Foto de Ricardo Orxeira (atopada casualmente na rede e collida sen permiso)
Grazas, Ricardo, non podería atopar nada mellor para ilustrar o post.
Xosé Ramón Barreiro o domingo espetou unha landra. Non lle farán falta moitos coidados porque o fixo en terra fértil, agora só ten que chover e quentar o sol no seu tempo e a landra xermolará e sairá á luz facendo unha graciosa vara que co tempo será un carballo de porte maxestuoso. Foi un xesto fermoso: chantarse firme fronte aos que levan meses afiando os machados para profanar o souto e espetarlles a esperanza dunha landra.
Barreiro dixo que o facía naquel souto sagrado de poetas rebeldes porque era o que lle correspondía a el, como varón asinalado do reino, e porque, como algúns apuntaron despois, xa na idade provecta, pouco pode temer.
Nos alí presentes seique houbo sorpresa e tamén estupor: foran presenciar un novo capítulo do idilio do goberno coa intelectualidade galega e soara unha inesperada labazada xusto ao comezo do baile. Deste xeito, uns aplaudiron a Barreiro postos en pé e outros mirábanse cos ollos moi abertos encolléndose na cadeira.
O presidente seductor, noqueado mais cun sorriso equívoco nos beizos, na súa resposta atívose ao guión inicial e falou de harmonía e de xuntos e anestesiados cara un futuro moi bonito.
Algúns dixeron que preferiu o ton conciliador á confrontación que lle serviran e que a vinganza se serve fría. Eu penso que sabe dicir moi pouca cousa sen guión escrito e que as pernas lle tremeron un pouquiño e poida que sentise ganas de ouriñar cando ordenaba os papeis na palestra.
5 comentários:
así que andiveches pola miña terra? Hai que avisar que un cafeciño se toma.
Por certo o de Barreiro e a RAG é no mellor dos casos, decepcionante.
Home Xis, para unha vez que alguén ben situado reacciona e di o que ten que dicir, hai que facerlle a "ola": ¡¡¡¡¡BArreiiiiiRO!!!!
Vale, concédocho. Pero é que me ten parecido tan lamentables algunhas actitudes que lle tenho manía... Pero si, máis vale tarde que nunca.
Cando Feijoo espertou, Barreiro aínda estaba alí.
Pero quen era o dinosaurio? Non serían os dous?
Enviar um comentário