Número total de visualizações de páginas

sábado, novembro 18, 2006

Os símbolos e as súas diversas utilidades



Contáronme que o famoso casco de Leiro foi atopado casualmente por un labrego mentres lle fincaba ao arado detrás das vacas. A terra oculta a veces cousas extraordinarias, xa se sabe, mesmo hai quen anda por aí de paseo cun detector de metais, mais só as entrega cando quere. Neste caso, o elixido para tan singular achado debeu ser coidadosamente seleccionado, porque cumpriu co desexo da terra de que o casco volvera a ver a luz con todo o seu esplendor e entregoullo á autoridade máis próxima, neste caso a garda civil.
O casco aínda durmiu uns días discretamente agachado debaixo dunha cama, agardando que os expertos se achegaran a examinalo e a depositalo nun museo. Pero na casa seique vivía un neno e, cando ninguén o vía, entraba na habitación, arrastrábase debaixo da cama e collía o casco para xogar. Desta maneira, e con moito segredo, o casco volveu brillar na cabeza do neno e convertíao nun gran xefe celta, amado e temido ao tempo. Debíalle quedar ben porque o casco, se vos fixades, é bastante pequeno, como feito para a cabeza dun principiño.

Sem comentários: