Número total de visualizações de página

sexta-feira, maio 01, 2009

Adeus ao mundo perfeito

No ciberespazo ao novas sucédense vertixinosamente. Aparecen, difúndense e producen reaccións nunhas horas. Así foi que antonte entrei n´O mundo perfeito a ver que nos contaba Isabela e lin algo que me deixou desacougada: Isabela denunciaba que un post seu fora utilizado con fins perversos nunha páxina neonaci e racista; pedía apoio e axuda xurídica porque ela rexeitaba que os seus textos puidesen utilizarse para difundir unha ideoloxía que lle resulta repugnante. As respostas coincidían en que pouco ou nada se podía facer unha vez que se publica un texto, sempre que non sexa usurpándolle a autoría. Quedei pensando no asunto e ao día seguinte volvín a ver se alguén achegara outras opcións.
Había un post de despedida: Isabela decidira pechar o blog para non seguir facendo textos que poidan ser utilizados e manipulados sen pedirlle permiso.
Naturalmente estou triste, O mundo perfeito era un gran blog que seguía desde hai catro anos, cando abrín o meu propio espazo. Xa non podemos acceder aos posts que foron creando un universo particularmente luminoso. Isabela é a única dona dos seus textos, non llelos quere regalar a catro descerebrados que non son quen de pensar por eles mesmos e andan roubando e distorsionando. En internet é así, atopamos o máis excelso e o máis abxecto nun só clik. Tamén é posíbel opoñer a grandes males grandes remedios nun só clik, como fixo Isabela. E convocar miles de persoas para unha causa xusta nun só clik. E... nós enganchados facendo clik, clik, pendentes da última da última, reaccionando a ela, provocando a seguinte, clik!
En contraposición ao que acabo de contar vemos que o mundo da prensa tradicional vai a un ritmo desesperantemente lento: pasa algo, ao día seguinte agardamos unha valoración do que pasou, que se cadra xa non chega ao peche, haberá que deixalo ata o próximo día, logo, ao outro máis, se cadra unha reacción a esa primeira valoración... ou non, porque xa se ve tan remoto que non paga a pena, co cal só sobreviven os asuntos que interesan ás empresas comunicativas. Falando deste tema sorprendeume que no informe sobre a situación lingüística en Galicia da FAES se cite como autoridade un artigo de Suso de Toro en El País, e tamén que pasen os días e que Suso de Toro non reaccione. Non se decatou de que ten admiradores na FAES que se valen do que escribe para os seus fins? Sóuboo tarde e os responsábeis do xornal onde publica aconselláronlle que ignorase o asunto, que o tema xa non daba máis de si? Non lle importa? Non pode facer nada? Outro artigo no mesmo xornal delimitando os espazos de cada un? Buscar a través das redes sociais apoios de repulsa?
Eu clik coma Isabela, se fai falta clik, non o dubido, queimo todo, clik.

6 comentários:

Anónimo disse...

O seu post zumega intelixencia, finura, savoir-faire, composición de lugar brillante, nova filosofía. Más madera, más...

SurOeste disse...

Glup´s. Eu non...eu nunca... a miña nubosidade... (o que máis me gustou foi o de savoir faire).

Xis disse...

Parabéns polo blog, e parabéns polo comentario.

Habería que escribir unha historia que fale sobre os texto que se escriben nos blos, e a onde van as palabras cando os blogs desaparecen.

É moi suxerente. Por certo, non che parece que Suso de Toro escribindo en castelán no caderno de Galicia do país, non axuda moito na cuestión lingüística.

Se cadra é que me estou estremando, pero agora coido que hai que tomar postura inequívoca, digo eu.

xmpb

SurOeste disse...

Sobre o tema Suso de Toro e tutti quantiescriben en castelán na edición de Galicia de el país xa me teño pronunciado e moi duramente ademais, vou buscar o post en cuestión.

SurOeste disse...

http://nubosidadevariabel.blogspot.com/2007/02/de-toro-bravo-toro-amansado.html

neste post e nos dos días seguintes, que argumentan no mesmo sentido á polémica que se armou, atoparás máis cousas.

Xa pasaron dous anos?

Xis disse...

tempus fugit!