Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, maio 30, 2007

Vai por Proust!

O principal rasgo do meu carácter?
Isto é como abrir unha porta e chocar cun espello... parezo dura pero rompo con facilidade.

A calidade que prefiro nun home?
A min gústanme os tipos simpáticos e intelixentes, coma ti, meu amor.

A calidade que desexo nunha muller?
As mulleres gústanme moitísimo, sempre que sexan intelixentes e simpáticas.

O que máis aprecio nos meus amigos?
Que me axuden a recompoñer as pezas cando me esboroo. Tampouco teñen que darme a razón, só axudar a poñerme no sitio.

O meu principal defecto?
A miña incapacidade para controlar as emocións: son unha chorona, que lle vou facer.

A miña ocupación preferida?
Encántame ese momento de paz e amor dos mimiños dos nenos antes de adormeceren, e cando están durmidos ler ou vir poñer un post.

O meu soño de dicha?
Ás veces, despois dos mimiños, penso: vou lembrar esta época como a mellor da miña vida cando vaia vella.

Cal sería a miña maior desgraza?
Non me recreo nese tipo de pensamentos, cando morre alguén que quero sinto a desgraza rondando e desexo mantela a raia, que ilusa!

Que quixera ser?
Ser eu co don da palabra e aínda por riba cantar ben.

Onde desexaría vivir?
Miña casiña, meu lar, cantas onciñas de ouro me vals!

A cor que prefiro?
Eu son de meu moi colorida, de pequena xogaba coa caixa dos fíos de cores de bordar da miña nai. Sempre souben como se facían as cores; se queredes pintar a 
casa con cores non estándar, chamádeme que chegarei á vosa cor soñada coa miña arte com
binatoria.

A flor que prefiro?
Isto é coma o das cores, todas!, máis as ventureiras coma Castelao.

O paxaro que prefiro?
As laberquiñas cantan que é moito cantar e teñen un carapucho moi simpático.

Os meus autores preferidos en prosa?
Aquí é onde un ten que dar do de peito, supoño... a min gústame a literatura moi literatura, que me deixe espazo libre para imaxinar. Por iso, en xeral non me gustan os americanos, con notábeis excepcións...enfín non me quero liar vou dicir tres ou catro: Flaubert, Proust, Kafka, Lobo 
Antunes e, por favor, por favor, se non penso noutra cousa...
Ferrín.

Os meus poetas preferidos?
Camõens, Rosalía, Cunqueiro, Ferrín e algún comparatista que outro...

Os meus heroes de ficción?
O abatido rei Artur, no paseo dos grandes fieitos beirado de dalias.

As miñas heroínas de ficción?
A meniña gaiteira de Rosalía.

Os meus compositores preferidos?
Beethoven e Amancio Prada.

Os meus pintores predilectos?
Isto tamén é coma o das cores.

Os meus heroes da vida real?
Os que non se deixan gañar polo desalento.

As miñas heroínas históricas?
Rosalía de Castro é a miña.

Os meus nomes favoritos?
Gústame o teu, mira ti por onde.

Que detesto máis que nada?
os que sempre se andan queixando e non fan nada por mellorar.

Que caracteres históricos desprezo máis?
Os abusos de poder en xeral parécenme deprezábeis.

Que feito militar admiro máis?
A comida de rancho e a maxia de onde comen 100 comen 200.

Que reforma admiro máis?
as que serven para repartir a riqueza.

Que dons naturais quixeras ter?
Co que teño voume apañando, a verdade.

Como me gustaría morrer?
Sen dor, claro, e con sentidiño.

Estado presente do meu espírito?
Agora mesmo síntome con moita ilusión co que estou facendo e o que teño na cabeza.

Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Errar é propio do ser humano e cando o burro vai aló, xo burro xo!

