Número total de visualizações de páginas

terça-feira, junho 24, 2008

Volumes



Un día pola tarde, xa hai ben anos, deume por mirar en dirección leste, xusto no punto en que o río se ceiba do estreitísimo abrazo e se esparexe por fin en catro revoltas ata se desfacer no mar. O que vin foi, en primeiro termo, o perfil mouro dos eucaliptos plantados polo ICONA da banda de alá, logo a ladeira destoutra banda aínda, naquel tempo, de verdor autóctono cinguida e, por último, pechando maxestuosamente o horizonte, o bico da serra cunha breve extensión debaixo, Suaserra sexa dito, de prados e labradíos defendéndose da fraga.
Collín a caixa das acuarelas (chamémoslles así) e o bloc de debuxo e púxenme a pintar como mellor sabía. Non era nada doado: variacións sobre verde para conseguir o efecto de máis cerca e máis lonxe, pero os problemas non remataban aí. Desde o meu punto de vista tiña os eucaliptos da outra banda nun plano máis avanzado, certo, mais despois, no mesmo plano tiña a parte de aquí cunha imposible depresión no medio: unha ladeira combada coma unha nai que se agacha estirando os brazos recortados de carballos para recoller ao seu fillo. Tiven que misturar moitas cores: verde máis claro, verde máis escuro, pingotas de castaño e negro. O papel ondulouse e nalgunhas partes empezouse a esfolar co paso do pincel mollado. Non me quedaba moito máis que facer ou estragaría todo. Púxenlle o ceo azul. Aínda ben que aquel día non había niboeiro agatuñando pola fraga arriba!

sábado, junho 14, 2008

Mirade unha cousa...

A miña natural inspiración bloguística ten decaído moito nos últimos tempos, como xa notariades. Fiquei exahusta logo do asunto todo do manuscrito, mais non só iso. Estou decepcionada. Suroeste decepcionada, amigos, si. E con que se se pode saber? Non é doado de explicar. O meu can comeu un bocadillo de xamón (cocido) case sen masticar, logo ese glo-glo de tripas que lle sinto veñen sendo os gases inxeridos coa precipitación alimenticia. Elemental, queridos e queridas. No meu caso, a decepción que arrastro non sei explicala ás dereitas.
Probemos ás tortas:
-Alguén leu a serie do manuscrito?
-Alguén entendeu algo?
Se as respostas son non e non, daquela non teño máis que falar.
Síntoo.

http://nubosidadevariabel.blogspot.com/2008_01_01_archive.html