Número total de visualizações de páginas

sexta-feira, abril 02, 2010

Tomando o té con Jane Austen


Levo uns días prendida nas redes de Jane Austen, a aparentemente tranquilísima muller pensativa que representa a imaxe. Fago memoria e chego á miña adolescencia. De que coñezo eu a esta muller? Os seus libros non estaban nos programas de bacharelato e eu non tiña acceso a unha gran biblioteca. Coñecina a través dunha versión televisiva de Orgullo e prexuízo alá por... 1980, tal vez. Nunca esquecín aquela serie nin á escritora. Anos despois lin Emma, que me cautivou, e hai unhas semanas non puiden resistir a tentación de mercar a versión galega de Orgullo e prexuízo.
Nas súas novelas non hai grandes aventuras, desde logo que non, pero hai unha impresionante reflexión dos comportamentos e sentimentos humanos sometidos á constante presión das regras sociais. Fálase moito de sentimentos nas novelas de Austen, mais tamén de cartos, de matrimonio, de honorabilidade. E é lóxico: a gran fazaña dunha muller da época era facer un bon matrimonio, o único contrato que podía subscribir ao tempo. E que era un bon matrimonio? Desde logo un que garantizase o benestar económico da contratante, mais para as heroínas de Austen iso non é suficiente; é necesario, ademais, que se basee no respecto e a admiración mutua dos contraentes. Isto último era moi moderno para a época e por iso as heroínas fabricadas por Jane Austen, sen ser revolucionarias, son uns bichos raros que insisten en facerse respectar e en torcérllelo bico a todos aqueles que consideran que non están á súa altura que, desde logo, son a maioría.
Gústame Jane Austen, gozo co seu estilo tranquilo, mesmo cando está clarisimamente innovando. É eficaz nas súas fórmulas narrativas. Gústame o sentido de dignidade feminina que transmite nun mundo que afastara definitivamente ás mulleres dos lugares onde se cortaba o bacallau, establecendo un sistema que tendía a que o capital se acumulase sempre en mans masculinas. Simplemente o facer ver iso aos lectores desde o punto de vista das excluídas supón unha gran valentía para unha muller sen fortuna que, na súa primeira novela, firmaba simplemente como A Lady.

8 comentários:

peke disse...

Precisamente estou mercando as novelas de Austen nunha colección ben xeitosa. Xa lle lera algunhas de mociña e gustáranme ben.

SurOeste disse...

Que casualidade, vou buscar a teteira grande! Cal é a túa preferida?

Curtisbiblio disse...

A miña é Emma. Cofeso que a que máis relein é Orgullo y perjuicio

SurOeste disse...

Emma, a gran araña que vai tecendo a rede e acaba enmarañándose nela. Si, desde logo é un novelón.

Anónimo disse...

Encántanme os dous irmáns Knightley. Que personaxes tan bos debuxa esta autora...

SurOeste disse...

Efectivamente: estoulle agradecida a Jane Auten por axudarnos a distinguir entre un mamarracho e un prezado macho-varón.

Non é raro que sabendo tanto quedara solteira?

Teotónio L. de Sousa disse...

Amiga SurOeste:

Xa hai ben tempo que lin as más representativas das novelas da Jane Austen e a miña favorita sempre ten sido Emma, anque Pride and Prejudice tamén ten o seu aquel. Teño na casa un bo volume editado pola Penguin coas súas novelas completas (coido que publicou sete) e, en canto teña un momento libre, hei le-las que me faltan. Grazas por traerme pr'a memoria a unha autora que xa hai tempo que non lía.

Ah, e probabelmente ficou solteira precisamente porque sabía tanto... :-)

O Teotónio.
http://teimasdungalego.blogspot.com

SurOeste disse...

Por agora vai gañando Emma, máis sosegada ca Pride and prejudice, sen arrebato ningún, como debe ser, madurecendo lentamente.

Ten razón Teotónio: era moi lista Miss Austen. Cando non se fan esas cousas nos verdores da xuventude logo custan máis, penso eu.