Número total de visualizações de páginas

segunda-feira, abril 02, 2012

Lume, eucaliptos e roldas de prensa

Foto SW

Estes días estou a recibir chamadas de amig@s preocupados por se me ardeu –por fin– o rabo ou non. Non me ardeu, querid@s, pero andoulle ao rente. Onte mesmo espertei pensando que xa tiña o lume detrás da porta, porque na miña habitación había, realmente, fume do incendio das Fragas. Ardeu A Capela, pasou a Monfero, chegou a Vilarmaior... aquí non chegou de pura casualidade, pois as tan cacarexadas Fragas do Eume están afogadas por un continuum de eucaliptos que se convertirán nunha marea de lume en calquera momento grazas ao Nordés que vai lixeiro enfiando canón do Eume abaixo. Grazas aos eucaliptos e... á falta dun plan antiincendios.
Apuntemos: exceso e permisividade total cos eucaliptos dentro e arredor da Fraga. Ausencia dun protocolo de incendios para protexer áreas moi sensíbeis.

Por outra parte, como non teño intención de vos enganar, vou negar, categoricamente, que isto sexa o paraíso, ou a anteporta do paraíso, como se ten dito. As explotacións gandeiras pasaron a mellor vida hai tempo, ou perviven como pasatempo nostálxico duns poucos, cada vez menos. A Galicia rural morre, amigos, e os únicos que quedan a apagar o lume son os maiores de oitenta anos. Nos últimos 30 anos a rica variedade do territorio agrario converteuse nun monocultivo de especies de forestais de crecemento rápido que inzan antigos labradíos, prados e as cortiñas darredor das casas. Os madeireiros funcionan como auténticos cuatreros e sacan proveito do desleixo e a ignorancia dos donos dos montes: desfán valados, arrasan cos marcos, levan a madeira que non compraron, machacan as árbores que non lles interesan e deixan todo feito unha ruína irrecoñecíbel por onde pasan. Que alguén me explique, por favor, a que se dedican os gardabosques. Aquí preséntasenos un gran problema e non coñezo a ninguén, de ningún partido político, que estea disposto a pensar seriamente nel.
Apuntemos: Abandono do medio rural, voracidade do sector madeireiro e pasotismo dos responsábeis de regular os montes.

E logo os políticos, ai os políticos! Catro frases feitas: xoia da coroa, perseguiremos ata a extenuación, patrimonio da humanidade, especies únicas e tal que sei eu. Nada. Estamos demasiado ocupados para gobernar, ide tirando como poidades.
Apuntemos: políticos ramplós, ignorantes e ineficaces.

E con este panorama, como non vai arder?

PS: Hai catro anos a miña nai limpou un monte para repoboar con especies autóctonas. Tivo que facer papeleo en dúas consellerías e nun ministerio: permisos, certificados, facturas e pagar totalmente do seu peto tan insólito e xeneroso xesto. Non vexo moitas repoboacións con árbores autóctonas nin no perímetro das Fragas nin nas súas inmediacións. Señores, á miña nai teñen que darlle unha medalla ou polo menos facilitarlle os trámites, por ter limpos os seus montes e con árbores decentes.

domingo, março 25, 2012

Exploradores neolíticos

Foto SW

Nos montes galegos hai vellas sendas, pedras que falan, ósos limpos de animais devorados, vexetación endémica que teima en sobrevivir, pastores neolíticos, muíños de vento e paseantes coma min e coma ti.

Hoxe apañamos unha rama de abeto e unha pina, ningunha pedra, a queixada dun cabalo e unha breve conversa con gandeiros. Lobos? Hai, algún hai. Hainos sen énfase. Hainos, pero o cabalo ese morrería coa fame porque non dan comido a herba moi pequena. Este ano é moi seco. As vacas remoen o silo que lles acaban de botar sen se decatar do futuro negro. Podemos levar a queixada do cabalo sen problema, e aquí soltan os catro da parola unha risada ao unísono, unha con todos os dentes, de corazón, mirándonos divertidos. Pode quedarnos ben vernizada –limpa xa ben limpa está– e unha imaxina o salón dun toreiro nunha reportaxe de revista do corazón.

