Número total de visualizações de página

domingo, outubro 30, 2005

Chica de calendario

Eu fun chica de calendario, ¿nunca cho contei? non, claro, non é un tema para sacar de boas a primeiras á hora do café. E, dalgún xeito, durante moitos anos, tamén eu fixen por esquece-lo asunto. Cando algo mo lembraba tentaba poñelo o máis lonxe posible de min, arredalo da persoa en que me fora convertindo traballosamente despois de superar aquela etapa incerta. Agora, en cambio, coido que do único que un debe arrepentirse é de non ter vivido o suficiente, de non ter escurripichado ata o final as súas posibilidades. Por iso, volver a recuperar esas experiencias das que tan avergonzada cheguei a estar é un xeito de admitir que foron necesarias e que sen elas quen sabe quen sería eu hoxe. Con tanta filosofía non sei xa qué che estaba contando...

Non cumprira os vinte anos e poderíase dicir que tiña un aspecto louzán aínda que un tanto silvestre. As carnes repartíanse xenerosamente delineando curvas femininas; o cutis e o pelo eran esplendorosos; os ollos ardían baixo as espesas cellas mouras que, por suposto, non depilaba. Esa era unha das miñas características: desprecio absoluto polos cánones de beleza ó uso. Nin enfeites, nin complicados procedementos: eu era o meu corpo. Deste xeito lucía, case con insolencia, tódolos pelos que a natureza me impuxera nas pernas, debaixo dos brazos e unha suave sombra de bigote no beizo superior. E, aínda así, mesmo allea a tódalas convencións da moda, ninguén podía negar que era fermosa, insultantemente fermosa. Os peitos, mal apreixados nos sosténs gastadiños, acaneábanse docemente baixo a roupa atraendo as miradas dos homes. O resto do corpo acompañábaos con gracia dabondo, pero quedaba definitivamente eclipsado ante aquela rotunda exuberancia.

Unha mañá de verán estaba facendo auto-stop e paroume un flamante BMW negro. Conducíao un señor gordiño e sorrinte que me preguntou a onde ía. El levaba a mesma dirección, pero antes tiña que pasar pola cidade de A. se non tiña moito apuro... Montei, agardei nun café a que despachase os seus asuntos e convidoume a xantar luxosamante na cidade do meu destino. En canto a conversa foi avanzando e adquiriu un certo grao de confianza, deu en loa-la miña beleza, aínda que matizando coa manida metáfora do diamante en bruto. Ós postres, nun arrebato de euforia, chegoume a comparar con Sofía Loren. Nada que ver, desde logo, coas rapazas corte inglés que, segundo confesou, adoitaba recoller en similares circunstancias para ter un fugaz encontro sexual. Parecía evidente que eu, antes de chegar á categoría de amante ocasional ou permanente, necesitaba unha radical intervención estética. Xa me imaxinaba, larpeiro, metida nun vestido longo e axustado, aberto xenerosamente no peito e nas coxas que habían rematar nuns finos zapatos de tacón alto. Eu ría escéptica e defendía o meu estilo radicalmente natural, pero o certo é que me sentía afagada con tantas atencións e o meu carácter imaxinativo estaba sendo adecuadamente manipulado.

A cousa quedou aí aquel día, pero deixei aberta a porta daquela aventura ó darlle o meu teléfono.

Chamoume á semana seguinte e acudín á cita cunha mistura de curiosidade e temeraria confianza en min mesma. Despois de miles de cumpridos e agasallos, faloume dun amigo seu fotógrafo que tiña o estudio moi cerca e quería coñecerme.

Todo se desenvolveu nun ambiente amable e paternalista con respecto a min. Non deixaron de repetirme que era unha beleza en potencia e que, someténdome a uns pequenos cambios, conseguiría un aspecto irresistible do que podería sacar moito proveito, tanto económico coma social. Animáronme a probar algúns traxes que había no estudio, así como zapatos e perrucas. Case sen darme conta estaba en plena sesión fotográfica, pousando primeiro en actitude serena e mesmo recatada para, gradualmente, ir adoptando posturas máis provocativas. Axiña me atopei tan ben no meu papel de muller arrebatadora que non tiven reparo ningún en mostra-los meus peitos como por casualidade e logo xa con indisimulada intención. Cada progreso deste tipo era aplaudido e animado polos dous homes mentres o flash non deixaba de chispear.

