Número total de visualizações de páginas

quinta-feira, maio 14, 2009

Búscase verdugo; soldo alto, coche oficial


Os animadores da guerra lingüística andan á desesperada buscando un tecnócrata competente e considerado que llela aplique. Moita xente dando voltas en zapatillas agardando unha chamada. Moita xente coa orella atenta captando cada mínimo rumor, máis ou menos fundado. Estamos na cacería de La escopeta nacional, onde todos van ao que van, e polo medio unhas perdices.
E esta incertidume vólvenos tolos de pracer: a quen lle deron o toque?, que lles respondeu?, houbo negociación?, e, sobre todo, hai algo que negociar? A diplomacia feijoniana está, a toda máquina, buscando un golpe de efecto para desmobilizar as masas convocadas para a manifestación do domingo.
E a cousa non está fácil: o coherente sería que nomearan a Gloria Lago, ou calquera desas mentes tan lúcidas que ten detrás, ideólogos das FAES que non teñen nin idea de que cousa será iso da planificación lingüística, porque non foron capaces de pasar do caso particular de “mi niño, el pobre, no entiende las matemáticas en gallego”, ao xeral. Pero claro, iso sería a rechifla universal, polo tanto buscan alguén que polo menos saiba o que di e a que xoga, un pelele que lles salve a cara e que lles faga a política.
Ou xa están dando marcha atrás antes de dar o primeiro paso. Era todo unha coña? O Conselleiro de Educación terá que comer e calar en asunto de lingua? Corina Porro vaise dar de baixa no partido?
Ai, Berlanga, que grande es, sen saír da túa filmografía xa temos outro título para este argumento: El verdugo.

12 comentários:

SurOeste disse...

Bueno, xa é oficial. Congratulations, e non vos manquedes. Manteño todo o que acabo de escribir.

Unknown disse...

Creo que estás equivocada. Anxo Lorenzo é un profesional, un académico e hábil. O que vai facer é tentar que non se apliquen os desvaríos electorais dos neopepes. Vai ser un muro de contención que, se cadra, acaba derrubado. Para min é unha garantía e deséxolle todo o mellor.
Someto esta miña opinión á consideración doutra máis sabia, se a houber (se cadra, si).

xmpb disse...

Como me gusta este país!Anxo Lorenzo vai mudar todo dende dentro, como Rosa Aguilar, como Diego López Garrido, etc

Na política as manifestacións públicas tamén son tomas de postura, estamos nunha democracia, todos podemos facer o que queiramos e todo é respectábel, se se quere apoiar o proxecto político de núñez feijoo, perfecto, pero non lle chamemos doutro xeito.

Se é líquido branco que sae dos tetos dunha vaca e a xente tómao con café, que non se nos diga que é auga cando é leite.

Que terá o coche oficial...

xmpb

Unknown disse...

Quen dixo que A. Lorenzo ía mudar todo dende dentro? Ninguén. Fará o que poida.
Apoia o proxecto político de Núñez? Con condicións. Non se meteu na bouza sen saber antes das saídas. Supoño que o Núñez sabe que non contratou un militante do seu partido.
O leite ten auga, de feito é o seu principal compoñente (90%), pero non deixa de ser leite.
A min non me gusta especialmente este país chamado Galicia. Non me importaría ser, non sei, canadense?, noruegués?, neocelandés? pero, xa que estamos aquí, a turrar por el, como se poida, onde se poida.
Os coches oficiais teñen, disque, tapicería de coiro, teléfono integrado, chófer, navegador, cinceiro. Depende dos modelos, claro. A min gústanme os Audis, non sei, son máis presenteiros. Nisto recoñezo que hai gustos e gustos. Non debemos ser radicais neste tema.

SurOeste disse...

Ben, vaia por diante que eu escribín o post antes de coñecer quen sería o secretario xeral de política lingüística, pero tamén é certo que sigo considerando pertinente o que escribín despois de sabelo.

