Número total de visualizações de página

segunda-feira, outubro 24, 2011

Polo pan baila o can, señor Caneiro


Caneiro, o intelectual do novo réxime feijoniano, acudiu o domingo á rica paremioloxía castelá– "El refranero acostumbra a ser sabio"– como punto de partida dunha peza que debería quedar na historia do xornalismo como epítome do pseudoxénero da adulación: una cosa es predicar, y otra, dar trigo. Xa que morrer non morreu, logo o texto non cabe interpretalo como unha elexía, as evidentes hipérboles con que o autor sobrecarga o carro argumentativo das virtudes de Feijoo teñen outra finalidade que resumiremos acudindo á sabia paremioloxía galega: polo pan baila o can.

Segundo Caneiro, Feijoo I o austero puxo a luz e os taquígrafos no caos, adiantouse ao seu tempo, expulsou deste noso paraíso de boa gobernanza "las voces del derroche y el dispendio"; racionalizou o gasto farmacéutico (o do peche de servizos sanitarios ímolo obviar, pero tamén aforrou moito); pelexou "contra propios y ajenos, contra leyes improcedentes, cambios de palabra, giros y requiebros. Y gracias a todo ello, a día de hoy aún no hemos perdido el vocablo Galicia del banco donde los gallegos depositamos casi la mitad de nuestro ahorro", é dicir, case lle rompen as pernas para conseguir que Novacaixagalicia Bank teña este bonito e enxebre nome, que é o único que lle queda de galego (imos obviar, tamén, que a pobre xente que tiña algúns aforriños en inversións en Caixa Galicia perderon os cartos que inocentemente puxeron ao alcance deses abutres carroñeiros). Moi ben, mellor que sobre ca non que falte porque cando está seca a garganta, nin cría nin canta.

E aínda así, escandalízase Caneiro, aínda que non lle cabe na cabeza a ninguén que se puidese facer nada mellor nin máis ao caso..."no falta quien lo critique ominosamente". Verdadeiramente, nunca se viu outra, merecerían esas linguas vilipendiadioras unhas boas vareadas.

Enfín, debe ser moi estimulante para Feijoo ter quen lle levante o lacón (ou a paletilla) nos días duros de restos calcinados de todas e cada unha das promesas feitas no contrato e eu diría que, a quen tal empeño pon no labor, habería que premialo con algunha prebenda á súa altura, se cadra a mesma Consellería de Cultura. Estamos tan faltos de mentes tan preclaras e tan capaces de facer un discurso con algunha pretensión... de facer Historia!

Sentenza: como come a besta, dío a bosta, ou, en puritito castellano: como come el mulo, así caga el culo.

3 comentários:

Balonga disse...

Pois si. Contan os contiñeiros (contistas de seu), que estando a parvear unha mañá no Rianjo Snack Bar, DANFeijoo e máis o seu ínclito Aconsellador Jesús Vázquez,un santo bebedor increpouno:
- Por qué recorta agora o galego, que ven xa do latín?
- E pra que serve o latín retrucou o Milmandas.
- Pois por exemplo, para que en Córdoba,os habitantes de Cabra se chamen egabrenses.
- Recoiro! Que cabrones!

Dilaida disse...

Acabo de ler o artigo é está claro que lle está a sacar brillo, ráscalle o lombo sen parar.
Eu para min que debe ter "fame". Quizais consiga un codelo ou quen sabe, se non se cansa e sigue rascando o mesmo lle dan o pan enteiro.

marga do val disse...

Que ben escribes!!! Que ben contas as cousas! Da gusto lelas!