Número total de visualizações de página

terça-feira, dezembro 11, 2007

Paté gatuno



Á miña delicada e vetusta gatiña permítolle todos os caprichos desde a súa operación de cancro de mama, hai xa case un ano. Solidariedade feminina, supoño. Ela sábeo -évos máis lista...- e aprovéitase. Agora afeccionóuseme ao paté gatuno, ou se preferides paté de chat, ao mesmo tempo que aos mimos en français. Eu, como sei idiomas a esgalla e teño uns aforriños, cúmprolle todos os gustos, gañando ela, en calidade de vida, e eu, en refinación mondaine. Este repentino cambio nos costumes da casa fai que ás veces, debido á miña natural falta de previsión nos mil e un deberes cotiás, quede sen reservas alimenticias con que satisfacer o voraz apetito da reine da casa e esta situación lémbrame a aquela curmá do meu pai cando confesaba que ao seu derradeiro vástago, xa se sabe que a rixidez materna vai pouco a pouco cedendo, déralle unha vez un potito, por probar, e en desde aquela o neno enviciose de tal forma que xa non lle probaba outra cousa e había que irlle á vila a propósito para a ración diaria. Unha verdadeira complicación tendo en conta o cómodo que era esmagar un pouco do caldo familiar. Por certo, e non sei se vén a conto ou non, veume á cabeza que tamén a este derradeiro greliño da curmá do meu pai falóuselle en castelán, para completar a crianza refinada.
Pois o caso é que eu hoxe fun comprar paté de chat, contenta por terme acordado xusto cando acabou a derradeira latiña.
-Tedes paté de gato?
-Temos paté para gato, pero se queres podemos coller un gato e convertilo en paté.
-Juá, Juá, non era mala idea. Pero este é de can!
-Siiii, pon o debuxo do can pero vale tamén para gato, de feito o meu está encantado con el.
Os comerciantes desta vila son o demo. Que facer? Arriscarme á mirada de desprezo da reine ou á súa mirada de fame? Intentalo, se cadra ocultándolle a cara de can e as letras...
Onde aprendería a ler a condanada?

4 comentários:

Ana Bande disse...

Eu tamén lle teño cariño aos meus michiños, Ulises e Jara. Son unha chulada, xogas ás agachadas, quéntanche os pes, tiran con todo para chamar a atención e téñenme os sofás cunha boa melena de tanto rabuñar. O dos idiomas non o probei pero logo da súa experiencia tomo nota e falarei con eles o meu deficiente inglés para ver se consigo que me fagan algo de caso e me botan unha man coa casa,que son un auténtico desastre.

cave canem disse...

Suroeste, non me asuste, era paté de can ou para can?

SurOeste disse...

Paté au chien, mon cherie.

JPT disse...

desculpe, mas não há email neste blog?
cumprimentos, até breve