Número total de visualizações de páginas

quinta-feira, dezembro 10, 2009

Distorsión

Foto de Xebe d´Afrei

Desde que o coñecera toda a súa vida anterior parecíalle nebulosa e sen graza ningunha. O momento cero marcábao aquel instante en que ela tivo o valor de retrucarlle unha opinión que el acababa de expresar con autoridade. El desviara apenas os ollos nun xesto de desdén e seguiu falando sen prestarlle máis atención. A partir dese momento sentiu a estraña necesidade de ser merecente dunha mirada de aprobación ou de disgusto, de calquera emoción nítida máis alá da friísima indiferenza.

Era teimuda e buscou todas as posibilidades de intersección. Ao principio seguiu contradicíndoo. Logo, despois de ter estudado a conciencia as variantes do seu discurso, matizouno suavemente. Acabou dándolle a razón e ese día recibiu unha mirada cálida que a colleu desarmada e coa melena ao vento.

Xa non houbo máis posibilidade de diverxencia: a súa visión do mundo virou radicalmente para acomodarse á necesidade que tiña daquela mirada. Ás veces tiña que violentar a súa lóxica e os seus sentimentos, retorcer o seu sistema de defensa, estirar, engruñar, esgazar. Axiña veu a inseguridade, a espera cautelosa a que el falase antes, a búsqueda ansiosa da súa aprobación despois de apoialo con argumentos de pé de banco. Nunca era suficiente e cada vez se sentía máis pequena e indefensa.

Moitos anos despois de que a deixase, aínda seguía imperando nos seus soños.

1 comentário:

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

Admirable descripción de tantas experiencias semellantes, principais causas de tantos desastres.