Número total de visualizações de páginas

sexta-feira, dezembro 16, 2005

Mulleres de beizos pintados

Leo na revista Nós (abril 1922) un anaco "Do meu diario" que Castelao escribe desde París:

Decididamente eu son nemigo das cibdades. Istes Fradiques Mendes e istas mulleres de beizos pintados, que finxen o pracer e non-o sinten -coma dixo Quevedo- danme fonda tristura. ¡París! Haivos no meu Hotel unha gata que and´á xaneira, pero eu coido que o finxe.

¿Por que lle chamaba tanto a atención a Castelao que as mulleres pintasen os beizos? ¿Non chegaría aínda naqueles tempos a moda a Galicia?
Chegara tal. A miña bisavoa, nada en 1989, contábame que na súa mocidade había dúas mozas máis vellas ca ela que pintaban beizos e poñían o colorete para ir ó baile. Ríase moito cando describía como, na fogosidade do divertimento, a suor abríalles grosos regos na pintura da cara. Estas dúas mozas modernas na primeira década do XX tiñan "mala fama". A mesma "mala reputación" que Castelao lles atribúe ás mulleres de beizos pintados de París. De feito, unha delas acabou marchando para A Coruña e abrindo unha casa de citas. A miña bisavoa sempre conservou aquela amizade e, cando se veu moi apretada cun fillo acabado de asasinar e outro no cárcere da Coruña foina ver ó seu local, nas traseiras do Papagaio. "Non te preocupes, vou eu contigo agora mesmo e has ver ó teu fillo" e, sen quitar o mandil ciscado, puxo o abrigo e acompañouna. Evidentemente no cárcere aquela muller tiña as súas influencias e a miña bisavoa puido ver ó seu fillo.

domingo, dezembro 11, 2005

Xarrón chino

Carlos e Eusebio eran dun tempo, un nacera no agosto e outro no nadal, e criáranse practicamente xuntos. As súas casas daban á mesma eira e as súas familias eran moi ben levadas. Desde ben pequenos compartírono todo: xogos, traballos, pupitre na escola…e, xa de rapaces, inquietudes e amoríos. Queríanse coma irmáns, ou máis aínda, porque entre eles nunca houbera unha sombra de rivalidade.

Cando tiñan sete anos, os pais de Eusebio marcharon para Suíza e o neno quedou cos avós e un tío solteiro. Desde ese momento, Eusebio buscou na casa do seu amigo o pai e a nai que perdera, e resultaba inconcebible que un fose a unha feira ou a unha festa sen o outro. Ningún dos dous admitía ter un xoguete ou unha larpeirada que non fose para compartir co seu amigo. Aprenderon a andar na bicicleta que lle trouxeran a Eusebio os seus pais de Suíza, pero quedou esquecida ata que a Carlos lle botaron unha os reis dous anos despois. Despois si, as dúas bicicletas cobraron o seu auténtico valor e dedicáronse a descubrir o mundo nelas lonxe da aldea.

Foi na época das bicicletas cando se lles deu por facer unha colección de caixas de mistos. Habíaas con distintos motivos gráficos: automóbiles antigos, animais, bolboretas…pero sobre todo de xarróns chinos. Era unha colección feita con moita paciencia, ó longo de varios anos, unha argallada máis para compartiren. Recortaban o debuxiño da caixa de mistos –case sempre un xarrón chino- e poñíana nunha caixa de galletas. Co tempo a caixa encheuse e tiveron que poñer un pouco de orde facendo filas. Os días de inverno en que o tempo non lles permitía saír, quedaban na cociña da casa de Carlos xogando cos cartóns das caixas de mistos. Daquela os fermosos ramalletes azuis dos xarróns chinos da dinastía Ming, ou se acaso da Tang, expostos enriba da mesa enchían de luz e requintes nunca vistos a escura cociña. A de xarróns chinos era, con moito, a colección máis numerosa e tamén a máis apreciada polos nenos, case ó extremo da obsesión.

Os domingos compraban cadansúa caixa de mistos na tenda e, algúns días, aproveitaban os paseos en bicicleta para probar sorte nas tabernas dos arredores por se atopaban algún xarrón que aínda non estivese na colección. Nunha destas ocasións, ó pararen nunha taberna descoñecida, atendeunos unha rapaza do seu tempo.

“¿Que queriades?”

“Unha caixa de mistos”

Foi cara un aparador de portas vidreiras que había no fondo do local e colleu unha; era dun coche de época.

“¿Non a tes de xarróns chinos? »

A rapaza mirounos estrañada, pero remexeu ata atopar unha caixa de mistos cun xarrón da dinastía Ming.

“É que este xa o temos”

“Se xa tedes unha caixa de mistos ¿para que queredes outra?”

Riron os dous, botáronse unha ollada cómplice e empezou a falar Carlos.

