Despois da traizón de Iseo, entrei nun profundo abatemento: asexada polos R e os servizos segredos de intelixencia de non sei cantos países xa non son quen de confiar en máis ninguén. A Mr. Church nin o fun recoller ao aeroporto nin o quixen ver diante. un americano apelidado Church dá para moito que desconfiar!
A paisaxe desde a alta torre que é aínda o meu refuxio paréceme desolada. A aparición do misterioso manuscrito cambiou tantas cousas na miña traxectoria que xa non lembro nin de onde viña nin sei moi ben xa a onde debo dirixirme: pau viradoiro que onde queira que vaia troncho que troncho.
O manuscrito que debería alumar os destinos da Terra Nosa semella máis ben que me acabará adentrando nos incertos camiños da confusión, da néboa, da non razón e rezo, non sei a quen, para que non caia nas mans do Inimigo que inza a escuridade.
Non vou permitir que caia nas súas suxas mans, non, antes destruirei o Manuscrito: metereino nun barco lixeiro e botareino ao Océano, ou reducireino a cinza para aventalo despois coma a semente do futuro, ou comereino folla a folla na sobremesa de todos os días, ata que o tonner velenoso acabe comigo. Eu aínda non sei como rematar con isto, só teño a certeza moi fonda de que nunca, nunca caerá nas mans mercenarias da nosa autodestrución.
Que así mesmo sexa.
Sem comentários:
Enviar um comentário