Número total de visualizações de páginas

sexta-feira, junho 17, 2011

Carta aberta ao conselleiro de educación

Señor Vázquez

Deixemos de lado, se lle parece, os formalismos para o rexistro de entrada dos organismos públicos. Non hai moita necesidade deles nun blog e, agora que me veu a inspiración, espero poder expoñer claramente sen moito requilorio o caso que me ten a cabeza ocupada. Si, é a que pode ver á miña dereita, a que utilizo para os asunto graves.

Vostede non deixa de sorprenderme pola impresionante fluidez coa que manexa os tempos e as formas para aplicar o poder a machamartelo. Xa o fixo con indubidábel destreza no caso do chamado –habilmente– decreto de plurilingüismo, ao final de curso, colléndonos a todos nos exames finais. O caso é que a semana pasada, cando saía da última clase da mañá, dei de fuciños cunha das súas últimas e fluídas decisións, aínda en forma de rumor vociferante: desprazar ensinanzas duns centros a outros, barallar ao alumnado afectado pola supresión da súa praza escolar entre aulas doutros centros que teñan algunha cadeira libre, desviar sibilinamente aos alumnos "excedentes" cara ao ensino concertado e deixar ao profesorado "sobrante" nese limbo agrupado nas categorías "profesor suprimido" e "profesor desprazado". Non se garante a praza no ensino público para o alumnado afectado que xa a tiña. Tampouco se garante un novo destino definitivo para o profesorado suprimido e desprazado.

É hora de aclarar que eu traballo nun deses centros afectados desde este mesmo curso, grazas ao acceso a unha praza que a propia consellería ofertou no concurso de traslados ordinario 2009-2010. Convén, tamén, dicir que en ningún momento durante este curso tiven a impresión de que sobrase: con dezaoito horas de clase en grupos do primeiro ciclo de ESO sen desdobres, con toda a diversidade imaxinábel (adaptacións curriculares, alumnado estranxeiro ou moi desfavorecido socialmente), podo asegurarlle que non me aburrín en absoluto e que, aínda así, cheguei ao final de curso en plena forma física, mental e, déixeme engadir, emocional, o cal non é menos importante. De feito, estaba trazando estes días cos meus compañeiros o plan para o próximo curso cando recibimos, como un mazazo, a nova ocorrencia da consellería.

Pensará vostede que son unha impertinente por chamar "nova ocorrencia" a unha decisión tan trascendental que vai afectar a tantas persoas (rapaces, familias, profesores...). Dígame, se non o é, que sentido ten ofertar prazas no concurso de traslados que van ser inmediatamente canceladas. Dígame, tamén, que sentido ten facer unha enorme inversión nun novo pavillón deportivo que ao ano seguinte xa non vai ser utilizado. Eu a esta política chámolle política de desbaldimento dos recursos públicos, tanto materiais como humanos, por moito que nas súas notas de prensa aparezan como medidas de aforro.

Cando o escoito a vostede falar de excelencia educativa penso na redución brutal de prazas no ensino público, na masificación das aulas, na imposibilidade dun tratamento adecuado da diversidade do alumnado, na precarización do traballo do profesorado con praza definitiva, que pasará a unha situación de interinidade –permanente?–, e pregúntome quen pode tragar tantos sapos dunha soa vez nun só discurso.

De todo este pesadelo só podo salvar a reacción inmediata e indignada do alumnado do centro onde traballo. Eles foron os únicos que se decataron de que iamos todos nun mesmo barco á deriva e manifestárono contundentemente. O profesorado, de novo, a velas vir, sorprendido, enganado por directores e inspectores –pola administración– nun confuso baile de cifras de vacantes e excluídos que nos fan perder o tempo para decatármonos, ao final, de que maneira vergonzosa estamos sendo tratados.

Tome nota, señor, porque estamos indignados.

domingo, junho 12, 2011

Sufocos

Pintura de Susan Gofstein

Pero como ti, muller con nome e apelidos, te publicitas deste xeito? Como mostras pernas e brazos, pintalabios e sobrancellas sen depilar, como confesas ter gana de chorar de rabia, como, por, para que-que pouca lóxica, pouco dominio, pouca vergonza, ata os trapos de fregar mostras! Trapallada. Maneira de pensar confusa, atendendo a impulsos eléctricos: síndrome pre-menstrual, menstrual ou postmenstrual. Menopausia? É claro. Sentimento de culpa? Obviamente. Sufocada de tantas voces anónimas darredor. Derrotada por non poder xa representar o teu papel, bótate a un lado xa, muller, si, ti.

segunda-feira, junho 06, 2011

Pelouros

Foto SW

Todos se parecen, aínda que desiguais en tamaño, forma e porcentaxe dos minerais que os constitúen: son pelouros. O tempo foinos desgastando e facendo romos os seus ángulos, limando as múltiples irregularidades coas que foron cuspidos desde o fondo da terra. Levantan muros toscos e pouco cohesionados pero infinitamente pesados.
Se nun arrebato de audacia pretendedes superalos tede moito coidado, pode arrolar un –son moi inestábeis– e detrás dese virán os demais dispostos a sepultarvos. Coidadiño onde poñedes os pés e as mans cando procedades ao asalto e cando esteades xa do outro lado, só daquela, intentade desestabilizalos con todo o que teñades a man: abride unha fenda ben grande que os faga esborrallar de vez.