“Queremos caixas de mistos diferentes porque estamos facendo unha colección”

“Si, xa temos moitas e cada vez énos máis difícil atopar unha diferente”

A nena mirounos con simpatía e ofreceuse a gardarlles tódalas caixas de mistos que deixaran por alí os clientes da taberna e outras que puidera conseguir. Así empezaron a ser socios e a verse con certa frecuencia. Un día eles leváronlle a colección enteira e mesmo accederon a deixarlla ata a semana seguinte, cando puideran volver por alí. E, efectivamente, a nova coleccionista aplicouse no seu cometido e en pouco tempo fixo contribucións considerables á colección. Agora había unha apretada fila para cada un dos motivos, non sendo o dos xarróns chinos que tiña tres. Fíxose urxente o cambio de contenedor e a rapaza aportou unha bonita e espaciosa caixa de lata azul marino con deseños de varas de marmeleiros calladas de froita e unhas letras douradas na tapa que poñían: Carne de membrillo.

A taberna da familia da rapaza tiña un comedor que só se usaba en temporada de caza ou nos días de festa e moitas tardes reuníanse alí todos tres para admirar os tesouros da caixa dos marmelos. Xogaban a facer series, parellas, familias, a buscar semellanzas e diferencias, pero o máis difícil, e que esixía un perfecto coñecemento da colección, era adiviñar a qué dinastía e século pertencían os xarróns. O premio do gañador deste xogo, que sempre deixaban para o final, era custodiar a caixa ata o próximo encontro. E os rapaces estaban abraiados de que en tan pouco tempo a súa amiga fose quen de memorizar tal cantidade de pezas, case sen dubidar. Ela era sempre a que gañaba o dereito a quedar coa colección pero, ó mesmo tempo, sabía administralo con xentileza e, xa a un, xa a outro, permitíalles levala para a súa casa case tantas veces como quedaba na súa. Non era de estrañar que pouco a pouco, e a medida que medraban, os dous se fosen namorando dela, aínda que cada un deles se esforzou en ocultar o seu amor.

A rapaza era bonita e desenvolta. Se cadra o feito de terse criado tratando con xente alí no negocio da súa familia favorecera aquel xeito seu para ter conversación con todo o mundo, para escoitar con atención ós demais e repetir logo as historias de tódolos días xusto no momento oportuno. Sabía sacarlle chispas a calquera cousa, e tamén que se sentiran cómodos e cómplices do mundo que despregaba para eles. Desde o primeiro momento quedaron encantados coa súa maneira de ser natural e especial ó mesmo tempo, rica e xenerosa. ¡Que ben o pasaban con ela! ¡Que importantes se sentiron cando lle mostraron a súa marabillosa colección! Cando se despedían non podían deixar de pensar nela ata que a volvían ver. Aquela nena meiga apropiárase da súa colección e tamén dos seus corazóns. Cando volvían para a casa ían calados, sumido cada quen nos seus pensamentos repetindo para dentro o seu nome.

“Ti tamén estás pensando nela ¿non é verdade?”

“Tamén”.

“Pois para os dous ou para ningún ¿oíches?”

“¿Como que para os dous?”

“Pois así”

“¿Refíreste a como estamos agora?”

“Así quérenos ós dous, e non vexo outro xeito”

“Preguntarlle a ela”

“¿Pero ti que dis? ¿E o que quede fóra?

“Fódese”.

“O demo te coma, aínda habemos fodernos os dous”

“Calquera día virá un langrán por aí e daquela si que nin un nin o outro”

“Tódalas solucións son malas. Ti es o meu amigo antes ca ela, pero non podo sacala da cabeza”.

Non volveron falar do tema e ningún dos dous se atreveu a tomar a iniciativa amorosa. Sabían que os seus fortes vínculos volvéranse febles coa sacudida do amor e que podían botar a perder todo. A espontaneidade e a ledicia que envolvía as súas reunións foise apagando. Agora estaban serios e tensos. Este cambio non lle pasou desapercibido á rapaza, pero tampouco sabía como actuar.

Pouco despois de rematar aquel curso, chegaron os pais de Eusebio de vacacións e anunciaron a súa intención de levar ó fillo canda eles. A súa situación en Suíza era estable e podíanlle asegurar ó rapaz un futuro laboral mellor ca na súa terra.

Eusebio non quería marchar, pero non tivo forza dabondo para opoñerse ós desexos dos pais. Os seus amigos insistiron en que levase a Suíza a colección de caixas de mistos e quedaron de escribirse e mandarse fotos para manter viva a súa amizade.

Os primeiros anos na emigración, Eusebio pasouno moi mal. Cambiou varias veces de oficio, custoulle facer amigos e adaptarse ó novo ambiente. Nesa época pasaba moito tempo só na súa habitación, relendo as cartas dos seus amigos e escribindolles as súas desventuras. Continuou a súa afección polos xarróns chinos e chegou a converterse nun experto no tema, primeiro como restaurador e logo como comprador e vendedor de pezas antigas de gran valor.

O día que lle chegou a carta onde o invitaban á voda dos seus queridos amigos, pechouse no seu despacho e despregou unha vez máis a fermosa colección de xarróns chinos. Elexiu un xarrón que sempre lle gustara e foi poñendo en rigoroso orde as uñas que cortaba ó rente dolorosamente. Mentres lle esbaraban as bágoas parecíalle ver que as metía no propio xarrón. Cando rematou, dirixiuse ó almacen onde gardaba as valiosas pezas que servía e elexiu o xarrón que máis se semellaba a aquel no que gardara as uñas. Sería un regalo de vodas perfecto: un xarrón chino da dinastía Ming, único no mundo, aínda que repetido ata cinco veces na vella colección de caixas de mistos.

segunda-feira, novembro 21, 2005

Sereas

Había polo menos un cuarto de hora que desconectara da clase cando sentiu ó seu carón unha presencia fría. Dunha poutada a profesora arrincoulle o papel no que estaba a garabatear unha serea.

