en petit comité, sen dar nunca a cara publicamente, acentuando o papel de vítima propiciatoria, de poeta maldito, etc. etc. Enfín, un espectáculo sempre lamentábel, por moi afeitos que esteamos a el.
Eu estou orgullosa de que haxa persoas coma vostede, que poñan o debate enriba da mesa, que non se escondan, porque as persoas que proceden deste xeito son as que teñen a conciencia limpa, e, engadiría eu, as únicas capaces de abrir unha fiestra que posibilite a entrada de aire fresco neste ambiente social viciado que invita a que nos inhibamos constantemente no exercicio dos nosos dereitos e deberes como cidadáns conscientes e suxeitos de dereito.

Atentamente


Suroeste

domingo, setembro 21, 2008

Cultura global


X.B. Arias, Ghon con

Espadas de samurai, xarróns versallescos, animais quiméricos de fundición plástico-metálica, corais en plataformas de mármore, máscaras venecianas, bonecos co traxe rexional, touros aguilloados por numerosas banderillas coa bandeira española, sanantoniños benditos: todo o necesario e todo o innecesario para o fogar, estea este onde queira estar. Non hai pobo no mundo que mellor saiba interpretar as tendencias e convulsións culturais da actualidade... e que mellor saiba verdérnolas tamén.


terça-feira, setembro 16, 2008

A vellez


Son vello e feo e xa non teño xenio para xogar. Cústame seguirlle o paso á miña ama e aborrezo os nenos que me tiran paus. Se non fora este soliño que me quenta o lombo, valía máis morrer.