Número total de visualizações de página

sexta-feira, agosto 28, 2009

O muro, ese muro



Ese muro non se fixo nun día nin en dous. Fíxoo un home e unha muller, unha pedra por riba doutra. Tiveron que buscalas axeitadas, o máis axeitadas que lles pareceu, e foron poñendo masa de terra e auga polo medio, para que se agarraran e non esborrexeran á primeira. A masa secou e endureceu, e as pedras buscaron o seu acomodo.
E pasaron os días e as estacións e chegaron os temporais enrabexados do suroeste que foron lambendo area a area a terra de entre as pedras; mais estas seguiron unha por riba doutra, apoiándose e dando apoio firmemente.
O tempo fixo do muro un encaixe, a través do cal se pode ver o mar e o ceo, de pelouros redondeados polo que se coa o vento.
A terra que levou xa non facía falta ningunha.

4 comentários:

r.r. disse...

(Ovación)

XDC disse...

Venme de lembrar vostede a primeira vez que levantéi unha parede eu sólo, sendo inda un neno.
Foramos o meu avó i eu a recoller unha colleita de patacas có carro, de mañá. Tuvemos que ceibar un longo anaco da parede que delimitaba a leira, pra poder rousar o carro ao entrar e ao salir. Cando marchabamos, dixo o meu avó: "Xa viremos á tarde pra levantar a parede".
A mediodía, mentras el dormía a sesta, decidín ir a levantala eu sólo. Tiña axudado a facelo, pero nunca o fixera sin axuda. Costóume moito asentar os chantós, e algunhas pedras era moi pesadas pra mín, pero fun asentándoas unha a unha hasta rematar.
De alí a un pouco de chegar eu a casa, o meu avó espertóu, e díxome: "Imos logo levantar a parede que ceibamos á mañá". EU díxenlle: "Xa a levantéi, eu, en canto dormías a sesta". Miróume con asombro. Imaxino que pensóu "Había de quedar ben". Chegámonos xuntos a ver a miña obra e, cheo de asombro, díxome que estaba perfecta, e que non facía falta tocarlle". Como aforrara un traballo pesado, díxome: "Adastora mexóume un santo na boca",expresión que non sei se vostedes coñecen.

Xis disse...

Xa de volta non quero ser impertinente, pero achego unha reflexión:

Escolleron as pedras para facer o muro, ou se cadra o muro é así porque tiña esas pedras?

As construccións humanas, son sempre unha chea de casualidades. En allariz usaron pedras do antigo castelo para faceren muros, e para a estrada nacional 525...

SurOeste disse...

Non coñecía a expresión, apúntoa.


Eu penso que unha cousa e maila outra, Xis.