O sangue concentróuselle todo na cabeza e o corazón lateu con forza. Encolleuse no asento e mantivo a mirada baixa. Sentía en todo o corpo as miradas burlonas dos

compañeiros coma se foran picaduras de nésporas.

“Déixame ver”

¿Por que demos tería que poñerse a debuxar aquilo na clase daquela bruxa?

Martes pola tarde despois de xantar, á profesora non lle debía apetecer nada explicar gramática nin correxir os exercicios do día antes e tiña por costume adicar a clase daquela hora a ler. Aquela tarde lían no Merlín e familia a historia da serea que acode onda Merlín para que lle tinga as escamas da cola de negro. Ó principio seguía a lectura e mesmo se interesou pola historia, pero perdeuse cando empezou a debuxar a serea. Agora a serea presentábase descarada á profesora cos brazos detrás do colo recollendo os cabelos e deixando ver en todo o seu esplendor os peitos e o ventre.

¿E que pasa? ¿non deixaba pampo ó criado de Merlín aquela visión marabillosa da serea tomando o baño? Aquela serea era moita serea, por iso el debuxáralle a cara de picarona, o corpo sensual, a postura insinuante. Unha serea sexi para iluminar unha clase aburrida…e para metelo en problemas.

“Despois da clase quero falar contigo”

¡Outra vaca no maínzo! ¿Que me quererá dicir? É só unha serea que está boísima, nada que ver contigo. ¡Que ganas de perde-lo tempo! E aínda por riba vaise co debuxo.

Levaban dous meses de curso e a maioría da clase aínda non reparara naquel rapaz calado que non falaba cos demais e que ninguén sabía de onde saíra. O curso pasado non estaba no instituto, iso estaba claro, pero tampouco aparecía asociado a ningún dos grupos que se incorporaran aquel ano chegados doutros centros. Agora un aura de misterio rodeaba ó solitario. Algunha rapaza considerou que non estaba tan mal e que ó mellor pagaba a pena falarlle con calquera escusa.

De volta na súa mesa, a profesora buscou nas súas fichas.

“Pablo Anido López, sigue lendo”

¡Outra que acababa de descubrir a súa existencia!

Rematou a lectura, rematou a clase, todos recolleron as súas cousas. Pedro achegouse onda a profesora. Dáballe vergonza aquela situación, eles dous sós na aula cunha serea como tema de conversación. Púxose outra vez colorado.

“¿Adícaste a facer esta caste de debuxos en vez de atender?”

“Normalmente non, pero hoxe despisteime sen darme conta”

“Espero non ter que volver charmarche a atención”

“De acordo”

Quedou mirando para ela agardando.

“¿Algo máis?”

“A miña serea”

Ela botouse a rir.

“¿Túa?”

“¿Non ma vai devolver?”

“Non. Quedarei eu con ela, non creo que sexa boa compaña para un rapaciño coma ti »

Pablo entendeu o ton de burla e mirouna un segundo con rencor, logo baixou a cabeza e saiu a modo. Ela pechou a porta da aula e botou a andar diante del con moito arruallo, taconeando con decisión.

“¡Cabrona!” dixo entre dentes.

“¡Ah!, deica mañá, Pablo” repinicou ela ladeando a cabeza cara a Pablo.

A partir daquel día sentiu unha tremenda necesidade de debuxar sereas e de interesarse por estas criaturas mitolóxicas. Sempre espidas, abundantes de peito, de cintura fina e ventre prometedor, gardando tantos misterios nas curvas da súa cola de peixe, chegaban a ser máis cercanas có resto de mulleres que pasaban diante dos seus ollos. As sereas non o acovardaban, animábano a soñar, establecían enseguida con el unha grata complicidade. Con elas a habitación enchíase de luz e calor e resultaba fácil entregarse ás fantasías eróticas que lle propoñían. A súa nudez resultáballe extremadamente agarimosa, lonxe do receo e o menosprecio que el sufría de cote das mulleres reais.

Nos últimos días, despois de que a profesora lle quitara o debuxo, algúns compañeiros, e sobre todo compañeiras, intentaron achegarse a el e iniciar calquera tipo de relación. Tivo que confesarlles que era o que agachaba o papel que lle collera a profesora, tivo que reproducir a conversa que tiveran logo da clase, contarlles de onde viña e onde vivía… Non lle quedou máis remedio que deixarse levar e entrar en sociedade. Pouco a pouco as carpetas da clase foron poboándose de fermosas e impúdicas sereas e mesmo na cortiza onde adoitaban poñer os avisos prenderon con chatolas unha serea sostendo entre os seus peitos un calendario para marcar os exames. En poucas semanas convertiuse nun rapaz moi apreciado polos seus compañeiros, sen excepción. Pero a relación coa profesora seguía inquietándoo. Non deixaba pasar unha clase sen preguntarlle. Iso podería ser bastante normal, unha vez que che aprenden o nome non hai maneira de librarte deles, pero sempre que se atrevía a levantar a mirada, aí estaba a dela, implacable cun aquel de retranca que o tiña desconcertado.

