
A min nunca se me ocultou que houbera República nin Guerra Civil, nin represión nin fame, nin dor, nin medo. Nunca de portas a dentro da miña casa, si de portas a fóra. Non lembro nin unha soa alusión na miña vida escolar, nin un só comentario nos xornais, nin un documental na TV ata hai moi poucos anos. De repente a memoria rebentoulle a algúns na cara e miraron para outro lado, facendo que non vían. Pero unha cousa son os espectros, cousa desprezábel desde o punto de vista científico, e outra os restos humanos con sinais de violencia que van aparecendo teimudamente. Esta evidencia obriga, loxicamente, a que moitos adapten o seu discurso: "si é certo, pero de que vale remexer no que pasou hai tantos anos?"
Vale, claro que vale, é unha mínima reparación, unha necesidade diría que hixiénica que o sistema político español, que toda a sociedade actual, construída sobre o aniquilamento de moitos e a dor e a humillación dos que lles sobreviviron, ten pendente. Por iso non é nada estraño que o que o discurso oficial ignorou ou minimizou tanto tempo buscase vías de saída alternativas na literatura, un xeito tan válido coma outro calquera, segundo Thompson, para achegarse á historia. As novelas da memoria son a marca dun tempo épico e bárbaro que moitos vivimos a través da voz dos que nos precederon.
1 comentário:
veño de coñecer, precisamente agora unha historia oculta durante moitos anos, con filla ilexítima político M.A. incluida, cústame crela aínda, e o peor, que non se poida remover nada....haberá que recurrir a historias clínicas de saúde mental para saber...
Enviar um comentário