Número total de visualizações de página

segunda-feira, agosto 31, 2009

Embodiment



Seique non, que non é a alma a que está encerrada no cárcere do corpo, que é xusto ao revés: o corpo está encarcerado pola alma que lle impón límites, doméao, moldéao, codifícao, disciplínao, con durísimos castigos se é necesario.
E este corpo que eu vexo –reflectido no espello, recollido polo obxectivo da cámara e pegado na pantalla mentres escribo un texto– debe ser o meu corpo, o punto de partida de min mesma, o produto da bioloxía, dos meus sucesivos procesos de socialización –lazadas incluídas– e mesmo da problemática designación lingüística-simbólica de que é obxecto. Este corpo, finalmente de muller, que son eu.

sexta-feira, agosto 28, 2009

Lazadas

Eu era unha nena querida que compartía xogos na aira co meu irmán pequeno e facía moita psicomotricidade fina devagando fabas e chícharos coas avoas. Tiña tamén algunha boneca que todos os días decapitaba e todos os días aparecía de novo coa cabeza recolocada enriba dun saco de trigo. Levaba o pelo curtiño, porque, segundo a miña nai, era moi práctico. O mesmo ca hoxe, poucas nenas levaban o pelo curto daquela.
Só era consciente da miña anomalía moi esporadicamente, por exemplo, cando lle preguntaban á miña nai se a nena do par era o meu irmán ou cando iamos á casa das primas, de sedosos cabelos ondulados. A miña tía solucionaba o problema colocándome un gran lazo branco ou azul ceo no pelo e vestíndome de "anxo" con ás de algodón canda as demais. Neses momentos sentíame realmente "anxo" e case voaba ao saltar desde o murete do adro, tan linda me vía eu perfectamente sexuada.


Un día comprei un vestido azul moi sinxelo, como de costureira, co que me sentín como cando a miña tía me poñía lazos no pelo.
-A que é bonito?- Pregunteille mentres llo mostraba.
-Moi bonito, pero ven aquí un momento.
Achegueime, desatou a fita da cintura coa típica delicadeza lenta masculina e fixo unha coidadosa lazada.
-Agora si que estás bonita!

O muro, ese muro



Ese muro non se fixo nun día nin en dous. Fíxoo un home e unha muller, unha pedra por riba doutra. Tiveron que buscalas axeitadas, o máis axeitadas que lles pareceu, e foron poñendo masa de terra e auga polo medio, para que se agarraran e non esborrexeran á primeira. A masa secou e endureceu, e as pedras buscaron o seu acomodo.
E pasaron os días e as estacións e chegaron os temporais enrabexados do suroeste que foron lambendo area a area a terra de entre as pedras; mais estas seguiron unha por riba doutra, apoiándose e dando apoio firmemente.
O tempo fixo do muro un encaixe, a través do cal se pode ver o mar e o ceo, de pelouros redondeados polo que se coa o vento.
A terra que levou xa non facía falta ningunha.

quinta-feira, agosto 27, 2009

Suntuoso tapiz



Suntuoso tapiz? Suntuoso?


si

si

si

explícome

é abundante

espeso

ten moita variedade de especies aí apretadiñas


Xa, xa sei o que significa a palabra, grazas.


ten un colorido fantástico

eses violetas e diversas tonalidades

salpicando aquí e alí superficies extensas

ese luxo de texturas e colores


Tes que lle poñer un texto.


parece mol pero pincha

son incapaz

estiven mirando e mirando


É un reto, inténtao.


e penso que ata lle sobra o título

e o máis alucinante é que por baixo desa superficie

hai un mundo

con moita bichería


Estás xa facendo aquí o texto, pásao.


