Número total de visualizações de páginas
quinta-feira, maio 20, 2010
O ramallete
Non sabes como podería conservalo? Si, para moito tempo, ou, mellor, para sempre.
Foi unha sorpresa, eu non o agardaba, cando entrou na sala e se achegou a min, dereitiña, radiante no seu vestido, no seu sorriso, nos seus ollos, veu onda min e díxome, "levántate", así mesmo, e toda a xente mirando, "levántate porque isto é para ti". Era para min pero eu case non vía, todo se me fixo niboeiro e mil imaxes chamaron á miña porta. "É para ti". A xente calou e eu pensei que ía caer, pero acheguei as mans ata tocarlle os dedos. Os seus dedos estaban firmes e a voz non lle tremía. Miroume e recuperei a serenidade. Traguei o niboeiro todo, apousáronseme as imaxes de dentro. Vina chantada diante de min e prendinme nela. "Para que te poñas ben e teñas moita sorte na vida e no amor".
Dixen que non o agardaba pero logo pensei e agora digo que tiña que ser así, por esa corrente de reciprocidade que fomos facendo as dúas. Eu sei todo o mal que ela o pasou e ela sabe o que pasei eu. Seis operacións, a dor, a desesperanza, o medo. A vida.
A morte. Os nosos avós están enterrados uns ao lado dos outros no cemiterio.
Eu o dela e ela o meu. Un ramo de rosas para sempre.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário