Número total de visualizações de páginas

segunda-feira, novembro 21, 2005

Sereas

Había polo menos un cuarto de hora que desconectara da clase cando sentiu ó seu carón unha presencia fría. Dunha poutada a profesora arrincoulle o papel no que estaba a garabatear unha serea.

O sangue concentróuselle todo na cabeza e o corazón lateu con forza. Encolleuse no asento e mantivo a mirada baixa. Sentía en todo o corpo as miradas burlonas dos

compañeiros coma se foran picaduras de nésporas.

“Déixame ver”

¿Por que demos tería que poñerse a debuxar aquilo na clase daquela bruxa?

Martes pola tarde despois de xantar, á profesora non lle debía apetecer nada explicar gramática nin correxir os exercicios do día antes e tiña por costume adicar a clase daquela hora a ler. Aquela tarde lían no Merlín e familia a historia da serea que acode onda Merlín para que lle tinga as escamas da cola de negro. Ó principio seguía a lectura e mesmo se interesou pola historia, pero perdeuse cando empezou a debuxar a serea. Agora a serea presentábase descarada á profesora cos brazos detrás do colo recollendo os cabelos e deixando ver en todo o seu esplendor os peitos e o ventre.

¿E que pasa? ¿non deixaba pampo ó criado de Merlín aquela visión marabillosa da serea tomando o baño? Aquela serea era moita serea, por iso el debuxáralle a cara de picarona, o corpo sensual, a postura insinuante. Unha serea sexi para iluminar unha clase aburrida…e para metelo en problemas.

“Despois da clase quero falar contigo”

¡Outra vaca no maínzo! ¿Que me quererá dicir? É só unha serea que está boísima, nada que ver contigo. ¡Que ganas de perde-lo tempo! E aínda por riba vaise co debuxo.

Levaban dous meses de curso e a maioría da clase aínda non reparara naquel rapaz calado que non falaba cos demais e que ninguén sabía de onde saíra. O curso pasado non estaba no instituto, iso estaba claro, pero tampouco aparecía asociado a ningún dos grupos que se incorporaran aquel ano chegados doutros centros. Agora un aura de misterio rodeaba ó solitario. Algunha rapaza considerou que non estaba tan mal e que ó mellor pagaba a pena falarlle con calquera escusa.

De volta na súa mesa, a profesora buscou nas súas fichas.

“Pablo Anido López, sigue lendo”

¡Outra que acababa de descubrir a súa existencia!

Rematou a lectura, rematou a clase, todos recolleron as súas cousas. Pedro achegouse onda a profesora. Dáballe vergonza aquela situación, eles dous sós na aula cunha serea como tema de conversación. Púxose outra vez colorado.

“¿Adícaste a facer esta caste de debuxos en vez de atender?”

“Normalmente non, pero hoxe despisteime sen darme conta”

“Espero non ter que volver charmarche a atención”

“De acordo”

Quedou mirando para ela agardando.

“¿Algo máis?”

“A miña serea”

Ela botouse a rir.

“¿Túa?”

“¿Non ma vai devolver?”

“Non. Quedarei eu con ela, non creo que sexa boa compaña para un rapaciño coma ti »

Pablo entendeu o ton de burla e mirouna un segundo con rencor, logo baixou a cabeza e saiu a modo. Ela pechou a porta da aula e botou a andar diante del con moito arruallo, taconeando con decisión.

“¡Cabrona!” dixo entre dentes.

“¡Ah!, deica mañá, Pablo” repinicou ela ladeando a cabeza cara a Pablo.

A partir daquel día sentiu unha tremenda necesidade de debuxar sereas e de interesarse por estas criaturas mitolóxicas. Sempre espidas, abundantes de peito, de cintura fina e ventre prometedor, gardando tantos misterios nas curvas da súa cola de peixe, chegaban a ser máis cercanas có resto de mulleres que pasaban diante dos seus ollos. As sereas non o acovardaban, animábano a soñar, establecían enseguida con el unha grata complicidade. Con elas a habitación enchíase de luz e calor e resultaba fácil entregarse ás fantasías eróticas que lle propoñían. A súa nudez resultáballe extremadamente agarimosa, lonxe do receo e o menosprecio que el sufría de cote das mulleres reais.