Hoxe non topamos petróglifos nos penedos, pero o monte fálounos con total franqueza, con signos humildes, flores mínimas medrando entre os pinchos nas turbeiras, trazas de animais e restos dos ferreganchos dos pastores. Coma sempre.

quinta-feira, março 22, 2012

No fondo do baúl

Na última "limpeza" na casa dos meus pais topámonos cun baúl acugulado de libros, apuntes, revistas... e todo canto foi preservado doutros ritos de purificación e limpeza familiar. O baúl das navegacións do meu bisavó que viñera tamén comigo a Santiago gardando catro libros esenciais e un mundo de espazo para encher con cousas novas. A miña nai instoume a que seleccionase as miñas cousas naquel tesouro e fun con mentalidade práctica. Que atoparia alí despois de tantos anos?

O meu marido rescatou con pasmosa facilidade uns negativos do ano 65 que nunca foran revelados; foi o primeiro achado de importancia. A cousa prometía. Arremangueime e empecei a remexer na barriga disposta a tomar decisións rápidas.

Non me tentaron as cartas de amor resesas e convertinas en confetti. Rinme un pouco coas libretas da miña adolescencia, pero a cantidade de po acumulada non axudaba a amolecerme o corazón. Dubidei máis nunha tradución a catro mans –tamén as túas, querida Hipólita– de Pic-nic en campagne de Arrabal ao galego, o gran proxecto do último ano de instituto, ao final onde a metín? Fun despiadada cos libros de texto e algúns libracos que non deixaron nin a máis mínima marca en min. Aló foi, tamén un meritorio comentario sobre Así falou Zaratrusta, sic transit gloria mundi. En total enchín un saco baleiro dos do penso das galiñas case sen pestanexar.

A xoia do tesouro agochábase nun prego do forro: unha foto ovalada da miña avoa, pequeniña, do tamaño xusto para que o teu mozo que está na guerra a leve no peito. Ninguén lembraba tela visto antes. Volvía ela, de vinte e tantos anos, para regalarnos un fermoso sorriso. Aquí si que me venceu a saudade.

quinta-feira, março 15, 2012

Pé


Unha non se decata da complexa maquinaria que é o corpo ata que unha peza deixa de funcionar a pleno rendemento. A min onte deixoume de funcionar un pé: nada máis pousalo no chan vólvese levantar despavorido. Non quere sosterme e moito menos levarme dun sitio a outro. Mesmo se pon remilgado para pisar o embrague do coche. Folga do sector. Non queda outra que recoñecerlle a gran importancia estratéxica, simbólica, práctica e estética ao meu querido peíño. Buscando unha imaxe para ilustrar o post en google atopei unha interesante iconografía do pé desde todos os puntos de vista imaxinábeis. Decidinme por O baño de Betsabé, de Rembrand, en espera de que mañá a médica de cabeceira cure as miñas miserias e se me permita volver a arrear chancleta polo mundo adiante.

sexta-feira, fevereiro 10, 2012

Danton, Garzón, et moi


Todos tres temos en común que perdemos a voz defendendo causas incomprendidas, minoritarias, pero historicamente imprescindíbeis:

Danton, la democracie... la liberté, l´égalité, la fraternité!
Garzón, a memoria, as pantasmas que percorren a terra!
Moi, a poesía e demais cousas inútiles no mundo do vil metal

Cal será o meu castigo?

domingo, fevereiro 05, 2012

Performances


Volveu pasar. Cal era o discurso que finalmente perdeu no 38º Congreso do PSOE? Era máis ou menos laicista, máis feminista, máis antiliberal, máis federal, quizais? Importa? Cando se fala de Carme Chacón parece que o discurso queda nun segundo termo, agochado tras o corpo. A candidatura de Chacón era, segundo os seus poderosos adversarios, pura mercadotecnia política coa imaxe como principal argumento para chegar mensaxes ás masas. E a imaxe todo o mundo sabe que é corpo, máis roupas e accesorios, a imaxe é salón de peiteado e maquillaxe, a imaxe son sinais lumínicas que capta o obxectivo dunha cámara para enviarnos unha mensaxe. E a mensaxe é clara na foto que elixín, unha de tantas imaxes elocuentes de Carme Chacón: unha auténtica icona da feminidade do novo milenio.

Pero outra vez volveu pasar, e a voz, o máis intanxíbel dos elementos corporais... cristal fráxil, corrente impetuosa e ingobernábel, a voz, sepultou o discurso e deixou o corpo tendido na praia dos afogados. Eu tamén me setín humillada.

