Número total de visualizações de páginas

sábado, setembro 12, 2009

Tardiña


Á tardiña quedaran de verse nun dos baretos da praia: unhas cervexas para acompañar a posta de sol soaron a música celestial nos seus oídos.
Chegou ela primeiro e moveuse entre as mesas da terraza que daba ao areal buscando un sitio. Non había. Decidiu entón baixar á praia e dar un paseo para facer o tempo.

Aínda quedaban algúns nenos rematando as súas obras na area húmida; dentro dunhas horas a marea lamberíaas suavemente. Unha onda chegou inesperadamente xusto ao seu pé, ela deu un saltiño asustado e recuou un pouco. O nenos agora abandonaran o traballo e observaban atentamente o avance do mar cunha mistura de aprensión e de desexo impaciente.

Seguiu andando lentamente e de cando en cando miraba para atrás. Cando volvía buscou o móbil no bolso, pero non o atopou. Púxose nerviosa. E se chegara e ao non vela se fora? E se a estivera chamando ao móbil sen recibir resposta? Apurou o paso.
No bar non estaba. Agora había mesas libres, pero pensou que era mellor ir ao coche a buscar o móbil e ver se había mensaxes. Foi correndo. O corazón batíalle feramente no peito. No coche estaba o móbil, pero non había mensaxes. Chamou ao seu número pero non tivo contestación.

Volveu ao bar. Preguntou aos camareiros. Nin idea. Deulle unha volta enteira á praia. Xa era de noite, estaba suando e tiña ganas de chorar. Chorou pousando a cabeza contra a porta do coche, abría a porta cando sentiu o aviso dunha nova mensaxe. Tremíanlle as mans.

"Síntoo; non puiden ir"

Buscou o seu número, quedou mirándoo uns segundos e borrouno da axenda de contactos. Agora si que ía tomar esa cervexa.

4 comentários:

Anibal Léctor disse...

Esta inquietante historia ten moito, moito por detrás que non se conta. Cando se coñeceron? Que tipo de relación mantiñan? Eran simples noivos ou amantes ou é que había algo máis? Que pasou desde o momento que se coñeceron até que ela decidiu borralo da súa vida? Que foi, en definitiva, o que a levou a tomar unha decisión tan dorosa e inapelábel? Queda moito, moito por saber. A ver se en sucesivas entregas nos nos aclara, cando menos en parte, este enigma.

Fermin o chofer (atentos ós tiles) disse...

Neses casos o que ten que facer é asubiar, señora. E non faga caso ás dúbidas de Aníbal Léctor: botaríase a atravesar a corda frouxa que vai dende a literatura ata o cotilleo. Por exemplo cando dixera que a razón de borrar o número é que estaba segura de que o afortunado volvería chamar. Aí mataría a literatura, ¿non é? ¡Os malditos datos!

SurOeste disse...

Fanme preguntas que me sobrepasan, amigos lectores e choferes, será conta de ir, entre todos, atando cabos, ou se cadra que cada un ate os seus.
Desde logo a determinación da protagonista conta con toda a miña simpatía de rabuda... agora a cuestión inmediata que se me presenta é:
Borrou o número porque quería evitar que a chamara ou porque temía chamalo?
Eliminar un número da axenda do móbil, accidental ou voluntariamente coma neste caso, evita que poidas ser chamada desde ese número (xa non digamos desde outro)?
Hai algún mecanismo de bloqueo? Onde?
Parece evidente que para continuar con este relato vaime ser imprescindíbel estudar o manual de uso do meu móbil...

FraVernero disse...

Ah... a indeterminación.. Agora ten que facer voçé coma Camilo Franco co seu libro electrónico, no que o público lector aconsellaba saídas, fintas e estratexias... hehehe