Número total de visualizações de página

domingo, dezembro 06, 2009

A caixa dos fíos

Foto de Xebe d´Afrei

A miña nai ten sensibilidade de artista: é rebelde, sensíbel e ten unhas mans marabillosas. A súa arte nunca chegou aos museos pero creou primorosas pezas téxtiles que encheron de beleza a sobria cotidianeidade da familia. Os embozos das sabas e as fundas das almofadas da miña infancia eran un primor de colorido en arabescos florais. Tamén bordaba en branco, ás veces combinándoo con gris naqueles xogos de cama que ela consideraba de maior finura, diminutas e apretadas floriñas gornecendo unhas letras moi rebirichadas.
A caixa dos fíos era un dos meus pasatempos favoritos. Madeixas de moitas cores en diferentes tonalidades con nome suxerente: amarelo, ocre, alaranxado, color lume, encarnado, castaño, verde musgo, verde piñeiro, violeta, salmón, rosa claro, máis claro aínda... mmmm... os rosas son un mundo, e a gama dos amarelos aos vermellos outro. E que me dicides dos azuis? Do celeste ao ultravioleta, unha ducia de madeixas, polo menos.
Series de madeixas graduadas en tonalidades. Series de madeixas de cores opostas. Parellas e tríos de colores ao chou, acendéndose ou atenuándose mutuamente: pura maxia.
As cores íanme axudando a percibir o mundo e logo clasificaba o que vía de acordo coas regras da caixa, porque a caixa era a Normativa das Cousas Bonitas.
Dicídeme cantas madeixas farían falta para bordar este ceo.


7 comentários:

Fermín disse...

Por baixo da miña casa pasa un regueiro que quen me dera que viñera da súa.

Aníbal Léctor disse...

Imposible bordar tanta beleza xunta.

SurOeste disse...

Fermín, eu as augas residuais téñoas recollidas, non se pase!

Aníbal, de verdade que teño moitas madeixas, non dea nada por imposíbel.

Fermín disse...

¡Auga limpa, señora! Para unha vez que me poño poético na resposta vai vostede e mándame un zurullo.

SurOeste disse...

Que me esmendrello!

SurOeste disse...

Fermín, home, non te poñas así, que pensei que me querías poñer un pleito.

Chousa da Alcandra disse...

Ese seductor poder do cromatismo das madeixas fai que case poida percibirse o tacto suaviño do material. Descoñezo cantas son necesarias para calcetar o ceo que dis, pero se quen calceta é tan hábil coas agullas como o eres ti coa semántica, pouco importa o número. Seguro que sairá un fermos arco da vella.