Número total de visualizações de páginas

terça-feira, março 27, 2007

Góticas


Na nosa sociedade é moi importante a imaxe, mesmo excesivamente importante, por riba de calquera outra consideración. Por iso non é de estrañar que os que levan unha vida máis ou menos exposta ao público se esforcen en presentar unha imaxe coidada e mesmo, especialmente se están relacionados co mundo das artes, orixinal e espectacular, que dalgún xeito proxecten visualmente a excepcionalidade da súa persoa.
Entre a intelectualidade feminina galega veño detectando unha certa tendencia á estética Morticia Addams, e non é un fenómeno de agora, o máis doado sería pensar en Yolanda Castaño, senón que vén de moito antes, e estou pensando na belísima Carmen Blanco.
Curiosa fascinación polo gótico na terra onde o románico perviviu máis tempo.

sexta-feira, março 23, 2007

Sibila




Ela (chamámoslle Sibila a partir da descoberta da súa semellanza, na Biblioteca Xeral) viña carregada de roupaxes pesadas, inmóbil e dinámica, e de cada retallo triangular da súa túnica surtía unha elipse musical e tenra que enchía todo o soño de Domingos cun arume estremecido de anduriña ou calquera cousa de fino e aletexante. Atraguíao ao seu seo e o delirio sobreviña nunha cópula doce e incriblemente destructora. sentíase chuchado, día a día vencido. Non cabía na linguaxe de Domingos acumulación tal de pracer e fermosura, sonido e discusión de cores e mensaxes de luz e perda progresiva da entidade propia: parola na Quinta Angustia. Domingos chegara ao ponto de cáseque non comer nin fumar na noite en que Sibila, esplendente, chegara empuñando unha parabellum, cunha fita cruel en vez de labres. Sentárase nunca cadeira metálica (tipo Bauhaus, xa sabedes) e as elipses tiñan desaparecido, ou tíñanse esvaído, ou tíñanse apagado, o que horrorizou ao meu amigo, cecais por algunha secreta intuición relacionada coa súa cultura teosófica. Sentárase Sibila e contemplara con ollos de aceiro e toda a maldade do mundo ao meu amigo, até que a albada e as campás viñeron rescatalo prá vixilia e a luz, se é que aínda era rescatábel.


                           X.L. Méndez Ferrín, "A Sibila", Crónica de nós.

quarta-feira, março 21, 2007

Aluspar Chelís




Iría contigo ós capelos polos campeiros de Monfero
ou polos da outra banda do río, de onde es ti,
e regalaríache un montón de flores lila.
Iría contigo ver as besta bravas polos campeiros de Monfero
ou polos da outra banda do río, onde ti viñeches engalanar o mundo,
e regalaríache unha noite de luar.
Iría contigo e descansariamos nos campeiros de Monfero
ou nos da outra banda, por onde saltaches de pequena,
e regalaríache os sons da auga caendo.

sexta-feira, março 16, 2007

Os zapatos rotos



A miña amiga di ás veces que vai chea de traballar e que lle gustaría mandalo todo a tomar ventos á Marola. Querería pecharse nunha taberna de mala morte e beber todos os seus aforros, ou ben meterse na cama e non pensar xa en nada, e agardar que veñan cortarlle o gas e maila luz, deixar que todo se esboroe pouco a pouco. Di que o fará cando eu me vaia. Porque a nosa vida en común pouco ha durar; logo me hei de ir e voltarei a xunto da miña nai e dos meus fillos, a unha casa onde non está permitido levar os zapatos rotos. A miña nai poñerame a andar, impedirame utilizar alfinetes no canto de botóns, e escribir ata as tantas da mañá. Eu, pola miña parte, poñerei a andar aos meus fillos, vencendo a tentación de mandalo todo a paseo. Volverei ser seria e maternal, como me ocorre sempre que estou con eles, unha persoa distinta da que son agora, unha persoa á que a miña amiga non coñece en absoluto.
Mirarei o reloxio e levarei a conta das horas, vixiante e atenta a todo, e preocupareime de que os meus fillos teñan sempre os pés seccos e quentes, porque sei que debe ser así, se se pode, polo menos na infancia. É máis, se cadra, para aprender despois a camiñar cos zapatos rotos, sexa conveniente ter os pés secos e quentiños cando se é neno.

Natalia Ginzburg, Las pequeñas virtudes [Le piccole virtú, 1962] , 2002, Ed. Acantilado
(A versión galega é un experimento suroestiano)

terça-feira, março 06, 2007

Clases de canto



Onte o Tío Pepin deunos a todos, mais fundamentalmente a min, unha demostración do seu claro e varonil arte cantor. Non era o lugar, e el sábeo, pero non o puido evitar: non atopou mellor lugar onde exhibirse e, a verdade sexa dita, eu púxenllo a huevo. Pregúntome se hoxe estará tan orgulloso das súas habilidades ou prefire que retire o comentario.

domingo, março 04, 2007

Protectorados




Como os meus habituais comentaristas se encargan de me lembrar quero recoñecer
que, efectivamente, o estilo lingüístico das empresas de comunicación madrileñas
establecidas en Galicia é legal e mesmo lexítimo, desde o momento en que os intelectuais intergalácticos colaboradores se apresuran a lexitimalo día a día e 
suplemento cultural a suplemento cultural, expresando o seu consentimento de maneira totalmente voluntaria sempre que se lles pregunta. Da mesma 
maneira que o imperialismo non sería posíbel sen a colaboración das elites 
autóctonas dos territorios colonizados nin a  dominación masculina e a ablación de clítoris sen o consenso e colaboración das propias mulleres.
Uns e outras necesitamos protección, como todo o mundo sabe.

Non sen a miña lingua!
Non sen o meu clítoris!