Número total de visualizações de páginas

sábado, setembro 05, 2009

Antollo mariño


Quero un vestido con estas tonalidades: do amarelo ao verde escuro con frebas acastañadas. Ten que ser de corpo liso e cinguido subindo da cintura ao peito nunha textura brillante e mollada coma a desas algas que parecen longas correas que se esgallan de repente en moitas fitas e a cor, logo, coma a desas algas, debe ser oxidada.
Non, palabra de honor non, un amplo colo barco e abertura profunda ata as costas.
A partir do van xa a textura do tecido irá gañando lixeireza para darlle movemento ao cunxunto; unha gasa de seda moi fina sería ideal e a cor enriqueceríase en mil tonos superpostos verdes e dourados. Apunta para esa parte unha gasa de seda delgadiña que vaia aumentando volume e remate escumosa á altura do xeonllo.
Ti fíxate nas algas. Iso é: unha saia de algas é o que che estou pedindo.
Nada de lazadas, non, o que si quero, podendo ser, é que, ao eu pasar con el vestida, se sinta o frufrú das ondas ao retirarse.

5 comentários:

XDC disse...

Vaia, saíunos vostede deseñadora de moda.
Si algunha deseñadora de moda lee esto, contrátaa a vostede para que escriba o texto de presentación dos seus traxes nas pasarelas...

SurOeste disse...

TEño o buzón aberto a todo tipo de suxestións.

Eume Moda disse...

Eume Moda presenta a súa nova colección de outono-inverno. Os estudos de mercado indican que vai ser un éxito total. Normal, tendo tan boa deseñadora que escribe tan ben.

legnaresa disse...

O que vostede quere é unha variante textil da enxeñería artística da grande Maruja Mallo. Pode vostede optar pola imáxe solitaria sen cintos pero con correaxe ou ben optar polo modelo "apabullante- mini with a similar octopus in the hear" tamen chamado "bocaberta de pablito-neruda"
Santo Google ofrecelle a ocasión de visionalas imáxes baixo as palabras máxicas "maruja mallo" e/ou "maruja mallo algas". As cores que vostede indica coido que poden axustarse á perfección. Se chega a facelo non olvide enviar foto para copiala pois de pequena eu recortei moitas mariquitas e sempre tiven alma de costureira e componedora.

SurOeste disse...

Tomo nota das súas suxestións, amiga Legnaresa.