O meu lema?
Morrendo e aprendendo.

sexta-feira, maio 25, 2007

Agora que acaba, vou entrar en campaña


Mariano Rajoy, o noso paisano, definiuse o outro día como "un señor de provincias educado".
Se o doutor Freud, que en paz descanse, o deitara no diván e lle dera a fumar unha substancia relaxante non había quedar mellor retratado. Moi ben, Mariano,
sen complexos, como dicía o patrón Aznar.
Don Mariano, dos Rajoy e dos Brey de toda a vida, con avó republicano e autonomista, vese a si mesmo desde fóra, cos ollos do amo madrileño e fica deste xeito alleado e aqueloutrado. El non é galego,
qu´est-que ce être galego?, el é un señor, de provincias. El non fala galego, faltaba massss, el é educado. Só lle falta ter de chacha a Gracita Morales, señoritoooo!!!, e que lle dean a alternativa nas Ventas.
Unha cousa me pregunto, e poida que dúas ou tres, e ao facelo ourízanseme os peliños todos: tamén a este o xubilará o partido
en la tierriña cando fracase na corte dos milagres? Acabará apuntándose a un curso de galego en 10 días coma Touriño? Realmente temos o que merecemos ou podía ser peor?

terça-feira, maio 15, 2007

Visións


Traxedia(s) ou da inutilidade dos poetas

Eu son Nastagio degli Onesti camiñando entre os pinos

[supoñamos o pinar da praia de Cabanas, próxima a ponte, próxima -supoñamos- Florencia]

Ela corre desesperadamente, o único xesto posible.

O branco cabalo...

O branco cabalo nada sabe do xinete de bronce e de espada.

E os cans, os grandes cans que se avalanzan.

As cousas acontecen coa súa inapropiada velocidade e Nastagio degli Onesti -que son eu- nada pode.

¿Que valor ten a palabra do poeta?

Non hai palabra nin poema que reteña o asustado corazón no peito

Da fermosa víctima. Os cans devoran sen reparos.

Eu son Xosé Luís Mosquera e levo a culpa incrustada na mirada

E sinto a espada vermella queimando as miñas mans macabras

E lembro entón que un día nun forno estalarán de súpeto os meus ollos

E serei novamente Nastagio degli Onesti no pinar de Cabanas

Asistindo impasible á comisión dunha atroz carnicería.

Entón eu son o oco no peito da doncela

Eu son o corazón desfeito pola rabia

Eu son o can que roe con máis fame

Eu son o cabaleiro (?) que cubre de metal a súa sombra.

As cousas acontecen coa súa inapropiada lentitude

[A aparición inexplicable dun recordo e o big-bang do poema]

Lémbrome entón (eu, Nastagio degli Onesti, ou eu, Xosé Luís Mosquera) do pouco que aínda podo seguir mantendo vivo ou, probablemente, de tanta e tanta ausencia.

O Arno baixa manso dende as Fragas para bater coa ponte antes de darse ó mar no Golfo Ártabro.

Na praia de Cabanas uns cans comen o corazón dunha muller fermosa ante a mirada impotente (?) do poeta.

Entón, agora, sempre... Os meus ollos de fume e a tarde. A morte. Florencia. O río Eume coa súa inapropiada velocidade. Coa súa inapropiada lentitude.

X.L. Mosquera Camba (inédito)

sexta-feira, maio 11, 2007

Primavera


Mentres a Isabela e a Fravernero a primavera o sangue lles altera -e de que maneira- e Torredebabel decide sentarnos no diván para nos facer unha psicoanálise, como boa galego-arxentina que é, eu opto por deixala correr debuxando relanzos de verdor neste recantiño sosegado.