Naqueles días, as súas pescudas sobre sereas levárono por camiños sorprendentes e descubriu as sereas ave, as sereas masculinas, as sereas con rabo de cobra. A cortiza do fondal da clase foise poboando de seres fabulosos.

“ Ás veces dás medo, Pablo”

“As sereas son así, hai que ter conta con elas, xa llo advertiu Circe a Ulises”

“¿De que falas?”

“Da Odisea”

Á profesora tampouco lle pasou desapercibida a evolución do rapaz. Sempre detiña o seu paseo arredor da clase na cortiza e contemplaba con atención o conxunto que ía pouco a pouco medrando. Logo íase achegábase onda Pablo e detíñase un pasiño detrás. El sentía que se lle conxelaba o sangue.

“Non o soporto máis” comentoulles un día ós compañeiros “tedes que deixarme poñer polo medio, pegado á parede e con catro detrás de min. Cando queda chantada ás miñas costas mirándome xúrovos que quedo paralizado e déixame a pirola pampa para varios días”.

Os demais arrolaban coa risa.

“Nada, nada, por seres tan túzaro ó principio, quedas condenado ó teu sitio”

“Non lle fagas caso, cámbioche eu o sitio: parede por un lado, no medio e medio da clase rodeado de cabezotas e radiador, ¡non te queixes!”

Fíxose o cambio, pero Pablo non notou que disminuíse a presión sobre el. Agora suaba e tiña calafríos na clase dela. Ós pocos días engripou e tivo unha febre moi alta durante varios días. Unha noite tivo un soño delirante e estraño. Estaba nun cuarto enorme e moi luxoso rodeado de fermosas mulleres vestidas con túnicas de seda de moita cores. Algunhas entretíñanse peiteándose e refrescándose nunha fonte, outras estaban onda el falándolle e acariciándoo. Setíase moi relaxado e feliz. De repente o corazón empezou a baterlle con forza e as mulleres empezaron a erguerse e a moverse en distintas direccións moi alteradas. Un vento frío bateu na habitación, flap, flap, flap. Diante del unha serea ave extendía as súas ás mostrándolle uns peitos femininos e un ventre suave. Dun rápido movemento colocou a longa cabeleira a un lado. Era moi bela. O seu sorriso e o maino movemento das ás atraíano cara a ela, pero xa non se sentía feliz e tranquilo coma había uns momentos. Era unha atracción fortísima que o desacougaba. Por fin deu chegado onda a serea e apoiou os brazos nas súas ás. Rapidamente notou como se elevaban alto, moi alto. Notou a ingravidez da altura, do desexo. A serea seguia sorrindo e murmurándolle cousas que lle acendían mil fogueiras no corpo. Agarrouse máis forte e notou como á súa vez era cinguido por ela. O pracer era intenso, tanto que case non podía soportalo. Atreveuse a deixar de mirala para saber de qué xeito estaban unidos e o que viu arrincoulle un berro desde o fondo da alma: estaba copulando cunha serpe, o seu corpo estaba case estrangulado polo réptil. A cara da serea xa non lle pareceu fermosa, sentíase afogar, faltáballe o aire. Espertou sobresaltado, cunha suor fría empapándolle o corpo e ganas de trousar.

Despois daquel soño non quixo saber máis nada das sereas: arrincou todos os debuxos cos que fora decorando a súa habitación, borrou cantas atopou nos libros e cadernos. Cando por fin lle remitiu a febre e puido volver ó instituto limpou de sereas a cortiza e advertiulles ós compañeiros que non lle falasen máis de debuxar sereas, que non quería nin velas diante, Díxollelo con tal vehemencia e estaba tan pálido e demacrado que ninguén se atreveu a contradicilo. Definitivamente convertérase nunha especie de líder espiritual entre os compañeiros e, despois de todo, as sereas eran cousa súa, el sabería o que facía.

Nos meses seguintes consolidou os lazos de amizade cos seus colegas e mesmo comezou unha relación cunha das rapazas da clase coa que compartía lecturas e paseos. Rematou o curso con boas notas aínda que moito máis delgado do que o empezara. Desde a gripe non volvera a sentirse plenamente recuperado e agora atopábase absolutamente agotado.

Unha mañá de verán estaba na praia tranquilamente. Non había case ninguén, podía concentrarse no romper das ondas sen ningunha interferencia molesta. A súa moza chegaría dentro dun pouco e logo irían nadar xuntos. Levaba así un bo cacho cando se decatou de que a ruxida das ondas baixara de volume fronte a unhas risas e voces femininas que viñan desde detrás de onde el se atopaba. Virou a cabeza e case lle dá un pasmo: unha ducia de mociñas de tetiñas abaneantes armaban un gran boreo. De repente quedáronselle mirando e volveron a rir coma se precisamente fose a súa presencia o motivo de tanta xoula. Quedou avergonzado e volveulles as costas para concentarse outra vez no mar. Pero o mar ficara estrañamente calmizo, sen ondas, coma unha táboa. Elas foron desfilando con pasiños curtos secreteando entre risas, cimbreandose todas ó pasar por diante del.