Estannos enganando, estámonos enganando: non eran estas as cartas que había que xogar. Tiremos ao caldeiro do lixo os rulos e os zapatos de tacón! Cambiemos a cita co estilista por outra cun logopeda! Busquemos unhas boas clases de retórica e en vez das sesións de ximnasio! Fagámonos coa palabra dunha vez. O demais son camiños cegos que levan sempre ao mesmo sitio.

sexta-feira, fevereiro 03, 2012

Milagres fremosos


Milagres fremosos fez por Camps Santa María e marabillosos

Pantalón-pantalóns no bloque occidental, traxes, americanas, o tiro do pantalón sei que lle tira, di "méteseme alí": amañalo! Brazaletes, foulards, genuine leather para o líder e a súa muller. A alcaldesa tamén é de Deus. Macarena, santísima guapa, a túa misericordia non ten cancelas, dálle unhas ideíñas aí ao xefe, que ti tes bo trato con el, man de santa, bendita sexa unha subvención que sae, que sae dos presupostos e o pobo é quen máis ordena.

Pantalón-pantalós no centro-dereita, trebillas douradas, reloxios d´ouro, shopping de luxe. Teño que ir ao ximnasio, á volta de camiño xa paso para a f. da p. da Perla. Colexios de pago, educación de élite para os cachorros. Finesse, upper class, Ferraris, non todo o mundo os dá conducido con estilo, eu non sei nin levar sombreiro. Gafas de sol, un sol de carallo!, papas con leite tamén che darei, papa, papada, papafostiada.

Pantalón-pantalois no oriente e nas terras estremeiras. Xamois, bemois, farois, caracois, loilois, caviar do cáucaso, ova carísima, delicatessen, connaisseur, connaître, petit maître, petimetre, pitiminí, conacho. O señor fixo en min marabillas.


Milagres fremosos fez por Camps Santa María e marabillosos

segunda-feira, janeiro 23, 2012

Lista de cousas inútiles


–Pedir cartos prestados para facer unha película surrealista que non van ver nin os teus amigos
–Escribir un libro que non lle poidas regalar nin á túa nai
–Traballar sen ter asegurado un salario
–Traballar de máis aínda tendo asegurado un salario
–Ler un poema
–Ver unha posta de sol sen sacar fotos
–Contar estrelas
–Contar as areíñas do chan
–Clamar no deserto
–Escribir entradas para o teu blog

sábado, dezembro 31, 2011

Non vos vaiades, que aínda hai máis

Foto SW

 Agora subimos os impostos un pouquiño, conxelamos de aquí, quitamos de alá. Ídevos despedindo disto e do outro. Siiiii, podedes patalear e xurar en arameo, iso sempre. Total, para o caso que vos imos facer!

Sorayaaaa, queda algunha empresa pública que vender? Ah, claro os hospitais, case me esquece, pois veña, mans á obra. Pero o importante é que vaiades entendendo que isto é o principio, non do principio, non, ca!; o principio do final.

Perdón... comooo? Si, as bodegas tamén hai que poñelas á venta, non sei xa para que preguntades.

quinta-feira, dezembro 29, 2011

Unha cova no profundo bosco



Iseo
Tristán?
A selva: ti non mereces isto. Esmorece a túa luz na profundidade do bosco. As asperezas montesías esgadañan a túa pel.
Xa case non sinto a música na miña cabeza; sempre teño fame.
Pensei que si, pero non podemos escapar, foi un erro desafiar a Lei.
Onte berraches moito comigo.
É preferíbel a morte a esta vida selvaxe.
Vasme matar?
Non, voute volver á vida, á corte, ao meu tío.
Á música, Tristán.
Dentro de pouco as cicatrices desaparecerán, como desaparecen os rastros dos avións no ceo.
Avións. Cando vas cazar conto os avións e non me sinto perdida no tempo.
Vístete, Iseo. Pediremos perdón e a vida volverá ter un xeito.
No verxel do pazo nunca fora consciente de cantos pasan; a música tocaba a todas horas e non sentía os avións.