quarta-feira, maio 09, 2007

Camiños de mil anos




Ten un conto Ferrín que me gusta especialmente, aínda que xa vexo os sorrisos irónicos debuxarse nas vosas faces ah claro, claro, un que lle gusta especialmente..., pero deixádeme acabar ho!, que me gusta especialmente porque me lembra outro que me contaba a miña avoa. Veredes:
No conto de Ferrín van dous mozos: o criado de Xixín e o narrador a mocear cas dunhas que disque son algo meigas.
No conto da miña avoa ía a súa tía, que non contaba mentira, ollo!, e mais outra compañeira, non lembro moi ben a onde, probabelmente ao muíño.
No conto de Ferrín os dous guapos mozos teñen acceso á casa das meigas e á súa doce carne e todo vai moi ben, que seique eran moi dadas ata que...por facer un chiste, meus amigos, e por demostrar quen os ten ben postos botan todo a perder e elas maldinos e bótanlles un meigallo antes de eles desapareceren cos cabalos, mortos de risa.
No conto da miña avoa a súa tía e a compañeira chegan a unha encrucelada e algo inexplicábel pasa.
No conto de Ferrín aos dous mozos dúralles pouco a risa porque empezan a dar voltas e voltas na noite e perden o rumbo e as referencias envoltos en néboas mestas e teñen medo de marte enorme que brilla no ceo para eles e os cabalos tamén e perden a esperanza ata que...
No conto da miña avoa algo raro pasa que as rapazas pérdense unha a outra e como cousa de encantamento, irían polo aire, volverían polo vento, unha, a tía da miña avoa, apareceu no Portiño ao lado do río e a outra lonxe, moi lonxe de alí, sen saberen unha da outra e sen entenderen cousa ningunha, como acabadas de espertar dun soño.
No conto de Ferrín os mozos, despois de dar tumbos polos camiños do demo, arrenegado seña!, deron outra vez cun camiño, e os cabalos animáronse no seu desmaio e chegaron...non se sabe como si nin como non á casa de onde partira a maldición.

Aquel camiño era feito de pedras grandes e antigas e demorou nun relanzo no que o chao amosaba, a unha nova luz que penetraba o neboeiro, carrileiras labradas por eternidás de carros e logo despois calcamos unha ponte altísima na que os nosos cabalos facían resoar ecoares seco, toscos, estritos, de mil anos. (Méndez Ferrín, "Medias Azuis", Arraianos)

quinta-feira, maio 03, 2007

Estradas



Eu nacín, coma quen di na estrada. Sorte que a miña nai era primípara e deille que facer. Pola estrada do meu lugar pasaban moitos coches con obreiros e moitos camións con mercancías perigosas para alimentar a Gran Máquina. Ao principio era un tabú: prohibido achegarse se non era da man dun adulto, logo sen man, logo mirando moi concentrados arriba e abaixo, abaixo e arriba e, por fin, dominada. Xa non facía falta a cancela e cando rompeu, non se repuxo. Vou e veño. Un paseo pola estrada ata a fonte era un reclamo para os outros nenos e unha ocasión para xogar. Á noitiña ir buscar auga, que vimos sequiños, nena. Na sesta, lavar uns tenis e mollar os brazos e as pernas e o pelo, que gustazo, a fonte é toda dos nenos.
A estrada, aínda que nada máis sexa para mirar quen pasa por ela, é un gran medio de comunicación: os carros, ese rapaz tan guapo repartindo o leite co burro, as parellas de mozos o domingo. Os desfiles do domingo son mellores seguindo os comentarios da tía Josefa, se non resultan un pouco tristes, os demais non vemos nin a mitade do que ve ela. Como habiamos ver ¡un xugho! neses dous mozos que se entrelazan polos ombreiros moi cariñosos?
Vivir ao lado da estrada foise facendo cada vez máis pesado, máis e máis coches, máis e máis camións día e noite, obras de ampliación, máquinas, ruído, máis mercancías perigosas…Antes seique a xente da beira da estrada era máis lista, quérese dicir menos atrasada, sería que tiña todas as fiestras abertas ao mundo. Secadra foi polo que decidín abrir esta fiestra á estrada que vai e vén incesante desde todas as encruceladas do mundo, se facer ruído sequera.