Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, setembro 30, 2009

Tránsitos



Dentro é escuro e os sons chegan amortecidos. Móvome seguindo un ritmo profundo e imposible de ignorar, pum-pún, pum-pún, pum-pún. É un corazón, agora seino, un corazón que está fóra e está dentro. O ritmo acelérase e empúxame, aprétame. non, así non, quero coma antes teño medo por aí non vou non hai para agarrar por que medra o pum-pún, pún, pún, algo está pasando e apreta moito vanme papar esmagar primeiro logo papar en anaquiños eu quero estar enteira non en anaquiños non podo ir a contracorrente o fluxo arrástrame hai que pasar que pasar puún facer forza a favor do fluxo ou nin adiante nin atrás ou partida en anaquiños nunca máis enteira nunca máis o ritmo tranquilo amortecido abalando o fluído que me protexe vou saír por un buratiño estreito non quero estanme botando imperativamente. Non, dou a volta, pelexo por abrir os ollos e espertar, non por saír, por espertar porque estou durmida e teño febre.

3 comentários:

Lili disse...

ai, produciume moita angustia o teu relato. Agardo que esteñas mellor...

SurOeste disse...

Estou moi ben, non te preocupes: nacín hai 45 anos!

Mergullón disse...

Sinto moita tristeza esta noite, na miña cama, pero tranquilizome adoptando a encollida posicion que algunha vez adoptei nun ambiente moito máis calido. Apreto as sabanas contra min, convertidas en improvisada placenta.Pero a luz do sol entra por a fiestra e faime lembrar que teño que botarme fora, poñerme en pe, e enfrentarme ao mundo e aos meus fantasmas un dia mais.