Ten un conto Ferrín que me gusta especialmente, aínda que xa vexo os sorrisos irónicos debuxarse nas vosas faces ah claro, claro, un que lle gusta especialmente..., pero deixádeme acabar ho!, que me gusta especialmente porque me lembra outro que me contaba a miña avoa. Veredes:
No conto de Ferrín van dous mozos: o criado de Xixín e o narrador a mocear cas dunhas que disque son algo meigas.
No conto da miña avoa ía a súa tía, que non contaba mentira, ollo!, e mais outra compañeira, non lembro moi ben a onde, probabelmente ao muíño.
No conto de Ferrín os dous guapos mozos teñen acceso á casa das meigas e á súa doce carne e todo vai moi ben, que seique eran moi dadas ata que...por facer un chiste, meus amigos, e por demostrar quen os ten ben postos botan todo a perder e elas maldinos e bótanlles un meigallo antes de eles desapareceren cos cabalos, mortos de risa.
No conto da miña avoa a súa tía e a compañeira chegan a unha encrucelada e algo inexplicábel pasa.
No conto de Ferrín aos dous mozos dúralles pouco a risa porque empezan a dar voltas e voltas na noite e perden o rumbo e as referencias envoltos en néboas mestas e teñen medo de marte enorme que brilla no ceo para eles e os cabalos tamén e perden a esperanza ata que...
No conto da miña avoa algo raro pasa que as rapazas pérdense unha a outra e como cousa de encantamento, irían polo aire, volverían polo vento, unha, a tía da miña avoa, apareceu no Portiño ao lado do río e a outra lonxe, moi lonxe de alí, sen saberen unha da outra e sen entenderen cousa ningunha, como acabadas de espertar dun soño.
No conto de Ferrín os mozos, despois de dar tumbos polos camiños do demo, arrenegado seña!, deron outra vez cun camiño, e os cabalos animáronse no seu desmaio e chegaron...non se sabe como si nin como non á casa de onde partira a maldición.
Aquel camiño era feito de pedras grandes e antigas e demorou nun relanzo no que o chao amosaba, a unha nova luz que penetraba o neboeiro, carrileiras labradas por eternidás de carros e logo despois calcamos unha ponte altísima na que os nosos cabalos facían resoar ecoares seco, toscos, estritos, de mil anos. (Méndez Ferrín, "Medias Azuis", Arraianos)
10 comentários:
Pois si que esbocei un sorriso ao ver que metías un conto de Ferrín. Lembraba o título mais non o libro. A min Ferrín non me gusta especialmente ningún conto de Ferrín.
Hai uns 5 anos sucedeume (ou non me sucedeu, non sei)algo que tamén parece cousa de meigas, aínda que supoño que non se trataría mais ca dunha mala pasada da mente. E así o prefiro pensar dado que xa me está arrepiando o Iker Jiménez e a dentuda da moza que fixo do non tan común algo estrano e inexplicábel e que incrementou máis aínda a interese polo "misterioso";de aí que ti, Su, que seguro que te chapas tódolos seus programas, caeras na tentación de contarnos contiños infantís para non durmir.
Querida Mus.
Eu ao Tío Iker, só o escoitei unha madrugada que volvía soa e decepcionada, absolutamente sobria, dunha cea, conducindo pola autopista e pódoche dicir que as fantasmadas que escenificaba dábanme risa.
Xa que che gusta o xénero heiche escribir un post, para ti adicado, con outra hitoria para non durmir da miña incríbel avoa. Hoxe non, pero conta con el.
É máis, aproveito esta tribuna para reclamar un programa de medo autóctono, con señoritas malvadas e enganosas, Santa Compaña, e aparición de demo en figura de can, na Radio Galega.
Bon, eu a Iker Jiménez non lle teño ningún respecto (a Ferrín sí). No caso de parapsicólogos, prefería ao Doutor (sí, doutor. Creo que de psiquiatría) Jiménez 'sírvame outra copiña de Cognac' del Oso, trístemente falecido, e estou seguro que o máis etílico e simpático cazador de ovnis que teño visto xamais.
Lembro o relato e lembro 'Arraianos', sí. Non é aquel tan pavero do 'Ah, puta, non querías', pero tamén ten o seu encanto e as mulleres mancilladas polos gazais...
Quen máis, quen menos, todos temos pasado por algún fenómeno estraño. Eu xa teño glosado o meu encontro con escritores mortos nalgún outro lugar...
Pasamos das estradas ós camiños e xa presinto que pronto imos chegar ós carreiros (benditos carreiros, cheos de fenómenos paranormais e para a-normais).
Pepín, un día, vindo do baile, a miña avoa meteuse desde a estrada (o civilizado) polo carreiro e tropezou cunha cousa informme e caeu de fuciños. A Santa Compaña, supuxo, pero empirista como ela era foi buscar un candil á casa para encararse a ela.
O resultado non puido ser máis decepcionante: era o bandallo dun veciño, borracho coma unha cuba durmindo de través.
Para pasar de caralladas, hóuboche ben comentarios en pouco tempo.
Si, de feito estou pensando en abrir un salón coma Mme. Verdurin.
que libro, SurOeste! e que conto! Mañá sábado, imos falar del cuns amigos no Tortoni. Dende logo, estás convidada. Sería unha ledicia que bebeses con nós un chocolate con churros mentres nos falas de Ferrín. Vinde todos!
Sabía que che ía dar directamente no corazón. Canto me alegro.
Enviar um comentário