Número total de visualizações de página

terça-feira, outubro 06, 2009

Por riba de toda dúbida


Era eu unha nena que empezaba a deixar de selo cando fun a un recital de poesía dun profesor noso ao que adorabamos. Entre os versos que alí se leron hai dous dun poema que lle dedicaba á muller dos que non conseguín esquecerme:

Eres la realidad de mi quimera
la verdad más hermosa de mi vida
(...)

Supoño que o seguinte verso remataría en compañera, pero non podo aseguralo. O caso é que os versos quedáronme cantando na memoria e cando cheguei á casa pregunteille á miña nai que era aquilo de quimera. E velaí que descubro agora nestes humildes versos dun mestre que facía poesía despois das clases gran parte do misterio da diferencia sexual, e o que son "elas" e o que son "eles" neste xogo desigual.

Os ollos de King kong contemplan o fermoso obxecto, produto dun refinadísimo proceso cultural, con tenrura e desexo e ela déixase mirar compracida –que para algo se amañou tan coidadosamente e comeu e bebeu só o xusto– e devólvelle a mirada comprensiva. E neste xogo especular de miradas el atópase moi favorecido e reconfortado e as súas mans temíbeis deixan de apretar.

Felices? Ela segue estando á mercede do capricho del, segue sen ser a dona do seu corpo e o seu destino, o seu desexo é secundario, e non se lle recoñecerán doadamente as súas capacidades para pensar nin para crear cultura; tanto se apreta un pouco como se afrouxa de máis morrerá. Decatarase?

3 comentários:

Anónimo disse...

Vaia, vaia cos gorilas... e se ela foxe? Todos temos a sospeita de que se a puxese no chan ela fuxiría a escape, non si?, pero tamén sabemos que o gorila non o vai facer así coma así. Tal vez se tivese garantías probadas da súa docilidade... E de todos xeitos, se lle dera por probar, tamén sabemos todos que en canto ela bote a correr vai ser atrapada de novo sen remedio e nun plis-plas, ou aplastada. Hai que recoñecer que nesta situación ela debe refinar moito a súa estratexia: primeiro mostrarse garimosa e dócil para gañar a confianza do monstro, logo demostrar que aínda que a deixen no chan non ten ningunha intención de fuxir durante unhas cantas veces, e valorar friamente cando a cousa está madura, cando o gorila se confía, toma distancia, etc. para que a decisión de botar a correr poida ter algunha garantía de éxito.
Que cousas... E pensar con qué alegría nos atrevemos a xulgar a certas señoras de certas épocas... ou certas situacións de hoxe.

Moi propia esta alegoría, ou símil, ou o que sexa. Xenial!

FraVernero disse...

Estaba o orangutan... estaba coa súa orangutanga...

SurOeste disse...

A vítima ha de ser extremadamente inxeniosa para sobrevivir nestas circunstancias e conservar a súa dignidade, consciente sempre de que as armas do débil son tamén armas débiles, onte, hoxe e mañá.