Sempre me lembro de O home da peluqueira por aquela escena infinda en que o home, sentado na cadeira diante do espello da peluquería, espera embelesado mentres ela lle pasa os dedos suavemente entre o pelo lavándollo, cortándollo, peiteándoo, e decide quedar toda a vida prendido naquela estancia mirandoa como fai o seu traballo nas cabezas dos demais. Estar alí de macón, como diría a miña avoa, é o mellor que se lle pasa pola cabeza. A peluquería e a peluqueira son xustamente o paraíso daquel home e el sabe recoñecelo ao instante.
E xa que estamos na peluquería, imos falar deste gris peluqueiro de O home que nunca estivo alí, ao que os irmáns Cohen poñen en apuros, pero nin así logran despeitear. Tremenda película, amigas e amigos: paródica, aceda, estéticamente impecábel, interpretacións impresionantes... que máis podo dicir? Ah! a escena na que a doce e virxinal Scarlett lle propón unha mamada vulgaris ao gris peluqueiro deixoume sen palabras.
Cambiemos de terzo, e vaiamos experimentar co enigmático oriente: Akiro Kurosawa!!! É difícil escoller entre tantas marabillas como fixo este home, pero vou propoñer Os sete samurais, esa xoia onde o Oriente se me fai tan próximo coma a miña aldea de sempre: o día da sementeira é unha das cousas máis fermosas que teño visto no cine. Como vedes vaime a épica do traballo (gusto que debín herdar da miña nai).
E xa que nos poñemos así, imos de paseo polas antiguallas xeniais. Lembrades O maquinista da Xeneral? O antiheroe hiperactivo e hipocondríaco, moderno ata nos arrebatos misóxinos.
Que nos queda na recámara? Imos tirar un pouco para a casa tamén e falar de Mar adentro, unha película sen grandes alardes pero na miña opinión ben narrada e ben interpretada. Teño que dicir que non podía parar de chorar?
10 comentários:
Vaia, por aquí tamén impera o cinco. Veño mesmo de colgar un comentario na casa de Fra sobre ese número e case podería traelo comigo.
Teño que dicir que me parece unha interesante selección e, en todo caso, na miña opinión 'Mar adentro' é a elección que máis me costa aceptar (un xeito de dicilo, por suposto).
'... pero los cinco perdemos cuando nos-
enamoramos'.
Mar adentro, Can, non é unha película para culturetas, por non ter non ten nin bibliografía, pero sopra na miña dirección.
Vaia, vexo que unha praga memeira (e esta vez non é culpa miña) tamén azouta os teus acantilados, Sul. Películas? C'est bien... Dentro de pouco, faremos as listas máis inverosímiles, cando rematen as outras...
Da escolla, eu suliñaría o meu cariño entrañábel por Buster Keaton, pleno merecedor de certos poemas da Xeración do 27, e Kurosawa (anque me vaian máis as súas máis que libres lecturas de Shakespeare en 'Ran' e 'Trono de Sangue', ou unha 'Fortaleza Escondida' escandalosamente pirateada por ese canalla do Lucas como guión para a primeira peli da Guerra das Galaxias.
De 'Mar Adentro' lémbrome dunha anécdota jocosa, mais en vistas de que pouca xente comparte, creo, o meu dexenerado sentido do humor (propio de 'Ortega y Pacheco' e Bud Spencer), voume abster de seguir máis adiante...
Incrible e beckettiano Buster sempre. A súa arte morreu con el, onte comprendíao vendo "Ladro di biciclette" e é moito menos popular que a de Chaplin. Sobre as outras suspendo o xuízo pero nada digo. Se dixera, censuraría. E censurar nunha lista de five principals por moito que inclúa un filme como "Más p'adentro" (recorda "El jueves", Fra Vernero?) sería como limitar o territorio de Suroeste. Roland Barthes dicía que os catálogos do que nos gusta son como actos de posesión de nós mesmos polos que afirmamos metaforicamente: este é o meu espazo, este é o meu corpo. (Lean "Roland Barthes par Roland Barthes", non se arrepentirán.) Así que Suroeste en posesión de si mesma dixo: estes cinco. E a quen non lle guste... é que non podería amar a súa persona, o corpo que é... dédans et déhors.
E dálle...mirade, vou ser sincera, máis aínda do que son habitualmente: non teño nin idea de cine, non fun aos videoclubes, nin teño videoteca nin enciclopedia do cine, non pensei en facer o post para facer o canon do cinema mundial nin para ofrecer aos esquisitos padais vosos as quintaesencias da arte, non teño nada de que presumir, simplemente dixen 5, vale, as primeiras que me viñeron á cabeza (por algo será, digo eu, afeccionados á psicoanálise atentos).
Mongoloid, máis alá do verniz cultural, que sempre adorna e fica ben, coidado! eu cando podo tamén presumo, aquí hai unha muller feita e dereita non exenta de certo encanto... debaixo das espiñas.
Non vos rabuñedes!
E por certo, falando de espiñas, dáme a espiña que isto se está inzando de heterónimos, a vós non??
E direi máis: para o voso escándalo estiven a punto de poñer "El hombre de Boston" por aquela carreira tola das goletas de Gregory Peeck (o de Boston) e Anthony Quinn (o Portugués)a rachar velas e paus e o que faga falta, mais non souben como traducir o título...
Ah... o Portugués... encántame esa personaxe do Quinn, alén de que o seu mote faime unha gracia inmensa (outra volta da risa e o meu retorcido senso do humor) cando penso no Pater Patriae, o Irmán Daniel e aquel portugués que escorre por 'Os vellos non deben de namorarse', enleado coa lercha da Micaela a roubarlle as leiras ao meu don Ramonciño...
Não tenho consciência de ter visto nenhum dos teus filmes, embora tenha comprado há muito pouco Mar Adentro, em dvd, e o tenha aqui junto à televisão para ver uma noite destas.
Gosto da tua selecção, contudo, porque ela é mais emocional que intelectual. Enfadam-me as listas que propõem um conjunto de obras que o cânone considera geniais e que todos se apressam a considerar geniais. Gosto destas selecções muito pessoais que se baseiam em cenas que nos marcaram e que nos explicam enquanto indivíduos.
Eu e con "Mar adentro" aínda non me atrevo...
Enviar um comentário