Nos últimos días, despois de que a profesora lle quitara o debuxo, algúns compañeiros, e sobre todo compañeiras, intentaron achegarse a el e iniciar calquera tipo de relación. Tivo que confesarlles que era o que agachaba o papel que lle collera a profesora, tivo que reproducir a conversa que tiveran logo da clase, contarlles de onde viña e onde vivía… Non lle quedou máis remedio que deixarse levar e entrar en sociedade. Pouco a pouco as carpetas da clase foron poboándose de fermosas e impúdicas sereas e mesmo na cortiza onde adoitaban poñer os avisos prenderon con chatolas unha serea sostendo entre os seus peitos un calendario para marcar os exames. En poucas semanas convertiuse nun rapaz moi apreciado polos seus compañeiros, sen excepción. Pero a relación coa profesora seguía inquietándoo. Non deixaba pasar unha clase sen preguntarlle. Iso podería ser bastante normal, unha vez que che aprenden o nome non hai maneira de librarte deles, pero sempre que se atrevía a levantar a mirada, aí estaba a dela, implacable cun aquel de retranca que o tiña desconcertado.

Naqueles días, as súas pescudas sobre sereas levárono por camiños sorprendentes e descubriu as sereas ave, as sereas masculinas, as sereas con rabo de cobra. A cortiza do fondal da clase foise poboando de seres fabulosos.

“ Ás veces dás medo, Pablo”

“As sereas son así, hai que ter conta con elas, xa llo advertiu Circe a Ulises”

“¿De que falas?”

“Da Odisea”

Á profesora tampouco lle pasou desapercibida a evolución do rapaz. Sempre detiña o seu paseo arredor da clase na cortiza e contemplaba con atención o conxunto que ía pouco a pouco medrando. Logo íase achegábase onda Pablo e detíñase un pasiño detrás. El sentía que se lle conxelaba o sangue.

“Non o soporto máis” comentoulles un día ós compañeiros “tedes que deixarme poñer polo medio, pegado á parede e con catro detrás de min. Cando queda chantada ás miñas costas mirándome xúrovos que quedo paralizado e déixame a pirola pampa para varios días”.

Os demais arrolaban coa risa.

“Nada, nada, por seres tan túzaro ó principio, quedas condenado ó teu sitio”

“Non lle fagas caso, cámbioche eu o sitio: parede por un lado, no medio e medio da clase rodeado de cabezotas e radiador, ¡non te queixes!”

Fíxose o cambio, pero Pablo non notou que disminuíse a presión sobre el. Agora suaba e tiña calafríos na clase dela. Ós pocos días engripou e tivo unha febre moi alta durante varios días. Unha noite tivo un soño delirante e estraño. Estaba nun cuarto enorme e moi luxoso rodeado de fermosas mulleres vestidas con túnicas de seda de moita cores. Algunhas entretíñanse peiteándose e refrescándose nunha fonte, outras estaban onda el falándolle e acariciándoo. Setíase moi relaxado e feliz. De repente o corazón empezou a baterlle con forza e as mulleres empezaron a erguerse e a moverse en distintas direccións moi alteradas. Un vento frío bateu na habitación, flap, flap, flap. Diante del unha serea ave extendía as súas ás mostrándolle uns peitos femininos e un ventre suave. Dun rápido movemento colocou a longa cabeleira a un lado. Era moi bela. O seu sorriso e o maino movemento das ás atraíano cara a ela, pero xa non se sentía feliz e tranquilo coma había uns momentos. Era unha atracción fortísima que o desacougaba. Por fin deu chegado onda a serea e apoiou os brazos nas súas ás. Rapidamente notou como se elevaban alto, moi alto. Notou a ingravidez da altura, do desexo. A serea seguia sorrindo e murmurándolle cousas que lle acendían mil fogueiras no corpo. Agarrouse máis forte e notou como á súa vez era cinguido por ela. O pracer era intenso, tanto que case non podía soportalo. Atreveuse a deixar de mirala para saber de qué xeito estaban unidos e o que viu arrincoulle un berro desde o fondo da alma: estaba copulando cunha serpe, o seu corpo estaba case estrangulado polo réptil. A cara da serea xa non lle pareceu fermosa, sentíase afogar, faltáballe o aire. Espertou sobresaltado, cunha suor fría empapándolle o corpo e ganas de trousar.

Despois daquel soño non quixo saber máis nada das sereas: arrincou todos os debuxos cos que fora decorando a súa habitación, borrou cantas atopou nos libros e cadernos. Cando por fin lle remitiu a febre e puido volver ó instituto limpou de sereas a cortiza e advertiulles ós compañeiros que non lle falasen máis de debuxar sereas, que non quería nin velas diante, Díxollelo con tal vehemencia e estaba tan pálido e demacrado que ninguén se atreveu a contradicilo. Definitivamente convertérase nunha especie de líder espiritual entre os compañeiros e, despois de todo, as sereas eran cousa súa, el sabería o que facía.

Nos meses seguintes consolidou os lazos de amizade cos seus colegas e mesmo comezou unha relación cunha das rapazas da clase coa que compartía lecturas e paseos. Rematou o curso con boas notas aínda que moito máis delgado do que o empezara. Desde a gripe non volvera a sentirse plenamente recuperado e agora atopábase absolutamente agotado.

Unha mañá de verán estaba na praia tranquilamente. Non había case ninguén, podía concentrarse no romper das ondas sen ningunha interferencia molesta. A súa moza chegaría dentro dun pouco e logo irían nadar xuntos. Levaba así un bo cacho cando se decatou de que a ruxida das ondas baixara de volume fronte a unhas risas e voces femininas que viñan desde detrás de onde el se atopaba. Virou a cabeza e case lle dá un pasmo: unha ducia de mociñas de tetiñas abaneantes armaban un gran boreo. De repente quedáronselle mirando e volveron a rir coma se precisamente fose a súa presencia o motivo de tanta xoula. Quedou avergonzado e volveulles as costas para concentarse outra vez no mar. Pero o mar ficara estrañamente calmizo, sen ondas, coma unha táboa. Elas foron desfilando con pasiños curtos secreteando entre risas, cimbreandose todas ó pasar por diante del.

“Deica logo, Pablo” ían dicindo unha detrás doutra, tan xeitosas de corpo, tan maliciosas no ollar que non se podía crer o que un estaba vendo. Todas levaban a mesma tatuaxe na cruz dos cadrís. Era… era …¡unha serea agarrando a cola cunha man! Pablo notou que se lle varría o sentido.

“¡Xa estou aquí!” falou a sombra

“¿Ímonos bañar? ¿Que che pasa? ¿Encóntraste mal?”

“Si, debín tomar o sol de máis. Mellor imos dar un paseo pola sombra, pero antes abrázame”

A moza axeonllouse e colleulle a cabeza coas mans coa mirada interrogante. Pablo non quería falar. Pechou os ollos e fundiu a cara nos peitos dela ata que deixou de sentir aquela sensación de ingravidez e pousou os pés non chan.

5 comentários:

FraVernero disse...

Interesante...
Segue así. Sempre comprace pasearse por este océano internauta e atopar pequenos illotes, outras bitácoras con textos doces como arrulo de pomba e bico de muller.
As sereas eran un tema que obsesionaba antergamente a un amigo meu, tamén blogeiro. Se marea aberta lese este conto, deixaría de seguro pegada coa Lorerei e os seus ensoños poéticos coas mulleres de cola de peixe...
Eu quédome coa do Merlín, tamén presente neste relato.
Non resisto ao final inserir unha nota sobre o tema da entrada anterior: entre os documentos que se rescatan están as historias dos loitadores españois antifeixistas nos campos de concentración -notoriamente en Mauthausen. Hai un libro que me tarda pillalo, e na Serra puiden ler unha edición limitada das memorias dun home da zona, creo que de Esteiro, que tamén pasou polo inferno austríaco e a canteira de Wiener Graben.
Un saúdo.

SurOeste disse...

Síntome moi honrada coa súa visita, ¡E aínda máis co seu comentario! A verdade é que me emociona que alguén veña parar aquí nesta inmensidade. É un blog francamente feo e desleixado, pero agora tampoco lle podo prestar máis atención. Xa irei aprendendo.

FraVernero disse...

Veña, muller, non sexas tan dura contigo mesma. O formato é o que menos conta, alén de que apréndese rápido a mudalo.
E non me trates de vostede, ou, que non son tan vello... xD
Xa me tarda que nos escribas algo novo. A ver se escorrega algún relato novo -ou calquera entrada interesante- do teu maxín.
Unha illa para non afogarmos no mar.
E un saúdo, agora, ata a próxima.

Anónimo disse...

[url=http://kaufencialisgenerikade.com/]cialis[/url] cialis
[url=http://acquistocialisgenericoit.com/]cialis acquisto[/url] generico cialis
[url=http://comprarcialisgenericoes.com/]cialis[/url] cialis generico
[url=http://achatcialisgeneriquefr.com/]acheter cialis[/url] cialis 10mg generique

Anónimo disse...

[url=http://achetercialisgenerique20mg.net/]acheter cialis[/url] acheter cialis
[url=http://comprarcialisgenerico10mg.net/]cialis generico[/url] comprar cialis farmacia
[url=http://acquistarecialisgenerico10mg.net/]cialis online[/url] cialis senza ricetta
[url=http://kaufencialisgenerika10mg.net/]cialis[/url] cialis kaufen deutschland