Número total de visualizações de páginas

terça-feira, janeiro 23, 2007

sábado, janeiro 20, 2007

Rudo encono


En Galicia hai catro monas e dúas son papahostias (ou paréceno).
En Galicia hai catro monas e unha nunca se sabe con certeza se "sube para arriba o baja para abajo".
En Galicia hai catro monas e só unha se sente medio-nacionalista; a outra media considérase nacionalista ata as cachas (ou mellor dicir, a cacha que queda).

quinta-feira, janeiro 18, 2007

Psicoanálise doméstica


Onte púxenme a cociñar unhas xudías. Prepareinas, laveinas, puxen a pota a ferver...Entra o meu irmá e coméntolle:
-Vounas facer con tomate.
-Pois moi ben.
De alí a un pouco:
-Bah, mellor non lles boto tomate, unha allada e listo.
Mirámonos. Tampouco tiña tanta trascendencia. Sorriu e empezou a asubiar
-La donna é mobileee, cual piuma al vento... Hai que ver canto sabía o cura aquel e como entendía!

sexta-feira, janeiro 12, 2007

Canon heterodoxo


Son muller: a miña debe ser unha poética do corpo, unha demostración visceral de aquilo ao que fun reducida, polos séculos dos séculos..

domingo, janeiro 07, 2007

Orballo


Levo uns días tecendo os meus pensamentos nunha tea tan fráxil que ata unha fina orballeira a fai cambalear. Xa tomei posición e estudo a estratexia mentres espero que vire o vento, sacuda a nugalla húmida e empecen a enredarseme as despistadas moscas e os farturentos abellós. Vide a min e alimentádeme!

terça-feira, janeiro 02, 2007

Finais e principios


Defender sempre e en todo lugar aos do teu propio clan, que en definitiva han ser os que che vaian ao enterro.

domingo, dezembro 24, 2006

Disposicións navideñas



Que mellor día que o de noiteboa en que se reúne a familia para compartir un tempiño de vagar nese programa de limpeza xeral que se vai pospoñendo por unhas cousas ou outras?
Pois veña! Mesmo é divertido limpar portas e ventás en animada conversación. Ata o meu pai, imbuído de espírito colaboracionista, se animou coa fregona e o trapiño. Chegoume á alma.
A limpeza en familia une moitísimo, xúrovolo.

segunda-feira, dezembro 18, 2006

Homenaxe ao tío Pepin

Se quitó la gorra marinera, la gloriosa gorra del tío Pepin, y como si esa gorra simbolizara los tiempos antiguos, los tiempos de oro, tanto los del tío como los de mi padre, se la ofreció al viento, lanzándola al aire, hacia el sol, y la gorra se quedó un rato volando encima del río para, luego, posarse en el agua. La corriente se la llevó mientras mi padre la acompañaba con la vista, contempló como el río Elba se llevaba la gorra del tío Pepin, y la gorra no se hundió, y mi padre tenía la sensación de que no se hundiría nunca, y aunque eso ocurriera, la gorra seguiría resplandeciendo en su mente como un recuerdo maravilloso.

Bohumil Hrabal, La pequeña ciudad donde el tiempo se detuvo.






(collage e texto roubados e pegados sen elegancia ningunha)

quinta-feira, dezembro 14, 2006

Laberintos



Dixéronme que cando un se perde nos propios laberintos é doado chegar ao mesmísimo inferno.

segunda-feira, dezembro 11, 2006

Amigos ata no inferno


Deus é bon....o demo non é malo. Todos coñecemos o prudente, por non dicir cínico, dito popular, o por se acaso do que en calquera momento pode virar a chaqueta para salvar o pelello ou o que sexa. Eu entendín a súa verdadeira dimensión esta fin de semana.
Estaba eu cunha xente católica, apostólica e romana e, por se é necesario dicilo, absolutamente conservadora, aínda que tamén supersticiosa, de maneira que dentro da súa lóxica cabería facer ritos máxicos para, por exemplo que che quiten o mal de ollo ou, por que non?, unha verruga. Se Deus non funciona, malo será que o demo...
Ai, ai! eu atea como son e mira que mo dicía a miña avoa: hai que ter amighos ata no inferno!!!
Peor para min.