“Deica logo, Pablo” ían dicindo unha detrás doutra, tan xeitosas de corpo, tan maliciosas no ollar que non se podía crer o que un estaba vendo. Todas levaban a mesma tatuaxe na cruz dos cadrís. Era… era …¡unha serea agarrando a cola cunha man! Pablo notou que se lle varría o sentido.

“¡Xa estou aquí!” falou a sombra

“¿Ímonos bañar? ¿Que che pasa? ¿Encóntraste mal?”

“Si, debín tomar o sol de máis. Mellor imos dar un paseo pola sombra, pero antes abrázame”

A moza axeonllouse e colleulle a cabeza coas mans coa mirada interrogante. Pablo non quería falar. Pechou os ollos e fundiu a cara nos peitos dela ata que deixou de sentir aquela sensación de ingravidez e pousou os pés non chan.

sexta-feira, novembro 18, 2005

Memoria histórica

Un vai reconstruíndo a historia pouco a pouco. Ás veces son pequenos detalles os que lle dan a verdadeira dimensión ó cadro. Eu fun sabendo que algo terrible pasara entre breves frases rebeladoras e silencios apesadumbrados."¿Madriña, por que non lle dixeches adiós a ese home?" Porque matou ó meu irmá". Unha resposta así pode dar moito que pensar.
A ese irmá da miña avoa matárono ós poucos días do golpe de estado. Na vella sociedade tradicional era moi doado lembrar as datas: morreu o día das Neves, o 5 de agosto, fusilado por uns veciños. Levaban varios días buscando vítimas. "Escondédevos que andan matando moita xente" e escondéronse, el e o seu compañeiro de sempre na casa duns compadres na Capela. "Aquí tamén han cheghar, tedes que escapar ó monte". Pero non quixeron; eles non fixeran nada, non tiñan de que acusalos. Volveron de noite á casa do avó Antón para non comprometer a aquela xente. A familia estaba segando cando lles foron levar a mala nova. Esta parte da historia reconstruína eu moitos anos despois, unha tarde que estaba repartindo propaganda política cun compañeiro. "¿E ese que partido é?" preguntoume unha muller de pernas inchadas que me saiu á porta, non era dos que saían moito na televisión e non sabía, e xa, sen eu ter tempo de responderlle, deume esta imaxe terrible daquela tarde dun día de agosto do 36. A miña bisavoa bruando de dor, a súa voz escoitábase en toda a parroquia, correndo pola estrada abaixo, correndo ata onde foran mortos os dous rapaces, correndo para chamarlles asasinos a quen os matara, para impedirlles que os ataran a unha escada para pasealos mortos por diante da xente, para expoñelos coma animais e seguir humillándoos. Aínda ben que o cura non llelo permitiu.
Á miña bisavoa púxoselle o pelo completamente blanco nunhas semanas. Xa sempre vestiu de negro. Nas estreiteces da posguerra cando todo escaseaba e non podía conseguir tinte para tinguir as madeixas de la, foi á feira e mercou unha ovella negra. Seique non era exactamente negra, senón ruza, e as chaquetas que se facía da súa la eran insoportablemente tristes e cincentas, ata para aqueles anos.

domingo, novembro 13, 2005

Temporal

Eu son o Suroeste, o vento que lambe as vosas costas e reverdece os lameiros. Vin, como todos os outonos, con ganas de virar barcos, de azoutar as ondas contra os penedos, e arruinarvos as liñas eléctricas. Hai tres anos cimbrei o Prestige contra Muxía. ¿E que? Non foi a primeira vez nin ha ser a última. Sempre vos collo mirando para outro lado, coma se non me coñecerades. Mañá mesmo, encabrónome e vólvevos pasar o mesmo, ¿non o credes?
Coidadiño comigo.

quinta-feira, novembro 10, 2005

Aínda podía ser peor

Disque había un tipo na montaña que a tiña máis pequena ca min. Iso era o que aseguraba Manolo, o porteiro novo do equipo, que era daquela banda e viñera parar aquí cunha compañía de obras das estradas.

Nos vestiarios, nada máis quedarmos encoiros, xa empezaban as miradas de reollo, os comentarios polo baixo e logo os chistes á conta deste ou daquel. De todos eu era o da picha pequena, mínima despois das duchas frías que nos cortaban a respiración e nos arrincaban brúos de animais. Eu levábao con humor -¡Pobre de min se me amoucaba!- e respondía con afiados comentarios no mesmo ton de risa colectiva. Pero no fondo ben amolado que estaba.

Por iso, o inesperado comentario de Manolo tranquilizoume, quitoulle ferro ás miñas preocupacións. Se as había máis pequenas é que a miña non era tampouco tan miserablemente pequena. E deu lugar a outra cuestión: ¿pódese esperar o mesmo dunha picha pequena ca dunha grande? E no caso de que non (todos os comentarios dos vestiarios apuntaban nesa dirección) ¿Como saír airoso e sacarlle o máximo partido a unha picha pequena?

Desde esa tarde, fun estreitando a miña relación con Manolo e en pocos meses éramos inseparables. Quedabamos para ver os partidos, presenteille á miña irmá máis vella, íamos xuntos ás festas. Como quen non quere a cousa, cando xa Manolo e mais eu falabamos de todo e compartiamos moitas cousas, un día saqueille o tema que me angustiaba. Pregunteille se era certo o comentario que fixera aquel día e pedinlle que me aclarara cánto máis pequena a tería o tipo aquel da montaña.

