Número total de visualizações de páginas

sábado, julho 31, 2010

Lilith e as fantasías masculinas


Pasada a febre do mundial de fútbol, durante a que a prensa inglesa seria pretendeu alarmar aos patriotas españois cunha conspiración televisiva-demoníaca en forma de fermosa reporteira detrás da portería para que a España lle metesen goliños e golazos. Pasada a irada resposta de articulistas, tertulios e esposas de viceprimeiros ministros negando para Sara Carbonero o título de Lilith... os mass media da pelella de touro reviven a fantasía dunha auténtica e irresistíbel malvada, Idoia López Riaño, bautizada pola prensa como La Tigresa.

Mentres a, definitivamente doce e inofensiva, Carbonero pasea pola costa californiana con sombreiro borsalino e gafas de aviador, as axencias de prensa rebuscaban nos arquivos vellas fotos da Tigresa López Riaño e en todas atoparon o mesmo magnetismo. Os articulistas cargaron tintas sobre a súa lenda sexual e non puideron evitar endurecer o se discurso a medida que este se ía escribindo na pantalla do ordenador: canto máis cargaron as tintas escollendo adxectivos "feos" máis evidente é a turbación irracional perante a personaxe. Verdadeiramente, nin no papel de mala nin no de boa as mulleres se libran de ser un obxecto sexual.
Algunhas das historias acerca dela funcionaron durante unha época como auténticas lendas urbanas. Lembro a risa que me dera a narración dun amigo que aseguraba que el mesmo, ou se cadra outro amigo, encontrara á Tigresa durante as festas do patrón da vila e pasaran xuntos a noite de copas e farra con absoluta naturalidade. Cando os ánimos etílicos decaeron, encamiñáronse á praia e alí arrolaron xuntos. A Tigresa levaba saia, na fantasía do meu amigo, ou do amigo do meu amigo, e nas loitas amorosas que tiveron lugar sobre a area fría do mencer, a man exploradora del atopou a durísima certeza dunha pistola, aprisionada na cintura e disimulada entre os pregues da roupa.
É indubidábel que esta fantasía é posterior á noticia da súa detención en Francia no ano 94 e foi alimentada por todo o que daquela se publicara acerca dela. Sería bon saber, tamén, canto do que se publicou é produto da fantasía masculina. En todo caso a noticia é que se desvincula da organización terrorista e que parece que pon empeño en reciclarse. Lilith facendo cursiños para quedar en Eva? Esperemos que os que está obsesionados con ela a deixen avanzar nese camiño.

domingo, julho 25, 2010

Dialéctica espacial


Foto de Xebe d´Afrei

As súas voces fixéronme levantar a vista do labor que estaba facendo. Ían de un en un polo camiño público comentando en alto todo o que vían, coma se se movesen por un decorado coidadosamente colocado alí para recibilos, ou coma se un imaxinario balbordo diluíse as súas voces.

O pai abría a expedición e a nai pechábaa; no medio tres adolescentes con cadansúa mochila. Miraron e comentaron as particularidades do noso curral e, cando descubriron a fonte un pouco máis adiante, botáronse a correr cara ao seu gorgullo con ledicia. A nai aínda se entretivo un pouco co curral e, precavida, volveu a cabeza un pouco e mirou para atrás.

Foi entón cando se cruzaron as nosas miradas: eu dentro e ela fóra, eu observando os seus corpos e ela os elementos exteriores da casa.

Foi coma se nos queimáramos.

Rapidamente, ela continuou a súa marcha e axiña desapareceron todos nunha revolta do camiño público. Pola miña parte, corrín coidadosamente as cortinas e a casa tragoume por completo.

sexta-feira, julho 02, 2010

Les Guérillères

Foto de Xebe d´Afrei

Celeste tiña o rostro moteado das sombras e o sol da mañá. O brazo extendido sobre a herba era percorrido por unha palla que manexaba a súa amiga Valente. A palla detense e Celeste abre os ollos pedindo unha explicación.
–Por que paras? Quero que sigas.
–Non sabía se che gustaba.
–Mmmmmmmm... Non quero que acabe nunca.
–Por agora tedes tempo– di Liberada mentres apaña cereixas e cospe carambuñas o máis lonxe que pode. Achégase a Flora, que está repasando para o exame de Grego, e vaille adornando as orellas con acios de froita vermella. Logo ponlle unha ben madura entre os beizos e pensa na dozura da froita escorréndolle pola gorxa á amiga. Cospen xuntas as carambuñas.
O sol chegou onda elas e atravesou xa as pernas de Celeste. Agora báñalle o ventre que sobe e baixa e paz absoluta. Valente vixíaa por se quedou durmida co bulir da palla pero o sorriso que debuxa na cara advírtelle que non, que segue concentrada nas cóxegas.
Flora di algo da aurora de rosados dedos e Valente toca cos seus o brazo da amiga.
Farta de froita, Liberada concéntrase no recitado e a súa imaxinación viaxa a tempos antigos. Déitase na herba coas pernas abertas e xoga coa luz abrindo e pechando os dedos sobre os ollos. O sol está case no cénit e cheira a guerra.
O agudo son da serea esperta a cadaquén dos seus soños. Acabouse. Á seguinte clase si que tiñan decidido ir. Van desfilando as guerrilleiras e baixan do seu retiro elevado. Liberada queda atrás, presa da gravidade do precipicio.
–Ei!
Flora vólvese para reincorporala ao grupo.
–Non pensarás en tirarte!
Míranse en silencio e regresan collidas da man.