Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, julho 29, 2009

Cativerías


–Ti copiaches algunha vez nun exame?
–Home!, no hipotético caso de que o fixera non o había dicir con mamá diante...

sexta-feira, julho 17, 2009

Febre



Tardaba un pouco, pero era seguro que estivese na casa; o coche diante da entrada do edificio, luz nun dos cuartos do piso. Outro timbrazo. Arrimouse máis á porta para escoitar. Por fin uns pasos e logo algo que cae estrepitosamente. A súa voz farfullando calquera cousa cada vez máis cerca. Silencio. Estaba sendo observado. Arrédase un pouco, mira á porta e agarda.

–Pasa.

Viña envolta nunha manta, descalza, o ollos coma dous berberechos na súa cuncha, os beizos encarnados.

–Encóntraste ben?
–Non sei. Máis ben non. Acábasme de espertar; había pouco que durmía.

Volvía cara á habitación, sen máis, arrastrando a manta.

–Perdoa, volvo á cama que enfrío. Non atopei as zapatillas.Ven e cóntame.
–Tomaches algo?
–Non.
–Vou á cociña, a ver que tes por aí.
–Como queiras.

Zume de laranxa e aspirina, unha cunca de cereais e unha bandexiña... Atopouno todo. Houbo que rescatar a louza necesaria dun vertedeiro acugulado de varios días. Ela agardaba recostada nas almofadas. Co pelo recollido nunha coleta frouxa e a cara acabada de lavar o seu rostro parecía máis relaxado. Tomou o zume e a aspirina sen protestar, pero rexeitou os cereais.

–Miraches a febre?
–Non, é só un resfriado con dor de cabeza.
–Onde tes o termómetro?
–Non insistas, por favor...

Púxolle a man na testa, ela mirábao coma un canciño manso.

–Estou aquí para coidarte. Só iso.

Ela pechou os ollos e apoiouse no seu peito. Unha bágoa esvarou pola meixela.

–Non che vou preguntar por que. Tanto me ten. Agradézocho.
–Vou fregar a louza; ti descansa.

Puxo música baixiña e pechou a porta da cociña. Atopou uns guantes e deixou correr a auga sobre a louza sucia. Pensaba na muller mentres fregaba os cacharros na auga morna, nos seus beizos encarnados e resecos, no tacto febril da súa pel. Fixo o traballo lenta e meticulosamente. Non tiña apuro; estaba alí por ela. Cando rematou prendeu un cigarro e abriu unha ventá. Pasaba de mediodía. A cidade retomaba o pulso trala pausa do xantar. Comprobou a hora no reloxio, apagou a radio e dirixiuse amodo á habitación onde ela descansaba. Con coidado de non espertala deitouse ao seu lado. Concentrouse na súa respiración un pouco inquieta, acaricioulle o pelo e ela volveuse nun sobresalto, abriu os ollos e mirouno estrañada.

–Xa non me acordaba que estabas aquí.– sorriu un pouco – Alégrome de verte.

El bicouna e preguntoulle pola dor de cabeza, se non tiña fame.

–Non.

As miradas eran tenras, case non facía falta falar.

–Quedas un pouco mais, si?
–Quedo o que queiras.

Agora os ollos esculcábanse ata o fondo e atoparon os seus corpos.

–Non estou moi sexi que digamos.
–Estás irresistíbel –a man percorrendo xa o interior das súas coxas– ardes coma no inferno.
–Déixame que vou á ducha.
–Non te movas de aquí.

Aproveitou o movemento dela para colocala enriba e collela polas cadeiras.

–Quéreste queimar?
–Quero.
–Vouche quitar a roupa; no inferno non fai falta.

O corpo dela tiña un gusto acedo suave; o del estaba dominado polo aroma da eau de toilette que puxera pola mañá.
Foi rápido e intenso coma unha labarada.

segunda-feira, julho 13, 2009

Perspectivas



Viuna ao lonxe xogando cunha desas pas de praia facendo carreiriñas curtas e pegando graciosos chimpos para alcanzar a pelota. Ás veces escapábaselle e tiña que ir buscala á beira da auga. Daquela avanzaba parsimoniosamente movendo con moito xeito as cadeiras, a braguiña do biquini entre as súas nádegas morenas. Corpo de xunco. Imaxinouna entregada ao amor, nos seus brazos, por exemplo. Por que non? Xa estaba ben de convencións. Aquel corpo era lindo e desexaba acaricialo. Polo menos soñalo.
A moza seguía xogando allea á sua mirada. Sabía disimular detrás da pantalla das gafas de sol: a cara levemente ladeada para outro lado e os ollos fixos na dirección contraria. Soñar un corpo liso de muller. Recunchos húmidos, voz suave, caricias prolongadas.
Nunca estivera cunha muller, pero podía imaxinalo; o corpo dela coma un espello do propio. Todo o tempo do mundo para ti e despois tamén, miña raíña de sal. A luz amarela da tardiña inundáballe o corpo dun profundo latexo. Contraeu os músculos perineais unha vez e outra e outra, ritmicamente. Volveuse de costas e acomodouse contra un montonciño de area. Pensou nela entrando na auga e lambeu o bico dos seus peitos requichados, a pel sorprendida pola frescura do mar.
A raíña de sal está mollada contra a súa pel, pode sentila sen dificultade. Arden fantasías mentres se deixa deitada na area, o rostro agochado no oco formado polos brazos, volto cara a si, buscando no propio corpo. Os sons de arredor fanse un remuíño envolvente, traba o beizo salgado, afoga un xemido e déixase ir aboiando docemente.
A moza do biquini está na auga choupando para mollar á compañeira. A outra quere fuxir torpemente e non dá. Vai ser alcanzada e celébrao con risos de xílgaro.

segunda-feira, julho 06, 2009

Heteroxeneidade


A uniformidade e a simetría son belas aos nosos ollos: comprendemos mellor unha catedral con dúas torres ca só con unha, por exemplo; as persoas que teñen ollos de diferente cor sonnos difíciles de mirar; quen non vai amar a superficie lisa da súa pel?
Buscamos instintivamente esas dúas características no que miramos, por iso é doado ver aquilo que desentoa nun conxunto homoxéneo.
Esta obsesión polo uniforme e simétrico atopa o seu paroxismo na serie dos Domingos de La Voz: "La Galicia bonita", un conxunto de fotos postalescas seguidas de comentarios obvios que fan unha serie machaconamente cursi que xa vai pola xx temporada. E a cousa parece que non ten fin, porque encaixa perfectamente no ton de reproche paternalista característico do medio que a pariu.
En contraposición ofrezo a quen a queira mirar esta imaxe da Galicia contemporánea: asombrosamente heteroxénea desde todos os rexistros que se queira contemplar e, logo, pensar. Fea ou bonita? Acaso importa?

(A foto é do meu fillo)