Número total de visualizações de páginas

domingo, janeiro 24, 2010

Tres historias


Percorrer unha praia no inverno en completa soidade é moi entretido. Non digo que non o sexa no verán, cando, en disfraz de camuflaxe, quero dicir espid@ con taparrabos e gafas de sol, se pode participar pasivamente de varias conversacións de descoñecidos ao mesmo tempo. Pero no inverno os contos tróuxoos o mar, deitounos sobre a area en aparente desorde, e retirouse ata a próxima marea.

Este sostén tróuxoo o mar. Non sei a quen llo quitou, pero podo imaxinalo. Foi a unha muller de pel suave e peito fermoso. Unha muller madura. Si, este tipo de prendas úsanas as mulleres maduras; a certa idade a comodidade anteponse a calquera outra consideración: branco, sobrio, para levar debaixo sen ensinar, para traballar sen que che escapen as tetas o se che descoloquen as tiras, contundente para erguelas e presentalas orgullosas e desafiantes. Que vos podo dicir eu? Cando vexo un sostén no mostrador dunha tenda xa sei como me vai facer sentir.

Mais o mar non sabe desabrochar sosténs... sigamos, pois, coa historia da nosa muller madura paseando pola beiramar. Esperaba un amante? Poida que si e que fose este quen llo quitase, entre bicos e caricias apaixonadas arrolando na area mentres saía a lúa. Ben doado é de esquecer un sostén en tales circunstancias. Ou poida que non, e que fose ela a que o pousase nunha peneda da praia e, mentres se bañaba e se secaba ao sol, non se decatase de que a marea subía e lambía a súa roupa e cando espertou, coa auga enfriándolle os pés, o sostén sobrenadaba xa moi lonxe e desistiu de ir buscalo. Se cadra tampouco foi así. A muller, despois dunha desagradábel discusión co seu marido, foi dar un paseo á praia. A brisa despeiteábaa, facía un pouco de frío pero non lle importaba: espiuse na praia solitaria e decidiu deixar alí todo o que a oprimía, todo o que lle sobraba. Logo marchou descalza.

O mar tragouno todo e cuspiu os restos da dixestión noutra praia, nunha calquera, a unha hora en que aínda non había pegadas de ninguén.

9 comentários:

Aníbal Léctor disse...

Desacougante, inquietante relato de tres historias. Ai, o mar, o noso mar (Bibiano cantaba).

Dilaida disse...

E non podería ser que o tirou ela, sacouno con rabia e tirouno lonxe, con el tamén tirou o anel que lle oprimía o dedo; quería liberarse e o primero paso era soltar todas as ligaduras do seu corpo e despois as da súa entorna.
Moi fermoso, bicos

SurOeste disse...

A metáfora do sostén, si, señora.

mar de Lempicka disse...

E loo un sostén non pode querer viaxar, ver mundo sen máis?

SurOeste disse...

Certamente!

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

O meu problema é sempre: sostén ou suxetador?

SurOeste disse...

Sostén (de soutien) é evidentemente unha adaptación do galicismo que non sei por que razón soa hoxe como anticuada, será por iso que teño unha relación de afecto con esta palabra.

Suxeitador é un castelanismo coa mínima adaptación fonética do sujetador castelán. Porén, a aposta do Xerais, vaian vostedes a saber por que é suxeitador.

Nota moi a ter en conta: as miñas avoas dicían axustador, xamais se aviñeron co se suxetador/suxeitador.

arume dos piñeiros disse...

É que eu sempre dixen sostén e sempre foi afeada a miña elección (sic, con ele).

Anónimo disse...

miña avoa, que en paz descanse, dicía sostién (con i). Por se val a testemoia.