Número total de visualizações de páginas

segunda-feira, setembro 25, 2006

O mellor do mundo


Pensastes algunha vez que o mellor do mundo é gratis? Ver unha posta de sol, darse un chapuzón, unha conversa agradábel, parir un fillo, botar un canivete...Gratis! E onde non...sempre nos quedan os xenéricos.

sábado, setembro 23, 2006

Pequenos grandes traballadores


Estes dous nenos coidaban sen descanso un brazado de leitugas e pés de cilantro, tornando as moscas cun ramallo e chiscándolles auga por riba a cada pouco. Nunca vin un equipo máis concentrado e eficaz, alleos totalmente a todo o rebulir ruidoso de arredor.
Onde andarían os pais?

sexta-feira, setembro 22, 2006

Suburbio



Un mundo de acabados de chegar, paredes tortas que se apoian unhas noutras con pouco cemento, sen pasado nin moito futuro; tan só un precario presente de "hai que tirar para diante"

Inmersión tropical


Aínda non vos contei onde estiven todos estes días, nin expliquei por que levo desde que cheguei con sono e a cabeza desordenada, intentando retomar as rutinas que me encadean e me protexen da intemperie. Tampouco penso ser moi explícita, prefiro deixar que a vosa imaxinación complete os espacios en branco.
Digamos que estiven nun fermoso país tropical: chuvia pola mañá, sol de xustiza a mediodía, vexetación exhuberante, froitas incríbeis, ritmo no corpo da xente e tremendas desigualdades sociais. Miradas que golpean a conciencia, traballos inverosímiles para comer un pouco, suburbios immensos afogando rañaceos. O contraste brutal, a puta miseria a carón da riqueza máis obscena.
Déixovos a gracil curva deste coqueiro en contrapicado para empezar, porque de seguido virán máis.

segunda-feira, setembro 04, 2006

Atando cabos






Esta é a outra estampa que (con sorpresa) publicitaba o Café Saint-Martin de Buenos Aires e que acabou atravesando o Atlántico no baúl de Andrés do Manco. Para min esta imaxe ten unha profundidade simbólica tremenda: o lobo, xa vedes que aquí nada feroz, a nena, a cestiña pudorosamente tapada, os careixós, a fraga... O mundo que me rodeaba era máxico e resúmese nesta escena que aínda me atrapa.