Número total de visualizações de páginas

domingo, abril 25, 2010

Política e botánica



A miña avoa diría que o xasmín amenceu calladiño de flores, contradicindo desta volta aos pesimistas prognósticos de quen aseguraba que o lugar onde foi plantado non lle era bon. De momento parece que lle gusta e este ano colleu moita forza. Agora xa penso onde vou prender as guías que botou estes días. Se cadra quere agachar pola vella cepa da barra ou se cadra ten outras intencións.
As plantas teñen ánima e unha vontade moi obstinada, estou convencida. E saben agradecer: este esplendor é a perfumada contestación á auga de todo o mes (a do ceo e a da xarra que lle baleiro cando vou á fonte) e á sega que fixen das herbas de arredor do mes pasado. Míroo e síntome orgullosa. Agora son eu a que me sinto en débeda: observareino e intentarei negociar con el varias posibilidades para que siga enchendo a pracer o xardín co seu arrecendo.

8 comentários:

Anónimo disse...

Política e botánica; nas dúas hai moito capullo.

sachanahorta disse...

Vah, VAh, VAh...menos libros e máis leira!!!!

Anónimo disse...

as plantas da miña avoa botárona tanto de menos cando marchou que acabaron liscando. As flores téñenche un sexto sentido

Anónimo disse...

Leo Caldas e máis eu estamos nas primeiras fases do amor, afirma Domingo Villar, o autor de "A praia dos afogados"
http://www.radiofusion.eu/manager.php?p=FichaNova&ID=6042

SurOeste disse...

No medio e medio do enamoramento... vaia, si, ten razón, é mellor agardar a que baixe a inflamación para tomar decisións.

Balonga disse...

Quizabes ao xasmín lle fora ben unha noiva: a saxífraga opositifolia. Iso si, todo baixo a vixilancia en función de "carabina", da parquinsonia.

FraVernero disse...

Este ano en curso eu mesmo fun redescubrindo unha certa paixón pola natureza, anque me chegou por vía literaria indereceta: o interese na poesía xaponesa clásica (non haiku, senón waka), obsesionada con flores, follas e estacións...

O xasmín ule que alimenta. Teño que pensar en traer algún para a horta, anque recoñezo a miña parcialidade (materialista...) por especies froiteiras. Mestura moi galega, onde o estético e o práctico tende a harmonizar nas hortas veciñais (entre os repolos e balocas, unha árbore froiteira, ou un acivro de bo porte).

Karel Capek disse...

E non esqueza preparar a terra con esterco de vaca de tres anos, unha presada de terra dun furado feito por unha toupa, po de arxila moida procedente de tixolos vellos de adobe, area do río Eume (nunca do Ebro), terra de tres anos procedente dun sementeiro, e se cadra tamén humus de fento dourado. E todo ben mesturado nunha noite de lúa nova.