L´amour fou


O amor fai a quen o padece tolo, mentirán, temerario. O amor é unha paixón violenta que nos altera a personalidade e nos volve cegos e ruíns. Vede a Tristán e Isolda como manipulan a quen os rodea para que non vexan o que é evidente, como sacrifican a quen lles é fiel e lles demostra unha e outra vez o seu amor con tal de procurarse a si mesmos o gozo supremo. Brangen, Iseo das Brancas Mans, o propio rei Marco, de quen teñen a ousadía de rirse perante a corte enteira, non son máis que pezas que os amantes van movendo segundo os seus intereses.

E nós somos os espectadores marabillados que participamos da súa embriaguez cando lemos a fascinante historia dos seus amores. Arrastrados pola súa forza non temos máis remedio que aplaudir as argucias de Iseo cando obriga á virxe Brangén a ocupar o seu posto no leito do seu esposo, ou cando xura que non abriu as pernas para ningún máis ca para o rei Marco e para o leproso –Tristán disfrazado– que a transportou dacabalo para sortear a lameira da Branca Landa. Non nos queda outra que deleitarnos coa cara dura de Tristán cando volve á corte do seu tío facéndose pasar por tolo e lle pide á raíña –Ei, rei Marco, déixame a Iseo, que ti xa a gozache bastante!– ou cando finxe unha terríbel ferida para non consumar o seu matrimonio coa rula tenra que é Iseo das Brancas Mans agardando na cámara polo esposo.

Como é posíbel que aceptemos como traidores e mentirosos aos cortesáns que advirten ao rei da burla ao que é sometido? Como que aceptemos que os amantes non teñen responsabilidade ningunha nas falsidades, mortes e enganos que van tecendo a canda os abrazos, bicos e doces coloquios, mesmo despois de que admitan que o efecto do filtro amoroso cesara? Quen é o que está cego?

Pois é posíbel porque a súa audacia, beleza, e impulso vital merecen a nosa admiración. Que viva o amor, aínda que estea tolo!

sábado, novembro 12, 2011

Rajoy non é bilingüe; é zarabeto


Leo en Público unha noticia moi elucidativa sobre o interese e dominio dos candidatos dos dous partidos mastodónticos coas linguas (co español e coas outras). Unha información que parece marxinal á hora de elixir un presidenciable, pero que, no fondo, vai moito máis alá e dinos quen é quen.

Rubalcaba aprendeu o español cando era un tenro mamote e, froito da súa excelente educación e da súa curiosidade natural, aprendeu tamén o francés e o inglés, que debulla sen problema nas catro competencias básicas. Se o electorado lle dá a oprtunidade, non dubido de que o seu "alemán de turista" se convertirá axiña en "alemán diplomático". A Rajoy non lle deu tempo a rachar o plastiquiño do Follow me: despois dunha educación rancia e de aprobar as famosas oposicións de Rexistrador da propiedade (e isto foi pouco despois de estrear os seus primeiros pantalóns longos) debeu quedar aqueloutrado para calquera outra aventura intelectual. Deste xeito, a partir dos 23 anos, Rajoy convertiuse nun señor español que coidaba que o único que necesitaba para defenderse magnificamente na vida era o español. A súa aburrida biografía demostra que non sentiu ningunha curiosidade polo que puidese haber fóra da cuadrícula na que tan prematuramente se encasillou. Ningunha, nin sequera pola lingua que bulía ao seu arredor –nas rúas, mercados, peiraos, nas corredoiras e bares– nos anos en que, sendo presidente da Deputación de Pontevedra, ía levar a boa nova do teléfono público e a luz eléutrica ás aldeas miserábeis. Nunca se lle escoitou unha frase en galego mentres exerceu cargos públicos en Galicia, o cal xa é difícil. Eu mesma escoiteille unha vez un par delas a Francisco Vázquez nunha entrevista, para demostrar que saber, sabía, pero que non o consideraba procedente a non ser cando falaba cos paisanos dos arredores do seu chalé. Rajoy nin iso, polo tanto, e mentres non se demostre o contrario, podemos deducir que non sabe falar galego.