quinta-feira, novembro 30, 2006

Retranca galega vs Sangre española


Ninguén nos anos 70 podería pensar que estes armatostes de ferro en forma de touro que inzaban a paisaxe de todo o estado para anunciar, xunto co coñecido e machista eslogan Es cosa de hombres, unha marca de coñac made in Spain, acabarían convertíndose nun dos máis recorridos símbolos identitarios do españolismo. Nos anos 70 todo o lote, o touro armatóstico e o eslogan, eran o máximo expoñente da España rancia do baixofranquismo e, polo tanto, execrables. Mais aí os tedes, con xuventude e actualidade renovadas, despois de torear, nunca mellor dito, a lei que obrigaba a retirar da rede viaria todos aqueles reclamos publicitarios que distraesen aos automobilistas. A patria é a patria, e cómpre reforzala por todos os medios, aínda que se espeten os despistados.
Algúns espantallos taurinos, porén, sucumbiron. Un dos primeiros en ser retirado foi o que había nas marismas de Miño, ben visible desde a N-VI, indo de Ferrol á Coruña, o mesmo que inspirara un memorable comentario á miña bisavoa cando o descubriu recortándose a contraluz no horizonte: Arre boi, tenche boa petaca!!





terça-feira, novembro 28, 2006

O tarro das esencias


Leo en Vieiros estupefacta unhas declaracións de Núñez Feijoo en Arxentina (ou era Uruguay?) escandalizándose de que o goberno conceda a nacionalidade española aos inmigrantes norteafricanos (evitou referirse aos negros dos caiucos, que fino!) e do leste de Europa que, cito textualmente, no tienen ni una gota de sangre española, mentres que racanea a concesión da preciada nacionalidade aos fillos e netos de españois emigrantes (polos votos baila o can).
Como será o sangue español? Que características terá que non teña o sangue norteafricano ou do leste de Europa? O meu sangue será español? E o dos etarras? Cantas xeracións fan falta para ser cristiano viejo con todas as da lei? Alguén analizou o ADN do brazo incorrupto de Sta. Teresa de Jesús? (non vaia ser xudía...) E eu de quen virei sendo?
E por fin: haberá cousa máis rancia cá dereita española?

segunda-feira, novembro 27, 2006

Paisaxes despois da batalla

Unha noite en Babilonia, unha noite non é nada, unha semaniña enteira -ai!!- esa si que vos é muiñada.

segunda-feira, novembro 20, 2006

Babilonia

O que me encanta de Babilonia é que ninguén se escandaliza por nada. Só non está moi ben visto mexar na praza pública. Ahhh Babilonia, que deliciosa loucura!

sábado, novembro 18, 2006

Os símbolos e as súas diversas utilidades



Contáronme que o famoso casco de Leiro foi atopado casualmente por un labrego mentres lle fincaba ao arado detrás das vacas. A terra oculta a veces cousas extraordinarias, xa se sabe, mesmo hai quen anda por aí de paseo cun detector de metais, mais só as entrega cando quere. Neste caso, o elixido para tan singular achado debeu ser coidadosamente seleccionado, porque cumpriu co desexo da terra de que o casco volvera a ver a luz con todo o seu esplendor e entregoullo á autoridade máis próxima, neste caso a garda civil.
O casco aínda durmiu uns días discretamente agachado debaixo dunha cama, agardando que os expertos se achegaran a examinalo e a depositalo nun museo. Pero na casa seique vivía un neno e, cando ninguén o vía, entraba na habitación, arrastrábase debaixo da cama e collía o casco para xogar. Desta maneira, e con moito segredo, o casco volveu brillar na cabeza do neno e convertíao nun gran xefe celta, amado e temido ao tempo. Debíalle quedar ben porque o casco, se vos fixades, é bastante pequeno, como feito para a cabeza dun principiño.

quinta-feira, novembro 09, 2006

Teoría do poder


Las canicas, Joe R. Villareal, S. Antonio, Texas


Dixo Moscoso, o corrupto empresario da serie Pepe o inglés, que cada un ten o poder que os outros lle queren dar. Éche ben certo e, por agora, non teño máis que engadir a esta xenial máxima de teleserie.

terça-feira, novembro 07, 2006

Atopando a posición (no campo)


O primeiro golpe, que non esperaba, tumboume. Conseguín chegar ao meu recuncho arrastrándome e varrendo para a casa as pezas do puzzle que me artella. Era preciso, no penoso traslado, non perder nada fundamental. E cheguei e deixeime masaxear polo meu adestrador ao mesmo tempo que memorizaba un par de consignas. Era fácil, cuestión de atopar a posición adecuada cos pés firmemente asentados no chan. Inamobíbel. Nin un paso atrás. A partir de agora, se alguén as ten que levar, vounas repartir eu.

segunda-feira, novembro 06, 2006

Inhibición


Hoxe teño un día deses de meterme na cuncha e deixar que pase o mundo sen que me incordie.
Quero pensar que a hostilidade que me magoa vai esvarando polas rugosidades calcáreas que se me foron pegando vida adiante, sen ser quen de atopar unha soa fenda pola que acceder ao meu interior nacarado, ao suave e iridiscente leito onde me acollo.
Eu non son máis ca unha carniña fráxil que ás veces se asoma entre a regaña sorrinte das dúas valvas e vexo moi mala hostia por aí fóra. Vou pechar a cuncha, flup!