é suntuoso precisamente porque non regatea nin en condicións extremas de vento e sal a que está exposto

é un derroche moi ben aproveitado



Entendiches?





quinta-feira, agosto 20, 2009

Teño, teño, teño... xa non teño nada



"Yo tuve tres guileras, chaval... Mira, la primera me la cogieron, la segunda la llevó la pikola y la tercera me gripó tres veces y la vendí"

terça-feira, agosto 18, 2009

Determinismo étnico


Hoxe nas estanterías dos iogures abordoume unha muller duns 30 anos vestida cunha camiseta de tiras, que deixaba ver unha tatuaxe nun brazo, e un pantalón curto. Era morena, máis ou menos coma min, co pelo recollido nunha coleta e un aire de determinación que me chamou a atención.

–Oye, estos yogures son azucarados?
–Non, os azucrados son estoutros.
–Y valen lo mismo?
–Si.

Colleu o paquete dos iogures azucrados e seguiu tranquilamente facendo a compra.

Non sabía ler.

quarta-feira, agosto 12, 2009

Editoriais, libros, libreiros e lectores abraiados



Hoxe recibín unha carta dun amigo que me fai unha suxestión interesante, que en principio pensei en aproveitar facendo un escrito propio, pero que ao final transcribo aquí con toda a súa forza porque me parece que achega cuestións cruciais do campo literario galego de hoxe mesmo expostas dun xeito moi directo:

"Xa lin a recensión e oín a entrevista. Moi ben na recensión esa reivindicación da afouteza das nosas editoriais, moi necesaria neste país de pailáns. Hoxe cabreeime porque fun a unha librería comprar o Mombars (compro todo o que me recomendas) e vin os libros de Domingo Villar (sabes?, Ollos de auga, A praia dos afogados) colocados en castelán (Ojos de agua, La playa de los ahogados) na mesa de novidades. Os orixinais galegos nin estaban na sección de "linguas" onde está "galego". O mesmo me pasou o outro día en Santiago. Curioso. Cando unha novela galega ten moita venda e se traduce ó castelán, pasa a ser un orixinal nesa lingua. Non sei que fan os autores e se isto lles causa algunha incomodidade ou non: se cadra están contentos con esta librofaxia e cáelles a baba cando son recoñecidos polo mundo editorial español (estas traducións en Siruela xa sabes que campan moito).

Con recensións coma a túa, a ver se espabilamos. O mundo dos libreiros é ben paleto, dígoche a verdade. Moita librería pero pouco coñecemento dos libros. Por que non pos algo en Facebook? "Paseando o outro día pola Atenas de Galicia... ocorreume un caso propio de poubáns porque a poubanía inza este país e outros, tamén...."

Gústame o Hixinio Puentes. Fala ben. Hoxe comezo co Mombars... Sempre tiveches bo ollo para cazar as boas novelas. A B. tamén lle gustou".

Non vou engadir nada máis. Con isto temos para pensar e para empezar unha saborosa polémica, se temos xenio e vagar para facelo agora que por fin chegou o verán.

Saúdos

sexta-feira, agosto 07, 2009

Croquetas de Rosalía


Cando vexo cousas coma esta (pódese aumentar a imaxe) decátome da intelixencia e eficacia da mensaxe de Rosalía século e medio despois de Cantares Gallegos. Ela utilizou a cultura popular da época e a cultura popular da nosa época utilízaa a ela, xa convertida en icona indiscutíbel da cultura popular galega. O cartel que vedes empapelaba toda Luarca.

segunda-feira, agosto 03, 2009

cultura

Comentaba hai uns meses Ferrín nun artigo de prensa o ridículos que resultaban os mandatarios do mundo nun acto de cara á galería no que tiñan que coller unha pa para plantar unha árbore simbólica. Non é que non lle deran moito xeito, que non llo daban, senón que parecía que lle tiñan medo ao inofensivo instrumento –máis, moito máis ca a decir bombardeade isto ou aquilo!– e, sobre todo, terror ao feito de poder mancharse coa terra.
A única que superou a proba con toda naturalidade foi Ángela Merkel, demostrando unha vez máis a importancia de recibir unha educación práctica, cos pés ben asentados na terra, unha educación de tocar e ver e mancharse e traballar cando toca, onde a terra non mancha, dá de comer.