Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, janeiro 23, 2008

Sic transit gloria mundi: II misiva desde Castel Sant´Angelo


Sei que non é fácil acreditar nos asombrosos e trepidantes feitos que neste blog van aparecendo así deste xeito discontinuo, esnaquizado, trapeleado, pero amigos, asegúrovos que eu mesma me vexo sobrepasada polos acontecementos e a rapidez con que mudan de dirección. Estaba convencida de que conseguira pechar aos "R" per saecula saeculorum na galería dos espellos entre as manequins de Tristán, pero o diaño nunca descansa e vai ti a saber como conseguiron fuxir os condanados. Xa o dicía a miña avoa, e moitos antes dela, que hai que ter amigos ata no inferno. Vede como se saben guiar os prelados. Está claro que algo houbo porque, coma augha dun cesto, escaparon de alí. Mais as cousa parece que non pintan ben para o vello "R", e rei morto, rei posto, ou as cuñas novas apretan as vellas, colleulle o sitio o sobriño. Sic transit gloria mundi, vello "R", a todo porquiño lle chega o seu Sanmartiño. Non podo resistirme á tentación de reproducir aquí, en lugar tan destacado, a última e abatida misiva desa gran figura que un día non sei por que, para min que non viña a conto, me quixo dar un lapote.

Sigo no mausoleo de Hadrián afundido na depresión. A terrible tentación do relativismo, ou mesmo do baleiro, moral acompáñame decote porque sen fe non hai esperanza. Perdín a fe despois de saber que o meu sobriño (a partir de agora SR) aceptou substituírme na miña cruzada na afastada Galiza. Eu que o coidei coma se fose un naipelo dende que comezou a súa carreira. Mesmo tiven que conseguir que a Festa do Cocido se celebrase na Praza de San Pedro para que lle desen un carguiño en Lugo! E agora isto. Xa o dicía miña avoa "cria episcopus e comeranche os sangumiños". Leo a Boecio pero a filosofía non me consola. Xa son unha pantasma do século XX. A miña animula, vagula, blandula esváese sicut nubes, cuasi aves, velut umbras.
Cuasi R.

1 comentário:

Anónimo disse...

A nosa rocambolesca fuxida da trampa de Suroeste non serviu de nada, ben o sei, especialmente para o meu tío R (TR). Primeiro, a carraxe susaniana, un Xúpiter tronante que o mandou a Sant`Angelo. Logo o relativismo moral, veleno do laicismo, e agora, o fatum. Conmovido pola súa mensaxe de onte, decidín axudalo e faciliteille un "aparatum volatoris" de Leonardo que atopei arrombado no castelo. Eu calculaba que caese no Tíber pero non foi así. O fatum fixo que se esmendrellase contra un pesqueiro galego que andaba ás troitas (coas bragas enxoitas) polo río. Co que levou, recibiu unha revelación: debía converterse en R o Estilita. Tanto porfiou que agora estou eu falando co Concello de Santiago e con Cultura para ver se nos permiten poñer a columna no Obradoiro. O Concello só esixe que se instale un inodoro (por pudor) no alto da columna; Cultura entende que pode atraer millóns de peregrinos; Economía frega as mans pensando no aumento da venda de cacahuetes. Tamén falei con Eisenmann e ofréceme dous modelos para a columna, un en ladrillo visto e outro en bloques (material prohibido durante a era Fraga, segundo me confesou) por 20 millóns de euros (cantidade asumible se facemos unha coleta). Suroeste, o do lapote halo ter no Obradoiro a partir do mes de maio pero a 30 metros de altura, fóra do alcance das túas gadoupas. Non penses que abandono: sabemos que a publicación da obra que está no teu poder causará un rexurdir tan grande das paixóns arredistas en Galicia que mesmo pode levar á separación da igrexa galega da de Roma (esta posibilidade xa foi denunciada hai moitos anos por Otero). Susan está preocupado por este hipotético cisma de Occidente e eu non quero acabar en Sant`Angelo como TR.
SR.