Número total de visualizações de páginas

sábado, setembro 19, 2009

Onde os amorodos salvaxes se chaman careixós


A protagonista-heroína do artigo de Manuel Rivas de onte ten en común comigo que de pequena pasaba grandes momentos apañando careixós e, polo tanto, tamén ten en común a mesma área dialectal. O dos amorodos salvaxes parece unha tradución literal do título en castelán da película de Bergman.

Non sei en sueco Smultronstället, mais en galego, o adxectivo "salvaxe" engadido a careixón ou amorote ou amorodo soa curioso; é coma se Mia Couto escribe que un dos seus personaxes se adentra no mato e atopa un leopardo salvaxe. Dentro de pouco o "salvaxe" será tan raro que o normal será ser leopardo de granxa e careixón de invernadoiro do mesmo xeito que o robalo de piscifactoría é o que un/unha pode agardar cando o pide nun restaurante. Se cadra por iso na lingua popular quedaron os termos autóctonos prerromanos para a variedade endémica do país e o termo latino para as variedades cultivadas, evitando as precisións adxectivas.

Haberá careixós en Castela? Nin idea, habería que preguntarlle a Delibes, o único dos escritores en castelán que pode ter ese tipo de competencia lingüística. Dígoo porque o de "salvaje" aplicado a bichos e plantas que nacen e medran á marxe dos intereses humanos pqaréceme a típica expresión de "urbanita" e se cadra no castelán popular rural perviviu algunha forma semellante ao noso "careixón" que ninguén se preocupou de recoller nun dicionario.

O único, pois, que nos pode librar da cursilería é ou andar o país e falar coa xente como o facía Delibes ou consultar o Atlas Lingüístico de Galicia de cando en cando, entre novela e novela. Se lingua é a ferramenta dos escritores, deben tela ben afiada, en orde e sen po.

3 comentários:

Aníbal Léctor disse...

Moi sabio e, ao tempo, rabudo post, señora SurOeste. Dá xenio xente coma vostede: oxalá houbese máis. Reciba os meus cumprimentos.

xdc disse...

Na miña aldea nunca nada era "salvaxe", senón "bravo"

SurOeste disse...

Porco bravo, cereixas bravas... irse ao bravo.