Número total de visualizações de páginas

domingo, julho 29, 2007

Sesta

Hoxe é o primeiro día de verán. Calor pegañenta, sopor e sesta. A casa sen ruídos, case. Só ronquidos esporádicos dos maiores recollidos nas súas alcobas. Os nenos teñen moi ben aprendido que non se pode molestar e o reloxio da sala deixa pasar os minutos coma un regueiro de lava.
Só quedo eu esperta. Meu irmán dorme a carón de mamá. Eu coido a vella boneca e sento no repeito da ventá da sala. Desde alí, o tellado dos alprendes despedindo calor fan bailar a paisaxe deserta. Falo moi amodiño coa miña boneca e invento unha historia complicada que fai licuar o regueiro de lava. Un mundo dinámico no baleiro da sesta.
Un descoido, movemento brusco ou airiño inesperado e a boneca escórreme das mans e queda enriba do tellado, exposta ao sol implacábel, lonxe do meu alcance. Unha bafarada de calor golpéame. Estudo a distancia no tellado, a altura da ventá, os ferros desde os que me podo colgar, pero son pequena de máis. Choro. Enxugo as bágoas. Sigo inventando historias que xa non son ledas coma antes porque non as podo guiar como eu quero. Unha cousa apréixame a gorxa e afoga o berro que non pode saír. As agullas do reloxio parecen paralizadas.

quinta-feira, julho 19, 2007

Relecturas




Que tal María, estarán os teus pais, díxome ela. Dixo tamén que se seguía nas medras a onde ía chegar.
Acórdame moi ben desta visita e vós igual rosmades, Vamos nena, que importancia terá unha maestra, a ver, que buscas contándonos un conto semellante nin que subira un ministro con bandeiras... pero non é así de fácil explicar que nesto do agarimo existe un punto que nunca se explica, dos desexos e as preferencias hai tamén moito intríngulis e ademais nesta casa non entran persoas deste tipo, a ver se me entendes, ¿como diría eu?, xentes que chaman á nosa porta e nada máis abrir poste a mar de aturdida e rapidamente daste de conta que por que demo se che ocorrería fregar hoxe a cociña que tes aínda a falda vella a ver se non podía avisar a señorita Márgara para que a miña nai estivese vestida de xeito máis decente e rapidamente botas man á baieta e vas limpar o po do comedor porque o comedor está sempre fechado, se non é polos día de Nadal, para que entre ela e todo como digo cunha présa enorme que non dá tempo a nada, abrimos as contras, vaia ho, como ruxen, e as cortinas estarán algo tesas da xiada.
(...)
A miña nai estaba algo chantada, non sabía que conversa seguir e colle unha galleta maría taniscándoa, toda a familia Briz preguntándolle á maestra cos ollos:
-Que queres ti de nós.
A señorita Márgara ten unha voz un si caída, fala coma se regalase algo e tenro coas palabras, tan sinxelamente doce é todo o que ela di.

Xohana Torres, (1970). Adiós María.


terça-feira, julho 17, 2007

Fórmulas universais III




Cando o home que quixo gañar a pesar de todo topou coa muller que quería gañar a pesar de todo, o resultado non podía ser máis espectacular.

Fórmulas universais II



Algúns homes cando necesitan unha enfermeira escollen a dos dentiqueiros máis longos, polo xeral son tamén moi listas.


Fórmulas universais





Hai mulleres que en vez de matar ao pai casan con el e son eternamente fillas.

domingo, julho 15, 2007

Deus é bon; o demo non é malo




Ai, país de contrastes o noso! Ao lado do burdo humor gorilofalocrático dos Tonechos, e poida que en ocasións compartindo escenario, o profesor Mandianes Castro cun inmenso sorriso resolve as dúbidas dos televidentes desde o seu "Consultorio antropolóxico" no programa de máis audiencia da TVG, o Luar, cada venres despois de cear entre gaiteiradas e flamencadas.
Nivel, moito nivel é o que temos. Felicito de corazón a quen tivo a idea: o pobo o que necesita é un antropólogo de cabeceira que lle axude a entenderse.

terça-feira, julho 10, 2007

Sal groso


Sorpréndeme que ninguén proteste polo persistente e degradante machismo ao que nos teñen afeitos Os Tonechos no seu show. Poida que teñan moito éxito, que pola súa parodia de tontarráns paletos se lles permita a moitos nenos e nenas velo como algo inócuo, e que no fondo non fan outra cousa que retransmitir con altavoz e en horas privilexiadas para a audiencia a visión máis cruamente machista que impera na sociedade dun xeito tan pouco sutil que máis ben perxudican a ideoloxía que representan mais... aínda así, nunha sociedade que deterrou a Shin Chan por machista ou que lle esixiu a Teté Delgado disculpas por non sei que comentario puntual pouco afortunado, ¿Como é posíbel que soportemos a degradante visión que os Tonechos nos ofrecen das mulleres? ¡De todas as mulleres que aparecen no show ou ben no papel de obxectos sexuais ou ben de vacas-burras!

segunda-feira, julho 02, 2007

Dominación lingüística


Foto de X.B. Arias

Ao il pronunciar as derradeiras verbas, a Vella axionllouse, bateu coa fronte no chan en sinal de sumisión absoluta, pormenorizada no Ritual de Comportamento da Caste Recuada. Logo, e de acordo cos mesmos textos, encolleuse sobor do sobrado en actitude fetal, entramentres o Gardián se erguía, axuntaba os talóns, introducía o casco na cabeza esférica e pelada e saudaba cun longo aturuxo sen fin, ondulante coma unha anguía, á mención do Entrelazo Sagro, símbolo e resume da Orde Interminábel.

X.L. Méndez Ferrín, 1974, "Partisán 4", Elipsis e outras sombras.