Eu quero crer que non é por ningunha deficiencia innata, que seguramente sufriría un trauma de pequeno, que lle darían na boca cando se lle escapaba algunha palabra en galego aprendida da criada ou dos nenos maleducados da rúa, ou así. Iso era moi frecuente, todos o sabemos. O galego, en Galicia, en certos ambientes, soaba tan rotundo como unha blasfemia. Os traumas son difíciles de superar, crean unha barreira de formigón entre o Eu e o mundo. Por iso teño as miñas serias dúbidas de que, malia o profesor a domicilio e as clases thre times a week, poida algun día falar outra lingua que non sexa aquela na que se atrincherou.

sexta-feira, novembro 04, 2011

O sagrado



Cabaliño do demo, cabaliños do demo en plural, é un insecto que vive nos ríos e nas fontes, de corpo esvelto, cores brillantes e fermosas ás irisiadas.
Tamén se lles chama a eses mosquitos grandes que non pican.
Tamén?
Tamén, si.
Non o sabía.
Si, a miña nai non me deixa matalos.
Por que?
Non sei, cando lle pregunto sempre me contesta: "porque son cabaliños do demo", e eu, "pois se son do demo... mellor matalos, ou?", e entón ela respóndeme que precisamente por iso non se deben matar.

segunda-feira, outubro 24, 2011

Polo pan baila o can, señor Caneiro


Caneiro, o intelectual do novo réxime feijoniano, acudiu o domingo á rica paremioloxía castelá– "El refranero acostumbra a ser sabio"– como punto de partida dunha peza que debería quedar na historia do xornalismo como epítome do pseudoxénero da adulación: una cosa es predicar, y otra, dar trigo. Xa que morrer non morreu, logo o texto non cabe interpretalo como unha elexía, as evidentes hipérboles con que o autor sobrecarga o carro argumentativo das virtudes de Feijoo teñen outra finalidade que resumiremos acudindo á sabia paremioloxía galega: polo pan baila o can.

Segundo Caneiro, Feijoo I o austero puxo a luz e os taquígrafos no caos, adiantouse ao seu tempo, expulsou deste noso paraíso de boa gobernanza "las voces del derroche y el dispendio"; racionalizou o gasto farmacéutico (o do peche de servizos sanitarios ímolo obviar, pero tamén aforrou moito); pelexou "contra propios y ajenos, contra leyes improcedentes, cambios de palabra, giros y requiebros. Y gracias a todo ello, a día de hoy aún no hemos perdido el vocablo Galicia del banco donde los gallegos depositamos casi la mitad de nuestro ahorro", é dicir, case lle rompen as pernas para conseguir que Novacaixagalicia Bank teña este bonito e enxebre nome, que é o único que lle queda de galego (imos obviar, tamén, que a pobre xente que tiña algúns aforriños en inversións en Caixa Galicia perderon os cartos que inocentemente puxeron ao alcance deses abutres carroñeiros). Moi ben, mellor que sobre ca non que falte porque cando está seca a garganta, nin cría nin canta.

E aínda así, escandalízase Caneiro, aínda que non lle cabe na cabeza a ninguén que se puidese facer nada mellor nin máis ao caso..."no falta quien lo critique ominosamente". Verdadeiramente, nunca se viu outra, merecerían esas linguas vilipendiadioras unhas boas vareadas.

Enfín, debe ser moi estimulante para Feijoo ter quen lle levante o lacón (ou a paletilla) nos días duros de restos calcinados de todas e cada unha das promesas feitas no contrato e eu diría que, a quen tal empeño pon no labor, habería que premialo con algunha prebenda á súa altura, se cadra a mesma Consellería de Cultura. Estamos tan faltos de mentes tan preclaras e tan capaces de facer un discurso con algunha pretensión... de facer Historia!

Sentenza: como come a besta, dío a bosta, ou, en puritito castellano: como come el mulo, así caga el culo.

sábado, outubro 08, 2011

O home que desposou Galicia



Velaí o está, Alberto Núñez Feijóo, nun dos momentos máis solemnes da súa vida: ofrecendo un contrato matrimonial a Galicia: "Por ti achaiarei montes, cruzarei mares procelosos, aforrarei... E o teu creto arround the world non terá límites coa miña Visa ouro plus ultra, ouh miña amada lamacenta e prostrada! Miña señora, vítima dunha sangría de Audis inconmensurábel".

O pobo admirou a disposición do pretendente: boa percha, un rapaz formal. A nai dubidaba, as nais son sabias, como todo o mundo sabe:

 –Yo quería que se casara y me diera nietos... y va el y se le mete en la cabeza casarse con Galicia... y Galicia non me va a dar nietos, eso bien lo sé yo!

