Número total de visualizações de páginas

sexta-feira, janeiro 29, 2010

Aló, no fondal de todo

Foto Xebe d´Afrei


Ás veces na mirada dos outros atopo profundidades que me fan perder o equilibrio. Ás veces acontece, pero case nunca. O normal é cruzar miradas que son paxaros fuxidíos. Miradas que seleccionan e centran e afirman, pero que non queren ver máis. É normal, eu tamén o fago: mirar sen querer ver demasiado, unha rápida pasada sen importunar e xa o cerebro se encargará de completar a información e escollerá o ton no que se debe falar, se é que se fala, a calor coa que se choca unha man, se é que se choca, o chasquido dos beizos sobre a pel da cara ou simplemente no aire –plis, plas– se é que se bica.

O peor son as emocións capaces de levar ao fracaso calquera plan comunicativo previamente artellado. As emocións obrigan a buscar ao outro nas profundidades e atopar sorpresas desagradábeis, cousas que meten medo mais tamén oasis con auga, dátiles e sombra que convidan a descansar. Aí as están, difícilmente domesticábeis, profundamente animais, digan o que digan, sen palabras, con bágoas, tremores, carcalladas, suspiros. Emocións animais e mamíferas: pelo, dentes, uñas, leite e lingua.

8 comentários:

Fermín Dapena disse...

Olfacto, nunca esqueza o olfacto...

SurOeste disse...

O olfacto, penso eu, transmite información moi básica, que pode simplificarse na dicotomía atracción/repulsión, que nunca arrisca a un/unha a mergullarse nun abismo.

Fermín Dapena Faílde disse...

Demostración -máis ou menso -de que non é básico:

Ás veces no arrecendo dos outros atopo profundidades que me fan perder o equilibrio. Ás veces acontece, pero case nunca. O normal é intercambiar arrecendos que son paxaros fuxidíos. Arrecendos que seleccionan e centran e afirman, pero que non queren ulir máis. É normal, eu tamén o fago: gusmiar sen querer olfactar demasiado, unha rápida pasada sen importunar e xa o cerebro se encargará de completar a información e escollerá o ton no que se debe falar, se é que se fala, a calor coa que se choca unha man, se é que se choca, o chasquido dos beizos sobre a pel da cara ou simplemente no aire –plis, plas– se é que se bica.

E na próxima falamos do tacto.

SurOeste disse...

Ás veces, cando me achego a alguén e lle ofrezo a miña pel, atopo superficies cálidas e acolledoras que me fan soñar tenruras infinitas. Non sempre, claro, en realidade acontece moi poucas veces. O normal é o tacto impersoal, fuxitivo, o tócoche sen tocarche, o tócame o menos posíbel pois tocarse sen desexalo pode ser violento e desagradábel. E aínda así o perrmitir ser tocado é un aceno de amizade e o tocar levemente significa vontade de non ser violento. Graduar correctamente o tacto é o máis difícil que existe, transmitir a calor exacta sen impoñerse nin deixar frío e indiferente. Porque o tacto, máis que nada leva implícita unha certa posesión do que se toca.

Por todo isto, penso que a expresión "no me toques los cojones" castelá é un claro exceso da linguaxe, porque para chegar a iso, literalmente... xa fai falta!

No próximo falamos do gusto.

Aníbal Léctor disse...

E que nos pode dicir da palabra: do ton, do matiz, da inflexión, das frases ditas e das caladas, do marmurio, do riso, da respiración. Estou a falar do oído? Non necesariamente. En todo caso, non exclusivamente. Falo talvez da boca.

R.R. disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
R.R. disse...

Borrei a mensaxe porque se trataba dunha sucesión de babexadas con respecto ó que escribiron vostede e o señor Léctor. Pero que conste o resumo.

Fermín Dapena Faílde, o chauffeur disse...

Babexadas por ler cousas gorentosas, supoño, don r.r.

Señora, podía etiquetar este post como "presinestésico".