Con isto quero dicir que non teño animadversión polo que desde hoxe é responsábel da política lingüística do goberno de Feijoo, que será, supoño, Anxo Lorenzo, pero que se cadra en última instancia é o conselleiro de educación. Axiña se aclarará cales son as competencias de cada un e axiña qué significa iso de "liberdade lingüística" e cordialidade lingüística" e se imos poder votar sobre a toponimia os das aldeas ou só o van poder os das cidades pijas, etc. etc. É dicir, quen vai deseñar e facer efectiva a política lingüística deste país chamado... Galicia? e quen vai ter que outorgar e estar calado coma un peto, e mesmo dimitir e irse do partido (ou meterse nel).
Efectivamente elixiron a alguén que sabe do que fala e a que xoga. Parabéns. Sempre é bo que haxa vida intelixente ao outro lado.

Anónimo disse...

Vouvos ser sinceiro, a min a marca que me gusta é volvo, pero os audi non están mal. Ao leite, efectivamente botáselle auga, así que facédesme pensar, nen todo é negro nen todo é branco.

E no fondo non somos coherentes, alguén pode pensar que un profesor de castelán pode encabezar a a fpg? En frío, non, pero a ver quen lle di ao Ferrín recén xubilado que non...

Se somos algo fodidos con nós mesmos, temos que recoñecer que política lingüística co psoe e con Marisol López, non é que fose o paraíso. Daquela, calquera cousa pode ser mellor ata un converso, reconvertido, ou un descrido convencido...

Suxiro a seguinte expresión para que faga fortuna: "Bilingüismo asimétrico" (é miña, ou sexa, eu teño o copyright, dende agora)Xa a dotaremos de contido.

xmpb

homburg disse...

Eu non sei nada de Anxo Lorenzo, polo menos nada especialmente significativo, pero todo o que vai aparecendo en prensa e nos blogs sobre el parece que o definen como un tipo que ten claras as cousas respecto á nosa situación sociolingüística. Supoño que eso en principio é bo, pero como mínimo plantéxame certa suspicacia o feito de que alguén así acepte o cargo que se lle ofrece dende un sector político que a priori parte de premisas e proclamas ben afastadas. Xa se verá como acontecen as cousas. Por outro lado, leo hoxe no blog de L. Blanco en LVG unha exposición sobre a cuestión da lingua, sobre GB, sobre Anxo Lorenzo, etc., que me deixa tamén descolocado. Creo que xa non me estrañará nada se para o domingo me atopo na Alameda con Feijoo capitaneando a mani en contra da anunciada política lingüística do PP.
Mon Dieu, e o meu merlo picando nas primeiras cereixas!

SurOeste disse...

Para este blog a polémica é auga de maio.

SurOeste disse...

O que me amola é que pola noite cando se me ocorreu o post e pola mañá cando o escribín pensaba que iso do "verdugo" era moi orixinal.
Non somos ninguén!

Anónimo disse...

Concordo con Xosé María, o que pasa é que lle vai ser moi difícil meterse na merda e saír lavado (é un verso de Joaquim Pessoa). Polo pronto GB xa empezou a ornear contra el, algo terá.

É a primeira vez na historia que un especialista en sociolingüística está na PL deste país. Sabe o que fai, polo tanto esixámoslle máis e non lle teñamos misericordia se fai de parapeto do españolismo.

Pero deámoslle o beneficio da dúbida porque este paisano facha non é, e españolista tampouco.

Anónimo disse...

Dende este blog, disimule a domina, lanzo unha iniciativa para a formación dun partido político que teña por lema "Ardeu a casa: quentarse ós cangos". Un partido nacionalista, de esquerdas, pragmático, eficiente que porá orde no actual rebumbio da oposición. Acéptanse adhesións incondicionais, unicamente, érache boa!

Xosé María disse...

Respecto moito as iniciativas políticas que poidan amañar a situación (mesmo a simpática proposta de Anonymous) pero, raio, non estabamos a falar da SXPL? O espectáculo é curioso: a Mesa, sen cadeira para sentar e reflexionar un pouquiño (que queimen ó Lorenzo se o fai mal); o Pancho Vázquez ou López, que xa non sei distinguir, falando da traizón de Feijoo despois de escoitar á Gloria Bendita. Que está a pasar? Non digo que a lingua non sexa política, pero preferimos que todo vaia o peor posible para rascar uns míseros votos na vindeira elección? En fin, un víndeover. Será que en terra de Lobeiras, ouvear coma todos?