Número total de visualizações de páginas

sábado, junho 12, 2010

O meu segundo colar de cunchas


A primeira vez que fun á Toxa debía ter sete anos e foi como remate dunha viaxe que tivera como obxectivo ver unha decepcionante feira de mostras en Vilagarcía. Digo decepcionante porque nós foramos ver tractores e maquinaria agrícola e diso había máis ben pouco, desde logo non dabondo para xustificar unha viaxe tan longa. O caso é que acabamos na Toxa e fomos asaltados polas colareiras. A miña nai espantounas eficazmente, pero eu quedei degoiando por un daqueles colares tan lindos que colgaban a ducias dos brazos das mulleres remangadas e arrichadas. Non me atrevín a pedir un.

O colar desexado, porén, veu a min tempo despois, ofrecido por unha veciña que andaba a servir na casa duns ricos do tipo billas de ouro e temporadas en todos os hoteis de cinco estrelas do país, entre eles, o tópico Gran Hotel da Toxa. O meu colariño, que puxen moito e acabou desfacéndose, tiña cunchas pardas, amarelas e brancas en fermosa combinación.

Hoxe, tantísimos anos despois, veu a min outro colar de cunchas, tamén tricolor. Un precioso agasallo inesperado das mans da mellor embaixadora que esta artesanía autóctona podía ter. Grazas Patricia.

4 comentários:

Balonga disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
Balonga disse...

Sei ben que o rio Texo non pasa pola Toxa, senón polo Alentexo. O que non sei é se alén de colares hai algún teixo e mesmo un teixedal. Tampouco sei se a Toxa derivou dalgún toxal, toxeira ou toxedo. Neste caso, quizabes sería fermoso ver tamén toxos e teixos na Toxa.

SurOeste disse...

Vostedes desculpen o parón, pero estou ciberneticamente preguiceira.
Non se me vaian que enseguida reinicio a emisión.

admirador incondicional disse...

Estamos ansiosos.