Feijóo erre que erre:

–Ouh, Galicia!

E Galicia aceptouno como esposo. Fíxose reconto dos votos e viuse que non ía haber lixo por iso, que por iso precisamente, puntualizou el, mesmo podía facer o que lle saíse dos fuciños. Fíxose reconto do dote que achegaba a noiva e comprobouse que era menos do agardado, pois fixéranse moitas obras de caridade e botárase a casa pola ventá por certos achegados dados ao luxo. Pero, ben mirado, aínda quedaba o mar e o vento, a terra e a auga dos ríos e fontes, bos solares edificábeis e... uns aforriños.

A familia e a chusma en xeral estaba orgullosa. Era, non guapo, pero planchón, parecía listo e cheo de ambicións. A prensa da corte sinalábao coma un novo príncipe. Nisto empezou a dar discursos e aí perdeu moito misterio e moito encanto: era un marido pouco cultivado e tosco, aínda que moi cheo de razón.

Case tres anos despois Galicia non empreñou, pero o seu rico dote está nas últimas: aforrouse nas caridades, si, pero dilapidouse en regalos e mercedes ofrecidos gratis et amore a catro impresentábeis enchedoiros, así rebenten todos!

Velaí o tedes: Alberto Núñez Feijóo, o home que despoxou Galicia.


Dúbidas razoadas

Foto SW

Desde que descubrín que a tecnoloxía blogger me permitía saber cantas persoas visitaban o blog, cales eran as entradas máis populares e de onde viñan os visitantes non deixei de ter momentos de acuciante dúbida metafísica: quen son eu? Como me proxecto por medio do blog? Como chegan, os que chegan, aquí e que raio veñen buscando de, poñamos por caso, Korea?

Grazas á observación das estatísticas decátome de que teño un grupo de visitantes moi fieis que comparten afinidades blogueiras comigo. Representan o fluxo máis constante das visitas e, seguramente, como fago eu, son persoas que dan unha volta cando poden polo seu roteiro de blogs preferidos. Logo están os que chegan de casualidade buscando información por calquera asunto tratado máis ou menos directamente nas entradas e que veñen vía Google. Estes últimos, ás veces volven e deixan un ronsel que vai facendo a arañeira máis grande.

Pero logo están estas visitas que proceden de páxinas dos asuntos máis estravagantes, desde páxinas frikis a alugueres de fincas en algún lugar dos EEUU ou páxinas de contactos con belas rapazas ucraínas. Que ten que ver a miña Nubosidade con isto? Nada? Por que os post máis visitados desta semana son un que se titula "Chica de calendario" e "Mulleres de beizos pintados" escritos hai case sete anos? Acabará este cruce de información arrastrándome á zona B da bloguería? Debería cortarme máis á hora de elixir os títulos e as fotos?

A forza da marea pública e anónima dá medo.



sábado, outubro 01, 2011

DQS


As impoñentes vacas frisonas dos meus avós tiñan nomes pretensiosos nos que, dalgún xeito, se deixaba claro tanto a categoría do animal seleccionado e garantizado pola granxa provincial como o orgullo de quen as posuía. Excelentes criadoras e leiteiras eran con respecto ás vacas autóctonas, tan boas labregas como pouco leiteiras e sen pai nin nai dignos de mención, unha sorte de aristocracia de ubres rebosantes como carteiras repletas de billetes de banco ou, mellor, tarxetas de crédito. As Duquesas brancas e negras do meu avó, varias xeracións, parían ben e daban ríos de leite, non chegaron a facer duque ao dono, pero grazas a elas a súa pequena explotación coñeceu anos de espléndido optimismo. Tiñan, iso si, con respecto ás suízas pardas ou ás do país un punto toleirón que nos desconcertaba a todos: rebrincaban cando as sacábamos a pacer, algunhas negábanse a lamber os puchos acabados de nacer e tanto a mirada desorbitada como os movementos da cabeza fungando e resoplando obrigaban a quitárlles de diante a cría antes que a matasen. Non, as Duquesas non eran coma as Pardas, nin as Gallardas ou Roxas, nas que te podías apoiar para que fincasen por ti costa arriba, as Duquesas esquifosas impoñían a súa caprichosa vontade para calquera cousa. O nome estaba ben posto, despois de todo.