Manolo abaneou lentamente a cabeza e aseguroume con medio sorriso que non me podía dicir cánto porque non lla medira e que nin sequera se lle ocorrera medir a súa. Manolo era daquel xeito, pouco dado ás confesións íntimas e pouco interesado por aqueles temas morbosos que toleaban ós demais. Era extremadamente calmo para todo, para o viño, para as mulleres, para o xogo, tan seguro de si que me avergoncei enseguida das miñas preguntas e aínda das miñas preocupacións.

O caso é que, como dicía a miña avoa, unha vez que está o verme dentro, vai roendo e roendo ata que podrece todo. E iso foi o que me empezaba a pasar a min.

Eu levaba anos coa mesma moza, unha rapaza ben xeitosa, unha rapaza como debe ser. Non tiña chata: feitiña sen chamar a atención, non me sobrepasaba se poñía tacóns, traballadora e amiga da súa casa. A nosa relación avanzaba sen sobresaltos cara ó matrimonio, pero sen présas. Cando podiamos tiñamos relacións sexuais agradabeis e nisto ela era tan mansa coma no demais. Sempre estaba ben, nunca se queixaba, aínda que a verdade tampouco semellaba estar moi entusiasmada. E aquí, neste pensamento, empecei a encerellarme: ¿Por que ela nunca mo pedía? ¿Por que eu nunca me decataba se gozaba ou non co que faciamos? ¿Por que sempre aquel terco silencio que acompañaba cun enigmático sorriso cando lle rogaba que me dese instruccións? ¿Por que era todo tan eslaimado?

Con moito tino empecei a rarear os nosos encontros polo medio da semana, ata quedar reducidos ós oficiais dos sábados e domingos. Necesitaba respostas á miña preocupación e estaba seguro de que sincerándome con ela non as ía atopar. Así que, apoiándome en Manolo, probei sorte con outras rapazas… e unhas veces había sorte e outras non.

Isto era así para min, porque no que respecta a Manolo sempre daba no cravo o moi cabrón. Nalgunhas ocasións tiña unha ducia de mozas algarexando arredor del e non porque se esforzase moito, ou iso era o que parecía desde fóra. O caso é que Manolo podía escoller sempre nun variado e fermoso ramallete feminino mentres eu me conformaba co que lle cadrara, normalmente aspirantes a Manolo en fase de estudio.

Botamos uns meses con estes divertimentos. O sábado, despois de deixar á miña moza na casa, lanzábame a unha nova aventura co meu amigo coa esperanza de atopar luz na miña confusa vida sexual. Pero a cousa non era tan doada. Os apresurados polvos de dez minutos non parecía que me fosen a aclarar nada. Con estas parellas efímeras todo se facía precipitadamente e logo volviamos á festa, á discoteca ou ás rúas concorridas sen moito que dicirnos, case con ganas de perdernos de vista e infinitos desexos de que non nos viran xuntos. Non era o caso de eu preguntar nesas circunstancias que qué che parece a miña pirola, miña rosa, e qué me dis do seu rendemento. A verdade é que ningunha delas fixo ningún comentario laudatorio, e iso aumentou máis aínda a miña preocupación.

E Manolo triunfaba. Facendo os mínimos xestos triunfaba todas as noites. Tomaba as cousas con calma; unha vez que se decidía adicábase a noite enteira a ela. Desaparecían, volvían aparecer, con moitos secretiños, inseparables por unha noite. Elas encantadas de seren raíñas, servidas polo seu rendido admirador dunha noite. Pero nada máis, nada de compromisos. Fuxía deles coma un gato da auga fría.

Unha noite desas ocorreu algo sorprendente que rachou de súpeto o meu equivocado sistema de búsqueda, ou direi mellor: que me puxo contra as cordas.

Era sábado e, coma sempre, á hora habitual acompañei á miña moza á casa. Despedímonos ata o día seguinte, para dar o noso paseo. Despedímonos coma se fósemos cada un para a súa casa, aínda que eu sabía perfectamente que antes intentaría un novo lance sexual. O que non se me pasara pola mente era que a miña moza tamén tiña os seu plans aquela noite.

Debeu de entrar por unha porta e saír pola outra, porque cando eu dei atopado a Manolo estaba con ela. Aparentemente era ela a que levaba a iniciativa, cousa que me sorprendeu moito e que me levou a dubidar se a era ou era alguén que se lle parecía. Era ela, nin sequera tomara a molestia de mudar de roupa. Falaba achegando o seu corpo ó meu amigo, mirándoo ós ollos docemente, mesmo atrevéndose a tocarlle, primeiro no brazo, logo no pelo…sen abandonar nunca a actitude seductora e, ó mesmo tempo, implorante. Non podía crer o que vía. Decidín ocultarme a eles e observar, o máis serenamente que puiden, en qué acababa aquilo.