Dúas horas despois, o fotógrafo anunciou que xa dispoñía de material suficiente e que agora cumpría un minucioso labor de estudio para face-las, dixo, composicións artísticas. Os resultados e maila compensación económica estarían dispoñibles de alí en dous meses.

De volta na casa empecei a arrepentirme da miña lixeireza. ¿E se lle regalaban ó meu pai un calendario, poñamos por caso no taller mecánico, comigo enseñando as tetas a toda cor e con cara de...? A vergoña caería coma unha lousa sobre toda a familia e sería moi difícil de superar na pequena comunidade á que pertenciamos. Todos me pedirían explicacións e condenaríanme anoxados. ¿Por que o fixera? ¿Que falta tiña? ¿Que escuro impulso me arrastraba unha e outra vez a transgredi-la estricta conducta sexual que se agardaba de min na familia? Pensamentos semellantes martelaban incesantemente na miña cabeza. Non quixen saber nada máis do inductor á sesión fotográfica; despacheino secamente na seguinte chamada telefónica.

Pasei o verán atormentándome sobre as nefastas consecuencias daquel episodio. Evitei as verbenas e romerías e comecei unha drástica rexeneración moral centrándome exclusivamente no traballo e no estudio. Aparentemente todo estaba en calma e só eu sabía con canta tensión aparentaba esa calma.

Aprobei as asignaturas pendentes en setembro e, cando me reincorporei no outono ás clases na facultade, caín na conta de que os dous meses xa pasaran e podía ir recolle-los cartos prometidos onda o fotógrafo, tal e como acordaramos. Xa levara penitencia abondo como para renunciar ademais ós cartos.

Unha tarde, despois das clases, petei na porta do estudio. O fotógrafo sorprendeuse da visita, pero mandoume pasar e agardei a que buscase o resultado das fotografías que me fixera.

A mesa de traballo era un barullo de fotos recortadas, revistas e calendarios con figuras de mulleres espidas. Un foco implacable concentraba toda a luz da habitación sobre aquela mesa. O fotógrafo remexía na penunbra mentres eu empezaba a imaxina-lo meu corpo convertido en carne de calendario.

Por fin veu cunha carpeta e expúxoa á luz diante de min. O terror paralizoume subitamente. Xa non quería ver nada, mellor colle-los cartos e esquecerme de todo: daquel estudio, daquel home, de facer auto-stop, e de que dentro dunhas semanas se empezarían a reparti-los calendarios do próximo ano...

- Escoite, pensei que... mellor quede cos cartos que me debe e eu levo os negativos ¿que lle parece?

- Non pode ser, neniña, as fotografías valen moito máis que o que pensaba pagarche a ti. Tiven que facer moitos cambios para convertilas nun producto comercial.

- ¿Como? ¿Que quere dicir?

- Que as fotografías que che fixen non foron máis cá materia prima, digamos. Para chegar a ser imaxe de calendario cómpre a man dun artista. A miña man. Bota unha ollada.

Abrín a carpeta e quedei abraiada. Mulleres irresistibles dirixíanme miradas cargadas de insinuacións. A cor da súa pel era homoxénea tanto se eran loiras coma se eran morenas ou acastañadas, aínda que predominaban as loiras de platino. Idénticas uñas esmaltadas en vermello adornaban as súas mans. E as tetas - ¡as miñas tetas! - proclamaban a súa xusta sazón en todas elas. Unha terrible vaga de indignación apodederouse de min no intre mesmo en que se ataron tódolas pezas daquel rompecabezas: fora diseccionada sen ningún tipo de consideración, coma unha res na táboa dun carniceiro, ou un cadáver no mármore dun forense. Sentín un noxo irreprimible, erguinme como mareada esparexendo polo chan toda aquela repulsiva carroña rechamangueira e boteime á porta ás apalpadas.

Nunca máis pensei en reclama-los cartos.

sexta-feira, outubro 28, 2005