Número total de visualizações de página

terça-feira, maio 25, 2010

O home do saco



Os coches pararon cando o semáforo se puxo en verde e eu atravesei a estrada a correr polo medio deles, sen molestarme en facelo polo paso de cebra. Cruzamos a mirada brevemente e seguin andando pola beirarrúa que gañei dun chimpo. Lembro que pensei "hoxe síntome lixeira" e calculei que en quince minutos podía estar na casa apurando un pouco.

O sol dábame nas costas e proxectaba a esas horas unha sombra longuísima. Foi entón cando vin a súa sombra case tocando a miña e esa posibilidade de contacto incomodoume. Pensei a qué distancia estaría do seu propietario, tendo en conta que o sol ía moi baixo xa. Ladeei un pouco a cabeza como mirando as árbores que quedaban á dereita e vin a sombra intrusa desprazarse nesa dirección. "Ben", pensei, "seguramente collerá ese carreiro e eu continuarei a camiñada en solitario".

Seguía tendo aquela sensación de lixeireza e concentreime no ritmo marcado polo ruído dos tenis na grava. Pensei nun gran exército en formación desfilando e recitei mentalmente "un, dous, un, dous, esquerda... esquerda.... esquerda-dereita-esquerda", pero por detrás tamén me chegaban outros ruídos que eu non producía. Desta vez non mirei pero apurei o paso. Estaba rematando o tramo chan e chegando á nova pista que agacha pola ladeira en fortes desniveis.

"Seguro que ao chegar á costa dá a volta e acabouse o conto; eu sigo co meu ritmo coma se non fose comigo". Costa arriba as pernas responderon ao meu impulso distanciador, axudadas polo movemento dos brazos que imaxinaba como remos. Notei que voaba e, efectivamente, os pés apenas tocaban o chan no seu movemento incesante e disciplinado. Cando superei a primeira costa pensei en axustar as ataxes dos tenis pero non me atrevín: non estaba segura aínda de que non me seguían, aínda que os ruídos de antes xa non eran perceptíbeis, e esa parada implicaría perder o ritmo e a preciosa distancia de seguridade.

No canto de parar completamente, mirei para atrás sobre a marcha e vin a figura do home. Quedou como sorprendido e parou dubidando. Era certo! Estaba sendo perseguida! "Calma, calma... pero fuxe como poidas". Máis ritmo, agora si que ía despegar e cando chegase arriba de todo, só cando tivese acadada a cima, daquela miraría de novo e comprobaría que estaba fóra de perigo. Puxéronseme todos os músculos en tensión, esforceime en manter a respiración acompasada, e logrei manter os pensamentos amordazados e unicamente concentrados en optimizar todos os movementos do corpo nun desexo desesperado por manter e aumentar a distancia. De ningunha maneira podía deixar notar a alarma que sentía. "Cerrarlle o paso ao medo e fuxir do perseguidor", ordeneime.

Calculei que só se se poñía a correr podería alcanzarme, pero se o facía poñeríase en evidencia e provocaría a miña reacción inmediata, pois xa estaba alertada e el sabíao. Con estes pensamentos comecei a sentirme forte e satisfeita porque coa miña firmeza estaba facéndolle comprender que non sería capaz de manter ou aumentar o meu ritmo, que fora ridículo perseguirme e que me decatara da súa artimaña desde o principio. A brisa do solpor refrescoume o corpo suoroso.

Cando me vin na cima, xa coa vista tranquilizadora das casas enfrente, volvinme abertamente cara ao fondo e vino, case tragado pola escuridade e a distancia, pequeno e humillado, despois dunha persecución sen sentido.

2 comentários:

homburg disse...

Tamén é coincidencia! Mire o que contan aquí:
http://livrariapodoslivros.blogspot.com/2010/05/nao-ha-saco.html

Xis disse...

anxos, a ver cando nos animamos a escribir, cando menos, un libro de relatos...

parabéns