Eu estaba como fascinado observando todo aquel ritual, cómo ela lle susurraba algo na orella, cómo rozaba os beizos del nun bico fugaz para, inmediatamente erguerse e tirar suavemente pola man de Manolo. Era unha invitación inequívoca ¿onde quedaran as súas reservas? Un lume descoñecido queimábame por dentro, o corazón púxose tolo e a cabeza encheuse dunha espesa néboa. Pasaron moi preto de min, pero non me viron. Deume a impresión de que non lles preocupaba nada do que os rodeaba, coma se todo o que xiraba arredor deles fose absolutamente inútil e non tivese importancia; ese pensamento roeume as entrañas.

Neste estado de alleamento seguinos polo labirinto de rúas, a unha distancia suficiente para non chamar a súa atención, aínda que cada vez máis certo de que non ían reparar na miña sombra. Foron (fomos) ó paseo da ribeira, coma nun soño. Os seus corpos continuaban enlazados, exactamente igual que á saída do local onde os descubrín; o taconeo dela resoaba ritmicamente na noite con el ó seu par, intimamente sumiso. Camiñabamos entre as árbores coa luz verdosa dunhas poucas farolas e eu esforzábame en non facer ruído ou caer enguedellado nunha rama ou unha raíz.

Detivéronse nun lugar afastado pero perfectamente visible para min. Bicábanse, abrazábanse, dicíanse cousas que eu non podía entender pero que comprendía que os excitaba, como me excitaban a min, moi ó meu pesar. Nun momento pararon e quedaron mirándose un momentiño, como trazando o movemento seguinte da partitura que tiñan na cabeza, e logo afrouxáronse as roupas, el a ela e ela a el. Vin que se recorrían os corpos coas mans, e que se lambían a modo por todo o corpo e outra vez a xuntar as linguas e outra vez a chucharse os beizos, moito, moito tempo. Ela xemía como nunca o fixera comigo e el azuzaba aquel corpo incendiado falándolle mentres tanxía as súas cordas cos dedos. Logo ela axeonllouse e foi el quen xemeu longamente. Tamén eu xemía avergonzado en silencio apretando a miña pirola que cuspía lonxe o leite pegañento.

Foi coma se o inesperado orgasmo compartido me sacase do val anegado de néboa en que me atopaba e entendín a verdadeira dimensión dos meus problemas. Levaba razón Manolo: non tiñan nada que ver co sistema métrico decimal.

¡Que gran tipo aquel Manolo!

domingo, outubro 30, 2005

Chica de calendario

Eu fun chica de calendario, ¿nunca cho contei? non, claro, non é un tema para sacar de boas a primeiras á hora do café. E, dalgún xeito, durante moitos anos, tamén eu fixen por esquece-lo asunto. Cando algo mo lembraba tentaba poñelo o máis lonxe posible de min, arredalo da persoa en que me fora convertindo traballosamente despois de superar aquela etapa incerta. Agora, en cambio, coido que do único que un debe arrepentirse é de non ter vivido o suficiente, de non ter escurripichado ata o final as súas posibilidades. Por iso, volver a recuperar esas experiencias das que tan avergonzada cheguei a estar é un xeito de admitir que foron necesarias e que sen elas quen sabe quen sería eu hoxe. Con tanta filosofía non sei xa qué che estaba contando...

Non cumprira os vinte anos e poderíase dicir que tiña un aspecto louzán aínda que un tanto silvestre. As carnes repartíanse xenerosamente delineando curvas femininas; o cutis e o pelo eran esplendorosos; os ollos ardían baixo as espesas cellas mouras que, por suposto, non depilaba. Esa era unha das miñas características: desprecio absoluto polos cánones de beleza ó uso. Nin enfeites, nin complicados procedementos: eu era o meu corpo. Deste xeito lucía, case con insolencia, tódolos pelos que a natureza me impuxera nas pernas, debaixo dos brazos e unha suave sombra de bigote no beizo superior. E, aínda así, mesmo allea a tódalas convencións da moda, ninguén podía negar que era fermosa, insultantemente fermosa. Os peitos, mal apreixados nos sosténs gastadiños, acaneábanse docemente baixo a roupa atraendo as miradas dos homes. O resto do corpo acompañábaos con gracia dabondo, pero quedaba definitivamente eclipsado ante aquela rotunda exuberancia.

Unha mañá de verán estaba facendo auto-stop e paroume un flamante BMW negro. Conducíao un señor gordiño e sorrinte que me preguntou a onde ía. El levaba a mesma dirección, pero antes tiña que pasar pola cidade de A. se non tiña moito apuro... Montei, agardei nun café a que despachase os seus asuntos e convidoume a xantar luxosamante na cidade do meu destino. En canto a conversa foi avanzando e adquiriu un certo grao de confianza, deu en loa-la miña beleza, aínda que matizando coa manida metáfora do diamante en bruto. Ós postres, nun arrebato de euforia, chegoume a comparar con Sofía Loren. Nada que ver, desde logo, coas rapazas corte inglés que, segundo confesou, adoitaba recoller en similares circunstancias para ter un fugaz encontro sexual. Parecía evidente que eu, antes de chegar á categoría de amante ocasional ou permanente, necesitaba unha radical intervención estética. Xa me imaxinaba, larpeiro, metida nun vestido longo e axustado, aberto xenerosamente no peito e nas coxas que habían rematar nuns finos zapatos de tacón alto. Eu ría escéptica e defendía o meu estilo radicalmente natural, pero o certo é que me sentía afagada con tantas atencións e o meu carácter imaxinativo estaba sendo adecuadamente manipulado.

A cousa quedou aí aquel día, pero deixei aberta a porta daquela aventura ó darlle o meu teléfono.

Chamoume á semana seguinte e acudín á cita cunha mistura de curiosidade e temeraria confianza en min mesma. Despois de miles de cumpridos e agasallos, faloume dun amigo seu fotógrafo que tiña o estudio moi cerca e quería coñecerme.

Todo se desenvolveu nun ambiente amable e paternalista con respecto a min. Non deixaron de repetirme que era unha beleza en potencia e que, someténdome a uns pequenos cambios, conseguiría un aspecto irresistible do que podería sacar moito proveito, tanto económico coma social. Animáronme a probar algúns traxes que había no estudio, así como zapatos e perrucas. Case sen darme conta estaba en plena sesión fotográfica, pousando primeiro en actitude serena e mesmo recatada para, gradualmente, ir adoptando posturas máis provocativas. Axiña me atopei tan ben no meu papel de muller arrebatadora que non tiven reparo ningún en mostra-los meus peitos como por casualidade e logo xa con indisimulada intención. Cada progreso deste tipo era aplaudido e animado polos dous homes mentres o flash non deixaba de chispear.

Dúas horas despois, o fotógrafo anunciou que xa dispoñía de material suficiente e que agora cumpría un minucioso labor de estudio para face-las, dixo, composicións artísticas. Os resultados e maila compensación económica estarían dispoñibles de alí en dous meses.

De volta na casa empecei a arrepentirme da miña lixeireza. ¿E se lle regalaban ó meu pai un calendario, poñamos por caso no taller mecánico, comigo enseñando as tetas a toda cor e con cara de...? A vergoña caería coma unha lousa sobre toda a familia e sería moi difícil de superar na pequena comunidade á que pertenciamos. Todos me pedirían explicacións e condenaríanme anoxados. ¿Por que o fixera? ¿Que falta tiña? ¿Que escuro impulso me arrastraba unha e outra vez a transgredi-la estricta conducta sexual que se agardaba de min na familia? Pensamentos semellantes martelaban incesantemente na miña cabeza. Non quixen saber nada máis do inductor á sesión fotográfica; despacheino secamente na seguinte chamada telefónica.

Pasei o verán atormentándome sobre as nefastas consecuencias daquel episodio. Evitei as verbenas e romerías e comecei unha drástica rexeneración moral centrándome exclusivamente no traballo e no estudio. Aparentemente todo estaba en calma e só eu sabía con canta tensión aparentaba esa calma.

Aprobei as asignaturas pendentes en setembro e, cando me reincorporei no outono ás clases na facultade, caín na conta de que os dous meses xa pasaran e podía ir recolle-los cartos prometidos onda o fotógrafo, tal e como acordaramos. Xa levara penitencia abondo como para renunciar ademais ós cartos.

Unha tarde, despois das clases, petei na porta do estudio. O fotógrafo sorprendeuse da visita, pero mandoume pasar e agardei a que buscase o resultado das fotografías que me fixera.

A mesa de traballo era un barullo de fotos recortadas, revistas e calendarios con figuras de mulleres espidas. Un foco implacable concentraba toda a luz da habitación sobre aquela mesa. O fotógrafo remexía na penunbra mentres eu empezaba a imaxina-lo meu corpo convertido en carne de calendario.

Por fin veu cunha carpeta e expúxoa á luz diante de min. O terror paralizoume subitamente. Xa non quería ver nada, mellor colle-los cartos e esquecerme de todo: daquel estudio, daquel home, de facer auto-stop, e de que dentro dunhas semanas se empezarían a reparti-los calendarios do próximo ano...

- Escoite, pensei que... mellor quede cos cartos que me debe e eu levo os negativos ¿que lle parece?

- Non pode ser, neniña, as fotografías valen moito máis que o que pensaba pagarche a ti. Tiven que facer moitos cambios para convertilas nun producto comercial.

- ¿Como? ¿Que quere dicir?

- Que as fotografías que che fixen non foron máis cá materia prima, digamos. Para chegar a ser imaxe de calendario cómpre a man dun artista. A miña man. Bota unha ollada.

Abrín a carpeta e quedei abraiada. Mulleres irresistibles dirixíanme miradas cargadas de insinuacións. A cor da súa pel era homoxénea tanto se eran loiras coma se eran morenas ou acastañadas, aínda que predominaban as loiras de platino. Idénticas uñas esmaltadas en vermello adornaban as súas mans. E as tetas - ¡as miñas tetas! - proclamaban a súa xusta sazón en todas elas. Unha terrible vaga de indignación apodederouse de min no intre mesmo en que se ataron tódolas pezas daquel rompecabezas: fora diseccionada sen ningún tipo de consideración, coma unha res na táboa dun carniceiro, ou un cadáver no mármore dun forense. Sentín un noxo irreprimible, erguinme como mareada esparexendo polo chan toda aquela repulsiva carroña rechamangueira e boteime á porta ás apalpadas.

Nunca máis pensei en reclama-los cartos.

sexta-feira, outubro 28, 2005