Número total de visualizações de páginas

domingo, abril 25, 2010

Política e botánica



A miña avoa diría que o xasmín amenceu calladiño de flores, contradicindo desta volta aos pesimistas prognósticos de quen aseguraba que o lugar onde foi plantado non lle era bon. De momento parece que lle gusta e este ano colleu moita forza. Agora xa penso onde vou prender as guías que botou estes días. Se cadra quere agachar pola vella cepa da barra ou se cadra ten outras intencións.
As plantas teñen ánima e unha vontade moi obstinada, estou convencida. E saben agradecer: este esplendor é a perfumada contestación á auga de todo o mes (a do ceo e a da xarra que lle baleiro cando vou á fonte) e á sega que fixen das herbas de arredor do mes pasado. Míroo e síntome orgullosa. Agora son eu a que me sinto en débeda: observareino e intentarei negociar con el varias posibilidades para que siga enchendo a pracer o xardín co seu arrecendo.

quinta-feira, abril 22, 2010

Material de traballo



Despois de rematar un traballo é bon desprenderse de roupa e ferramenta e limpalas, deixándo todo preparado para a próxima xeira. Se o traballo durou máis do previsto é probábel que se fosen incrustando faragullas de materia profundamente, que haberá que refregar con enerxía, ou mesmo parásitos que se alimentan desas faragullas. Sempre hai a quen lle aproveite.

O ciclo da vida e o do traballo. Corre que xira a roda!

quinta-feira, abril 15, 2010

Caderno de memórias coloniais


Hoxe asistín á presentación do libro Caderno de memórias coloniais de Isabela Figueiredo no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da UDC. Foi unha presentación áxil e entretida no que Isabela falou das súas lembranzas e de como estas se converteron en literatura a través primeiro do seu blog para rematar compoñendo este libro que está a ter un gran éxito editorial en Portugal e, o que é máis importante, está a xerar un debate demasiado tempo adiado acerca do pasado colonial e da reconstrución da memoria. Sóavos a canción, queridas e queridos? Si, claro, iso foi o que dixo tamén Isabela, "eu sei que na Galiza está a haber neste momento um movemento social a favor da recuperação da memória histórica".

O caso é que Isabela con este libro leve (136+24 páxinas) que inclúe fotos e postais do seu album familiar está dando moito que falar e eu vaticino que aínda ha dar máis. De momento é inevitábel admitir que o discurso oficial dos chamados "retornados", por unha parte, e do proceso de descolonización, polo outro, quedaron seriamente danados, eu diría que mortalmente danados, e iso molestou. Quen tivo a ousadía de contar dese xeito o dia-a-día do colonialismo? Unha muller con ollos de nena, a filla dun colonizador que ama ao seu pai, mais dóese do que non pode evitar ver a medida que lle vai medrando unha conciencia independente. Non sei por qué téndese a pensar que os nenos son parvos e non se decatan. "Amor e vergonha misturados" dicía Isabela "pasaron muitos anos antes de eu poder escrever sobre isto". Os humanos somos uns seres moi complexos, "nem há tudo bom, nem tudo mão", é evidente, mais algúns pretenden que así sexa e que o que os involucra sexa o "bom" sempre.

Ai, Isabela, Isabela, prosa directa, narración entrecortada, voces que se interrompen, ruído de fondo, interferencias, os ollos dos outros, estrutura rizomática, formato blog, retallos, retallos, retallos, a memoria é coma a auga do dioivo: busca sempre o seu sitio... e acerta sempre con el.

sexta-feira, abril 02, 2010

Tomando o té con Jane Austen


Levo uns días prendida nas redes de Jane Austen, a aparentemente tranquilísima muller pensativa que representa a imaxe. Fago memoria e chego á miña adolescencia. De que coñezo eu a esta muller? Os seus libros non estaban nos programas de bacharelato e eu non tiña acceso a unha gran biblioteca. Coñecina a través dunha versión televisiva de Orgullo e prexuízo alá por... 1980, tal vez. Nunca esquecín aquela serie nin á escritora. Anos despois lin Emma, que me cautivou, e hai unhas semanas non puiden resistir a tentación de mercar a versión galega de Orgullo e prexuízo.
Nas súas novelas non hai grandes aventuras, desde logo que non, pero hai unha impresionante reflexión dos comportamentos e sentimentos humanos sometidos á constante presión das regras sociais. Fálase moito de sentimentos nas novelas de Austen, mais tamén de cartos, de matrimonio, de honorabilidade. E é lóxico: a gran fazaña dunha muller da época era facer un bon matrimonio, o único contrato que podía subscribir ao tempo. E que era un bon matrimonio? Desde logo un que garantizase o benestar económico da contratante, mais para as heroínas de Austen iso non é suficiente; é necesario, ademais, que se basee no respecto e a admiración mutua dos contraentes. Isto último era moi moderno para a época e por iso as heroínas fabricadas por Jane Austen, sen ser revolucionarias, son uns bichos raros que insisten en facerse respectar e en torcérllelo bico a todos aqueles que consideran que non están á súa altura que, desde logo, son a maioría.
Gústame Jane Austen, gozo co seu estilo tranquilo, mesmo cando está clarisimamente innovando. É eficaz nas súas fórmulas narrativas. Gústame o sentido de dignidade feminina que transmite nun mundo que afastara definitivamente ás mulleres dos lugares onde se cortaba o bacallau, establecendo un sistema que tendía a que o capital se acumulase sempre en mans masculinas. Simplemente o facer ver iso aos lectores desde o punto de vista das excluídas supón unha gran valentía para unha muller sen fortuna que, na súa primeira novela, firmaba simplemente como A Lady.