Número total de visualizações de páginas

sábado, junho 12, 2010

O meu segundo colar de cunchas


A primeira vez que fun á Toxa debía ter sete anos e foi como remate dunha viaxe que tivera como obxectivo ver unha decepcionante feira de mostras en Vilagarcía. Digo decepcionante porque nós foramos ver tractores e maquinaria agrícola e diso había máis ben pouco, desde logo non dabondo para xustificar unha viaxe tan longa. O caso é que acabamos na Toxa e fomos asaltados polas colareiras. A miña nai espantounas eficazmente, pero eu quedei degoiando por un daqueles colares tan lindos que colgaban a ducias dos brazos das mulleres remangadas e arrichadas. Non me atrevín a pedir un.

O colar desexado, porén, veu a min tempo despois, ofrecido por unha veciña que andaba a servir na casa duns ricos do tipo billas de ouro e temporadas en todos os hoteis de cinco estrelas do país, entre eles, o tópico Gran Hotel da Toxa. O meu colariño, que puxen moito e acabou desfacéndose, tiña cunchas pardas, amarelas e brancas en fermosa combinación.

Hoxe, tantísimos anos despois, veu a min outro colar de cunchas, tamén tricolor. Un precioso agasallo inesperado das mans da mellor embaixadora que esta artesanía autóctona podía ter. Grazas Patricia.

sábado, junho 05, 2010

Volaverunt

Non sei en que momento ocorreu, se o facía xa no antro materno ou se desenvolvín a capacidade cando era abandonada no berce. Se cadra foi moito despois, pero antes de ir ao catecismo a aprender de memoria o do pecado orixinal. A verdade é que non teño claro se fun consciente antes ou despois da pubertade e se as sucesivas gravideces supuxeron unha merma ou un aumento no meu don. O que vos podo asegurar é que sei voar.

Poida que o que digo vos parecerá extraordinario, porque seguramente non coñezades a ninguén que confese abertamente que voa cando lle peta voar. Ninguén vai falando por aí de cousas que poidan parecer raras aos demais; xeran desconfianza e poden traer problemas.

Dicir que voar para unha humana é marabilloso é unha obviedade, pero permitídeme que intente describir a sensación de lixeireza en todo o corpo que fai que se este se eleve sen dificultade grazas á concentración mental. Si, todo depende diso: o corpo intimamente ligado á mente. Voar non é como poñer un motor en marcha e esquecer que está aceso, polo contrario, cómpre estar nun estado de plenitude absoluta para logralo. De perdelo, córrese o risco de levar unha boa zoupada e non aconsello a ninguén que faga experimentos. De feito, non é a primeira vez que perdo altura perigosamente cando esquezo por que me podo manter arriba. Tamén o fago a propósito, ás veces: déixome caer en picado para logo recuperar nun xeneroso bucle. Así vou aprendendo trucos.

Ás veces fágoo para evitar situacións incómodas, outras para chegar antes aos sitios, por pura impaciencia, pero o verdadeiramente relaxante é voar moi alto nos días que está nordés e buscar o punto de equilibrio exacto para manterse pendurando sen moverse, coma os buxatos. É cando mellor penso, sen dúbida ningunha. Algún post ténseme ocorrido así.