Nestas cousas penso eu cando leo a invasión informativa acerca da outra Duquesa, a de Alba, auténtico icono da España aquela de touradas e peinetas, a vella España gandeira dos terratenientes e os mortos de fame. Xa vedes, eu pensando en vacas leiteiras coa testa abaixada e os cornos de repousa brazos para subir á casa, moi comodamente, desde os campós de Río Covo, eu pensando nunha corte de cinco vacas e tres, polo menos, duquesas.

terça-feira, setembro 13, 2011

O diálogo do cemiterio


O que vou contar pareceravos fóra de lugar e de tempo, como un produto alleo a vós, a nós, a todo o que nos parece o normal funcionamento das cousas. Será porque non nos paramos a pensar en como funcionan as cousas ata que nos vemos envoltos por elas e o seu insoportábel prosaísmo. Lede o que vén a continuación e xulgade.

O vello cemiterio da miña parroquia estaba cinguido por unha altísima muralla barriguda de pedra que corría o risco de esborrelar e deixar ao aire e en total confusión os restos que contiña. Fíxose unha campaña para recoller fondos e amañala e o cura mandou recado de que cada un recollese o que lle pertencía (ou ao que pertencía).

Da miña casa foron a miña avoa e a miña nai: estaba claro a quen lle ía tocar... un labor tipicamente muller. Armadas de sachos e sacos arrincaron para o cemiterio o sábado dunha mañá de outono. Había moitos anos que non se enterraba alí: unha pequena campa cunha roseira de pitiminí na cabeceira que unha vez ao ano, por tódolos santos, se cubría de xabre branco da praia. A terra estaba branda e o traballo pronto deu froito.

Os ósos empezaron a clarear entre a terra removida e, de novo, voltos á escuridade dos sacos. Unha, dúas, tres... catro caliveras. Como? Catro, si. Pois debía de haber tres. A ver. Das catro a miña avoa colleu unha entre as mans, mirouna e dixo decidida:
–Ai, esta pequeniña é a do meu pai!
Eran idénticas, en tamaño e forma, a que falaba, co pelo recollido nun moño, e a que nada podía dicir.
–Pois logo, a do avó Antón, a da tía, a do teu pai e...
–Quen sabe?
–Será do teu irmán, o que mataron no 36.
–Non, el está na dos laghoeiros, que non nosa non se podía enterrar; había pouco que morrera o avó.
–Daquela?
–Apaña para o saco que o levamos todo.

As caliveras entrechocáronse alegremente ás costas da miña nai ao xuntar outra vez os seus destinos. Os mortos falan como poden.

sexta-feira, agosto 12, 2011

Too much gallego, querida Julia Otero

Alá polos anos setenta, cando meu pai tiña un carnet que aseguraba que se dedicaba ao espectáculo e a Deputación da Coruña lle pagaba unha nominiña en calidade de gaiteiro, alá, digo, cando Franco veraneaba en Meirás e o Ballet Gallego Rey de Viana saía na TVE en programas de varietés, preguntáronlle a un dos compañeiros do grupo, escollido como arquetipo de gaiteiro polo presentador, cal era o prato típico de Galicia que recomendaría aos televidentes de toda España.
–Hombre, pues... el pollo asado con patatas–dixo sen pestanexar.
O arco de gaiteiros mirouse entre si de esguello pero mantiveron perfectamente a compostura e os pompóns encarnados que coroaban as monteiras non se moveron do sitio.
–Pollo con patatas!!!!– berrou como sen dar creto a directora artística cando saían do plató– Pero hombre de Dios, como se le occurrió tal cosa? No pudo decir el lacón con grelos, el pulpo con cachelos, la emp... pollo con patatas!
–Si, señora, eu tamén pensei no lacón, pero pareceume moi bruto e non o dixen.

Corenta anos despois, algunhas concelleiras de cultura dalgunhas cidades galegas seguen engraxando os miolos co mesmo problema. Teremos amaño, querida Julia?



terça-feira, agosto 09, 2011

Lecer

Foto SW

Que o premio sexan longas tardes de verán de sol e vento nordés. Que se levante e refulíe nas follas do libro prendidas cos meus ollos. Que me leve aos páramos do Yorkshire e me faga visitar as tortuosas paixóns de personaxes de cerna dura e de néboa, condenados a repetir ciclos de amor e odio máis alá da vida ou da morte.